Temas: FEIJóO

Rueda tamén defende unha suba dos salarios dos deputados, como Feijóo e os seus conselleiros

Defende un pacto político que fixe cando debe dimitir un dirixente investigado e sinala a apertura de xuízo oral como momento "axeitado". Avanza que a Xunta pedirá ao Goberno máis efectivos para a Policía autonómica e "non cejará no empeño" de lograr o traspaso da AP-9.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2016 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ve "lóxico" que os deputados "recuperen" o poder adquisitivo na mesma liña que o farán os conselleiros e o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, de acordo cos presupostos autonómicos de 2017, e no marco da "recuperación" económica que, defende, iniciouse na comunidade.

Alfonso Rueda nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta | Fonte: xunta.es

"Os presupostos do Parlamento son distintos aos da Xunta, así que aí non teño capacidade, pero o lóxico sería que a tónica sexa parecida. Igual que se formula no Goberno, pareceríame lóxico que se faga no Parlamento", defendeu, nunha entrevista concedida a Europa Press.

O tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza esgrimiu, en todo caso, que o que fai o Executivo non é "subir o salario como tal", senón que "toda a Xunta, todos os que perciben o seu salario dos presupostos públicos, recuperan o salario que perderan".

"E nós somos uns máis dentro desa recuperación", indicou, antes de recordar que os conselleiros e Feijóo tamén participaron no seu día do "sacrificio" nos salarios, polo que "agora que se pode recuperar o poder adquisitivo" o recuperan "todos".

Dito isto, advertiu que o Executivo galego é "consciente" de que "non se pode volver aos niveis que había antes da crise" e esgrimiu, como exemplo, que o seu soldo e o dos compañeiros que se sintan con el no consello de la Xunta permanecen "moi lonxe" das retribucións que percibían os membros do bipartito. "E cando digo moi lonxe, digo a miles de euros", apostilou.

Alfonso Rueda preside o comité de campaña do PPdeG para as municipais
Alfonso Rueda preside o comité de campaña do PPdeG para as municipais

En canto aos salarios no Pazo do Hórreo, tras reiterar que vería "lóxico" que os deputados tiveran unha recuperación salarial igual que o Executivo, engadiu que, o que non considera "lóxico" é que En Marea faga "demagoxia" sobre o que hai que cobrar ou non e despois "tódalas polémicas" estean no seu grupo.

Á marxe, sobre o recorte de deputados formulado polos populares no pasado mandato, ratificou que xa non constitúe unha prioridade. "Formulámolo en aquel momento e parecíanos axeitado, pero houbo unha oposición frontal", subliñou.

LEI DE ADMINISTRACIÓN LOCAL E ÁREA DE VIGO

Rueda, un dos tres únicos conselleiros que permanecen ao lado de Feijóo dende 2009, ten retos pendentes para esta lexislatura. Nela aspira a completar os edificios xudiciais e considera que o edificio de Vigo vai ser "un bo símbolo" do traballo que xa se fixo ata o momento en infraestruturas xudiciais.

Ademais, desexa continuar a implantación das novas tecnoloxías na Xustiza e gustaríalle facer unha lei de administración local de Galicia, aínda que para iso, recorda, sería "necesario" que se clarificase a situación de lexislación estatal nesta materia, "declarada en parte inconstitucional".

"Gustaríame facer unha boa lexislación local galega, pero aí estamos un pouco a expensas do que pase a nivel nacional", subliñou, antes de incidir en que, no marco desta normativa, tampouco sería factible introducir a obrigatoriedade das fusións de normativas, algo que esixiría "un pacto de Estado".

"Pero si facer todo o posible para que se sigan impulsando de forma voluntaria e aínda con máis estimulantes", engadiu o tamén presidente do PP pontevedrés, decepcionado co conflito da área metropolitana de Vigo. Ao seu xuízo, para que funcione, o alcalde vigués, o socialista Abel Caballero, debe cumprir o acordo do transporte metropolitano.

Iso si, considera que, sobre este asunto, "non se vai arranxar nada indo aos tribunais". "Nin sequera temos a acta da sesión e habería que vela, ver en qué condicións se fixo a constitución... O importante é ver se vai servir para algo ou vai ser un ente que se constituíu sen que se saiba moi ben para que", reflexionou.

