Caballero denuncia o "boicot absoluto da Xunta" ao aparcamento gratuíto no Hospital Álvaro Cunqueiro

Resta importancia á xestión compartida da AP-9 e insiste en baixar as peaxes e facer os accesos dende Bos Aires

VIGO | 07/12/2016 | Actualizada ás 15:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou o atraso e "boicot absoluto" por parte da Xunta á construción do aparcamento gratuíto no ámbito do Hospital Álvaro Cunqueiro, e acusouno de pensar só en "que a xente de Vigo e a área pague aparcamento ou multas".

"É obvio que non quere que haxa un aparcamento gratuíto", remarcou o rexedor, que xustificou estas palabras en que o Concello pediu un permiso a Augas de Galicia e, aínda que o informe "foi asinado o 24 de agosto, non foi remitido ata o 4 de outubro". "Estivo parado case mes e medio nun caixón para atrasar a obra", apostilou.

Ademais, recordou que xunto ao hospital hai un terreo da Xunta cualificado de aparcamento que o Goberno galego podería habilitar "mañá mesmo" pero "non quere", polo que considerou que isto "pon de relevo o boicot da Xunta a esta cidade obrigando os cidadáns a que paguen aparcamento cando poderían ter un gratuíto".

"O que fan é atrasalo, pero vaino haber; xa está nos presupostos, ten dotación e haberá 450 prazas gratuítas para os cidadáns de Vigo", incidiu Caballero, que tamén criticou que "a entrada dos traballadores regulada pola Xunta segue sendo un desastre".

Cuestionado pola súa intención de limitar o novo aparcamento municipal para uso exclusivo dos habitantes de Vigo, apuntou que aos da área metropolitana "os"terá que atender a Xunta, que é a que ten que poñer os aparcamentos gratuítos". "A Xunta deberá ser a que arbitre solucións, e tamén a Área Metropolitana", recoñeceu.

Non obstante, indicou que vai máis a función da Área "esixindo á Xunta que poña os aparcamentos gratis" porque non todos os concellos teñen "capacidade financeira para facer fronte ao pagamento dun aparcamento gratuíto que está obrigado a poñer a Xunta". Por iso, dixo que na primeira reunión da área proporá esixir "aparcamentos gratuítos no hospital".

XESTIÓN DA AP-9

Noutra orde de asuntos, no relativo a que o Goberno central vaia compartir a xestión da AP-9 coa Xunta -aínda que manterá a titularidade-, Caballero comentou que lle dá "exactamente igual" o modelo de xestión, pois o que lle importa é que baixen as peaxes" e que a Xunta faga os accesos dende a Avenida de Bos Aires.

Así, sobre os accesos recordou que o tramo dende Bos Aires ata o centro de Vigo "xa está libre de peaxe" e, polo tanto, facelo urbano "non mingua nin un euro os ingresos da autoestrada". "Instei á Xunta a que contemplase unha partida e, se agora hai xestión mixta, moita máis razón para que habilite rapidamente unha partida para facer eses accesos", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta