É o BNG realmente nacionalista?

Ía escribir a columna deste mes sobre as vilas europeas que poderían ter votado a Trump, mais nisto morreu Fidel.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 08/12/2016

Comparte esta noticia
 
Os nove días desde que finou o xeneralísimo cubano foron unha boa mostra da aínda tremenda popularidade que ten Cuba en boa parte do mundo. Malia que mesmo incluso no eido da esquerda, sobre todo en Escandinavia , se lembrou o feito de que o réxime era unha ditadura do proletariado con bos médicos e mestres, non faltaron as lecturas positivas, case haxiográficas do personaxe. A TVE, en teoría en mans do PP,  chegou a facer os telexornais desde A Habana. Mais a morte de Castro deume pé a voltar cavilar sobre a visión do mundo, das relacións internacionais e a definición do interese nacional que ten Bloque Nacionalista Galego.
 
Certo é que a reacción do BNG ao óbito non tivo nada de rechamante comparado coa de partidos abertamente comunistas ou da nova-vella esquerda tipo Podemos. Xa falamos noutra columna das homenaxes rituais que se lle fan na Praza da Quinta cada Día da Patria ó  Partido Comunista Cubano, a OLP, o Partido Socialista Unido de Venezuela ou o Partido Trabalhista brasileiro. Seguramente para a maioría dos asistentes non pasa de ser un brindis ó sol mais estimo que estas dependencias da Guerra Fría non deixan de ser plenamente disfuncionais e contraditorias cun partido, ou fronte de partidos, que se reivindica nacionalista galego.
 
Haberá quen diga que a crítica é inxusta estando agora o Bloque como estaba electoralmente no ano 86 e porque no seu lugar non se arremete contra os partidos do sistema da II Restauración. Pero é que o Bloque non é un partido calquera; o PP e o PSOE poden desaparecer que xa aparecerán un Ciudadanos ou un UPYD para ocupar o seu posto de avogados do Estado. En troques o BNG é a principal encarnación contemporánea dunha idea xa vella de 200 anos que afirma que ser galego non precisa de ningún outro epíteto para entenderse plenamente a si mesmo, e que o mellor sistema posible é o dun goberno e un parlamento dos galegos , polos galegos e para os galegos.  Por iso como o BNG vexa o mundo importa, e moito, para o futuro de Galicia.
 
Emporiso, se un partido é nacionalista, non resultaría lóxico que a primeira consideración para observar o exterior sería o interese colectivo dos galegos, presentes e futuros? Nesa lóxica ten sentido que se teña simpatía polo Chavismo cando ese réxime e responsable dos problemas da colonia galega, practicamente tildada de kulaks pequenoburgueses?  Ou ignorar que boa parte da colonia cubana en Florida é de orixe galega?  Indo a outro tema máis emocional como pode ser o do Pobo Saharauí, pobo por certo heroico onde os haxa, non tería sentido tamén pararse a considerar as implicacións dun desexable futuro arranxo do conflito en termos de intereses galegos, coma por exemplo a pesca?  
 
Collamos outro caso totémico coma é o Palestino: estes días estiven lendo Fin de Século en Palestina, de Murado, probablemente o mellor libro sobre o conflito Israel-Palestina é galego. Non hai nin que ter media humanidade para simpatizar co padecemento dese pobo árabe. Agora ben non tería sentido preguntarse por qué Israel se converteu da nada nunha potencia mediana? Foi todo polos cartos e armas estadounidenses? Poucas chegaron antes do 1967. O gauchismo divino que nubra o nacionalismo do BNG impídelle estudar o caso do Mapai, o partido laborista Israelí, unha formación moito máis de esquerdas nos feitos do que moitos militantes da UPG o son nas verbas:  deles procede o movemento dos Kibbutz, o maior experimento comunista non apoiado pola violencia de estado. Construíron un Estado, volveron a falar unha lingua morta había 2000 anos, e malia as súas abertas simpatías por Stalin foron capaces de navegar cos Norteamericanos para conseguir que a ONU lles dera un Estado propio. O caso como mínimo merece un estudo.
 
Rematemos co antiamericanismo. Xa se encargan os estadounidenses eles soíños de arruinar a súa república do mesmo xeito que os romanos fixeron coa súa. Non só e Trump, desde Nixon a Bush fillo pouco a pouco as sobrias virtudes cívicas van cedendo ó reflexo imperial. Pero ten senso o antiamerianismo irreflexivo (ou xa postos, o anti-merkelismo), cando os EE.UU e Alemaña son federacións democráticas e todas as outras potencias medianas ou emerxentes, xa sexa China, Rusia, India, Turquía, Africa do Sur, Xapón e non digamos Francia están ideoloxicamente opostas a considerar Galicia coma outra cousa que un apéndice de España que o que mellor podería facer é desaparecer dunha vez?  
 
 O mundo é complicado e non se lle pode esperar a xente nacida nun contexto histórico concreto abandonar certas servidumes que en momentos de grande zozobra e privación de liberdades cívicas deberon supor unha fonte de esperanza. O que non resulta xustificable é que esas dependencias hipotequen a posibilidade dos galegos de contar algo no mundo do futuro. O mundo é complicado e inxusto pero non vamos ser nós os que salvemos os mapuches.  Galiza First.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA