O garda civil que disparou ao batería dos Piratas, a xuízo por homicidio imprudente

O axente que disparou en agosto de 2015 a Javier Fernández será xulgado por homicidio imprudente, segundo un auto emitido polo Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2016 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

O axente da Garda Civil que disparou en agosto de 2015 a Javier Fernández, que foi batería do grupo vigués Piratas, será xulgado por homicidio imprudente, segundo un auto emitido polo Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas (Pontevedra). Así o confirmou o avogado da viúva, Gerardo Gayoso, quen ratificou que a xuíza instrutora impuxo unha fianza de 30.000 euros ao axente.

Javier Fernández, batería de Los Piratas.
Javier Fernández, batería de Los Piratas.

A acusación particular solicita para o garda civil catro anos de prisión e seis de inhabilitación profesional, mentres que Fiscalía pediu o arquivo da causa porque entende que o procesado actuou en defensa propia.

Xa en setembro transcendeu que a maxistrada vía indicios da comisión dun delito de homicidio por imprudencia grave por parte do axente da Garda Civil que o 26 de agosto de 2015 efectuou o disparo que acabou coa vida do que foi batería de Los Piratas.

Así constaba no auto de transformación da causa a procedemento abreviado, que pon fin á instrución. A raíz diso, a Fiscalía presentou un escrito polo que pediu o sobresemento da causa. Pola súa banda, as dúas acusacións particulares, que representan familiares do falecido, secundaron os indicios de delito.

FISCALÍA E ACUSACIÓN

A Fiscalía solicitou o arquivo da causa baseándose en que a actuación do axente da Garda Civil ao disparar se ampara tanto na xustificación de lexítima defensa coma na eximente completa de cumprimento do deber.

O avogado Gerardo Gayoso, que representa a viúva e o fillo menor de idade do falecido presentou un escrito de acusación no que mantén que hai indicios de criminalidade por homicidio por imprudencia grave profesional. Polo tanto, pediu que sexa condenado a unha pena de catro anos de prisión e a outros seis de inhabilitación para o exercicio da súa profesión.

VERSIÓNS CONTRADITORIAS

A morte de Javier Fernández estivo rodeada de polémica dende o primeiro momento, xa que a familia do falecido e a Garda Civil manteñen versións contraditorias sobre o acontecido na vivenda.

Mentres que o Instituto Armado informou de que a intervención na vivenda se levou a cabo por un suposto delito de violencia de xénero, a muller do batería negou en todo momento que fose vítima de malos tratos, e ante o xulgado ratificou que ese día o o seu marido se comportou de forma violenta porque tiña unha crise derivada da retirada da medicación para a súa enfermidade psiquiátrica.

Segundo a Garda Civil, o falecido comportouse de forma moi agresiva e atacou un dos axentes que estaba no seu domicilio. Ante a persistencia da súa actitude, e sempre segundo a versión ofrecida pola Benemérita, o outro garda viuse obrigado a realizar un disparo intimidatorio que lle alcanzou no abdome, causándolle a morte pouco despois.

Non obstante, a súa viúva e os seus amigos sosteñen que pediron axuda porque Javier Fernández tiña un brote psicótico e que en todo momento se advertiu aos axentes e aos sanitarios desprazados á vivenda que o músico era un enfermo mental. A muller negou, así mesmo, que a tivese retida ou que corresen perigo ela ou o seu bebé de poucos meses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Veredes coma neste caso fanlle caso á Fiscalía... mentres en breve xulgarán a Diego onde o Fiscal non atopa delito algún, pero outro membro das forzas armadas (policía local) segue adiante contra un Diego INDEFENSO! http://cabozo.com/taboext.php?grupo... // O Garda Civil que matou a Javier deberan INHABILITALO de por vida (por ter o gatillo fácil) e ao policía local de Vigo deberan inhabilitalo por MENTIR amparado no escudo de Autoridade Pública que o protexe !!!

1 fatal

Disparou e matou, asasinou. Ou?

1 Galahaz

Non, asasinar é cometer un homicidio con circunstancias agravantes (aleivosía, encarnizamento ou por prezo, recompensa ou promesa) que neste caso non se deron.