REFORMA DO DEREITO CIVIL

Sobre a extensión dos xulgados específicos para abordar asuntos de violencia machista a todas as cidades galegas, respondeu que se aborda "cos xuíces" a carga de traballo que hai, de forma que, onde se detecta un maior colapso, "aí se crea un xulgado". "Hai que priorizar", defendeu.

En canto a se esta será a lexislatura na que se acometa a reforma do dereito civil que faga automática a separación de bens no matrimonio, subliñou que se volverá intentar, despois de aparcalo ante a "división de opinións" e á espera de "maior consenso". Na súa opinión, sería "unha boa medida", pero "xuridicamente" desata "discrepancias".

POLICÍA AUTONÓMICA E NEGOCIACIÓNS CO ESTADO

Na entrevista con Europa Press, Alfonso Rueda minimizou as críticas da oposición en relación á falta de transferencias e acusou de "cativas" as que materializou o bipartito. Tamén restou importancia a que non haxa ministros galegos para negociar co Estado e cuestións como o financiamento autonómico.

"Quedo máis tranquilo pola situación política de Galicia, a súa relación co presidente Mariano Rajoy e a influencia de Feijóo; confío moito máis niso que en que houbese un ministro galego ou tres secretarios de Estado máis ou menos. Galicia non pedirá máis do que lle corresponda en financiamento nin se conformará con menos", insistiu.

Sobre o feito de que esa influencia de Feijóo non abondase para lograr o traspaso da AP-9 nin para garantir 2018 como data de chegada do AVE a Galicia, replicou que a Xunta "non cesará no empeño" de conseguir a transferencia da autoestrada, ao tempo que valorou o "achegamento", ratificado polo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para "compartir" a xestión nunha comisión bilateral.

Ao seu xuízo, "para chegar a bo porto, ir achegándose pouco a pouco non é pouca cousa". En canto ó AVE, manifestou o seu desexo de que, se non se conclúe en 2018, sexa "o máis pronto posible", pero pediu que se entenda que o parón dun ano cun Goberno sen plenas funcións ten o seu impacto.

No ámbito da negociación co Estado, tamén avanzou que Feijóo, na rolda de contactos cos novos ministros, pedirá ao responsable de Interior, Juan Ignacio Zoido, que "volva completar o equipo" da Policía autonómica ata os 500 efectivos porque tivo "baixas" e non está "no número ideal". Roda confía en logralo e, se é así, avanza que se pedirá "aumentar as competencias". O que "non é de recibo", ao seu xuízo, é dar "un titular político sobre máis competencias" e "non "poder atendelas".

PACTO POLÍTICO

Sobre a primeira citación xudicial dun edil galego das mareas, Jorge Duarte (Compostela Aberta), en calidade de investigado por prevaricación e se sería necesario un pacto entre os partidos que fixe cando un dirixente nestas circunstancias debe dimitir, respondeu que "si, sen dúbida" e subliñou que, mesmo no ámbito estatal, se analiza se debe integrarse nun pacto máis amplo da xustiza.

"Afastaría o ruído mediático, garantiría moito máis a presunción de inocencia e serían unhas regras de xogo que, se todos nos damos, todos deberiamos aceptar e non intentar sacar rédito político", reflexionou, tras afear os "xuízos paralelos sen piedade" que, ao seu entender, facían as mareas a outros partidos neste tipo de casos.

O momento "adecuado" para dimitir, suxeriu, podería ser a apertura de xuízo oral. "Mesmo polo propio ben do político, afastándoo do foco e dándolle total liberdade para defenderse", resolveu.

Alfonso Rueda, Puy Fraga e Núñez Feijóo no Parlamento
Alfonso Rueda, Puy Fraga e Núñez Feijóo no Parlamento | Fonte: ppdegalicia.com
Temas: FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

algúns teñen moi poucas oportunidades de DEFENSA http://cabozo.com/taboext.php?grupo... ¿que deberíamos facer cando un policía municipal minte nun xuízo contra un activista social? Condecoralo?