Temas: BNG

"Reinvindicar a soberanía é realista porque é unha necesidade"

Alberte Fernández é o novo líder das mocidades do BNG. Nesta entrevista abordamos os desafíos dos seu mandato e o debate sobre a reforma da Constitución. O plan de emprego prometido por Feijóo, o botellón, a legalización do cannabis e a mala imaxe dos políticos son outros dos puntos desta conversa.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 07/12/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Galiza Nova organizou este martes un acto para revindicar unha constitución propia para Galicia. Até que punto é realista esta reivindicación cando as forzas soberanistas no país nunca superaron a barreira do 30% dos votos?

Alberte Fernández Silva, secretario de Galiza Nova
Alberte Fernández Silva, secretario de Galiza Nova

Si, organizamos un acto xunto co BNG para reivindicar unha Galiza soberana, con capacidade de decidir sobre os nosos recursos, tampouco nos identificamos con esta constitución que antepón os intereses do gran capital fronte aos do pobo galego. A reivindicación do dereito de autodeterminación do noso país é realista en tanto que é unha necesidade. Non somos nacionalistas por capricho, sómolo e reclamamos unha constitución propia porque precisamos rachar coa situación colonial da nosa nación.  Precisamos soberanía para mellorar as nosas condicións materiais de vida, é dicir, lexislacións propias para que os nosos sectores estratéxicos poidan producir, para potenciar a industria e o I+D+I en Galiza, así como para ter servizos públicos de calidade. Nese sentido esta é unha reivindicación totalmente realista. 

Vostede colle o leme de Galiza Nova nun intre delicado para a organización. No seu día o BNG era sen dúbida a primeira opción electoral entre a mocidade, pero os estudos demoscópicos indican que agora son as mareas. Por que cre que se produciu este cambio?

Non estou dacordo en que o BNG non sexa unha referencia importante para a mocidade a nivel electoral. Os estudos demoscópicos teñen desmostrado moitas veces o seu emprego como ferramentas do sistema para xerar correntes de opinión. Por exemplo nas últimas eleccións galegas demostramos que moita xente volta a mirar para nós, fronte ao que os estudos afirmaban.  Tanto en Galiza Nova coma no BNG estamos a abrir un tempo novo co Proceso Adiante como espazo principal para o noso relanzamento. Estase a consolidar unha fase ascendente dende o Día da Patria deste ano. Cada semana mozas e mozos estanse achegando a nós e dándose de alta nos últimos meses. Somos unha organización viva, a organización xuvenil con maior implantación de todo o país e con actividade continuada. 

Dende En Marea revindican unha reforma da Constitución que acepte o dereito a decidir de Galicia e un Estado Federal. Serían estes puntos admisibles para vostedes ou son demasiado pouco ambiciosos?

Alberte Fernández Silva na Asemblea que o elixiu líder de Galiza Nova
Alberte Fernández Silva na Asemblea que o elixiu líder de Galiza Nova

Non é unha cuestión de ambición, senón de realismo. A constitución española non é reformábel, e o caso catalán é un bo exemplo. Forzas políticas coma Podemos falaban dunha ruptura democrática hai un ano e na actualidade falan de reformas parciais, mais nós consideramos que unha Constitución herdada da ditadura franquista, que mantén os privilexios á Casa Real e que parte da concepción do estado español coma unha prisión para os pobos, non pode ser reformada. Por iso, dende Galiza Nova pulamos pola creación dunha Constitución Galega, unha constitución xusta, solidaria e que emane das galegas e dos galegos. Un marco xurídico que permita vivir con independencia á mocidade galega, é dicir, exercer o noso dereito de autodeterminación coma nación libre no mundo e erguer entre todas e todos unha sociedade nova.

Cales son as prioridades para o seu mandato como Secretario Xeral de Galiza Nova?

Abrimos este período con grande ilusión e compromiso, persoalmente síntome moi afortunado de formar parte deste proxecto colectivo, e en concreto do equipo que me acompaña. O principal obxectivo desta nova Dirección Nacional é actualizar a nosa metodoloxía de traballo, de cara a mellorar o noso funcionamento e acadar os nosos obxectivos estratéxicos. Queremos aglutinar a máis mocidade arredor da causa nacionalista para reforzar o movemento de liberación nacional e social de Galiza.  Deste xeito un dos obxectivos pasa por dar un paso máis na dinamización das comarcas e as localidades levando a cabo campañas relacionadas cos problemas máis próximos e diarios da mocidade galega, estando en contacto permanente coa mesma. Neste sentido aprobamos mudanzas estatutarias que reforzan o asemblearismo local e comarcal.

Feijóo, cando tomou posesión, anunciou un plan de emprego. Que medidas específicas para a mocidade cre que deberían incluír?

É fundamental que exista un plano específico dende as institucións para favorecer o emprego xuvenil. En primeiro lugar cómpre destacar que a administración central ten a maioría de competencias en materia de emprego e é o Partido Popular dende Madrid quen tería a capacidade de reverter a situación de extrema precariedade da mocidade galega. Isto deriva das reformas laborais do PSOE e do PP, das cales reclamamos a súa inmedianta derrogación e pulamos por un marco laboral galego onde teñamos capacidade de decisión e se tomen medidas acordes á nosa realidade, diferente da do resto do Estado. A pesar diso, desde a Xunta tamén se poden levar a cabo iniciativas como bonificacións a empresas que contraten xente moza, ampliar o orzamento para investigación nas universidades e I+D+I (que tamén xeraría máis emprego), e que estas bonificacións sexan para empresas que xeren emprego digno, a xornada completa, sen salarios de miseria e non temporal. En definitiva dende Galiza Nova consideramos que este plan de emprego de Feijóo non é máis ca un canto de serea porque nos seus anos de goberno demostrou o seu desleixo ante esta situación, no cal se limitou a convidar á mocidade galega a emigrar como por exemplo coas bolsas Galeuropa.

Unha das teimas dos últimos meses dos medios estatais é o botellón, todo un clásico na axenda mediática. Cal é a postura de Galiza Nova respecto a este fenómeno? 

O botellón non é un fenómeno tan actual senón que é unha práctica que leva realizándose durante varias xeracións. Dende Galiza Nova opoñémonos ás políticas criminalizadoras da mocidade, cremos que é importante que existan alternativas de ocio que non se centren unicamente no consumo de alcol, mais tampouco compartimos esa visión criminalizadora que está de actualidade nos medios. Por exemplo no Concello de Pontevedra, onde goberna o BNG existe un consolidado programa de lecer, Noites Abertas, promovido polo goberno nacionalista, entendemos que ese é o camiño polo que seguir.

E no referido ao debate sobre a legalización do cannabis?

Opoñémonos ás políticas prohibicionistas, cremos que debería ter unha consideración similar ao alcol e ao tabaco na cal ambos están legalizados, comercializados e distribuídos de forma controlada, coa fiscalidade correspondente. Deste xeito queremos eliminar o entramado mafioso que se beneficia do mercado negro e que se atopa na economía sumerxida. Non nos confundamos, con isto non falamos de promover o seu consumo, ao igual que ao do alcol e o tabaco, unha cousa é pular pola súa legalización e outra moi distinta polo seu consumo.

En moitos sectores da sociedade, especialmente entre os mozos, a política e os políticos están moi mal vistos, debido aos casos de corrupción...

Eu considero que a política non é o que dende o sistema se nos fai crer, a política non é só ter cargos institucionais, que é o que está mal visto, e onde abondan os casos de corrupción. A política é organizarse para mudar o mundo, para mellorar as nosas condicións materiais de vida. Se a xente moza, se nós non nos implicamos na política, outras persoas tomarán as decisións que afectan á nosa vida por nós, por iso temos que facelo para sermos donos e donas do noso futuro.

Que foi o que o animou a vostede a dar o paso para situarse na primeira liña pública da política?

No meu caso, eu fago política para mudar as cousas, e afronto esta responsabilide con ilusión. Estamos nun momento verdadeiramente ilusionante cunha Galiza Nova en crecemento e cunha nova oleada de simpatía cara o nacionalismo galego, ademais non podería estar máis orgulloso de que se confiase en min para encabezar o proxecto.

Temas: BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

4 nostrus

Y si se hiciera o hiciese una constitucion para Galicia....¿habria que cumplirla y respetarla? digo esto porque como la actual constitucion que tenemos parece que solo tiene que cumplirla el que quiera no veo yo porque habria que cumplir la supuesta constitucion gallega. Por lo demas este chaval solo expresa sus delirios, ilusiones y alucinaciones y nos intenta explicar que la voluntad de una minoria nacionalista en un rincon de España tiene mas categoria que la mayoria de los españoles en el conjunto de España. Viva España (con Galicia dentro de ella, claro)

1 Lume

Esa "minoría nacionalista" ten todo o dereito a reivindicar o que lle pertence, pois a subordinación aos intereses de Madrid non fai máis ca perxudicar ao pobo galego.

2 nostrus

Lume, pois si esa minoria nacionalista ten o dereito a reivindicar o que lle dea a gaña, tamen os que estamos en contra das tonterias temos o mesmo dereito a espresar e reivindicar. O nacionalismo non persigue o ben para Galicia, o único que pretende é crear un espacio que se adecue as suas pallas mentais. O seu reino non é deste mundo e só lle importa a lingua, a cultura e a identidade ficticia que solo cabe nas suas mentes.

3 asdasdasd

Demonstra vostede, nostrus, que tem uma ideia errada do nacionalismo

3 Paco de Rebordecháns

Á pregunta "Que foi o que o animou a vostede a dar o paso para situarse na primeira liña pública da política?", a resposta correcta é: " O meu papá, que para iso é alcalde do Benegá".

1 Tita si Tarasca non

Pois moi ben polo pai, que criou un fillo nacionalista. Ti seguro que fixeches o mesmo

2 Ana

Iso mesmo penso do Baltar, que criou e situou ao fillo... Acontece que nós eramos "progres", o da família, a herdanza e os cargos vitalicios non era o noso, ou si?

3 Fernando6

Paco de Rebordecháns, canta covardía, que país de ananos, carallo. Agora resulta que Abraldes que leva toda a vida loitando cun cacique no concello de Barro usa ao BNG para colocar ao fillo. Non tedes nin idea de como é ou era este país non hai tanto. Quen carallo ía nunha lista do BNG hai 25 anos?

4 La pastillita loqui

Loquito vitalicio si el padre no lo eligio en GN ni el tiene sueldo como lo comparas con Baltar hombre como cuando comparastes aquello tan desafortunado

5 123123

O rapaz leva loitando na organización durante case una década, pero si, o argumento é que os cargos se herdan. Se niso é no único que se basa a crítica pois será que estánse facendo as cousas ben.

2 Complutense noroeste

Ya estamos con nacionalismos y esas movidas, que lo de ahora te son los movimientos ciudadanos, o es que no lo entendemos? Mi madrita...

1 Tonto as duas

Sin duda. La cuestión es... quien paga?