Cales son as industrias galegas que máis contaminan?

Galicia é a responsable do 15% das emisións contaminantes do Estado e é a segunda das autonomías que máis aumentou a contaminación segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR). E dez grandes industrias son as responsables desta situación.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 09/12/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Aumenta a contaminación das grandes industrias galegas. Iso é o que se desprende dos datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) das emisións correspondentes ao ano 2015 de substancias contaminantes por parte das principais industrias e outras fontes puntuais e difusas. E tal é o aumento que sitúa a Galicia á cabeza das autonomías contaminantes do Estado.

Mapa da Organización Mundial da Saúde sobre a contaminación do aire en Galicia / Adega Estación de trens de Monforte / www.jrcasan.com
Mapa da Organización Mundial da Saúde sobre a contaminación do aire en Galicia / Adega Estación de trens de Monforte / www.jrcasan.com

A información que ofrece o Rexistro PRTR-España, aínda que incompleta en moitas industrias, permite identificar aos complexos contaminantes e cuantificar as súas emisións para observar a sua evolución no tempo e comparalas tamén coas do resto do Estado. Asi, e segundo a análise realizada por Ramón Varela, doutor en Bioloxía, experto en contaminación atmosférica e ex presidente de Adega, en Galicia constátase un aumento das emisións, situándose en 2015 no segundo posto entre as comunidades do Estado, ascendendo dende o cuarto lugar acadado en 2012.

Dos datos publicados, Galicia sería a responsábel do 15,08% do total das emisións a atmosfera do Estado Español, con 14.284.312 toneladas/ano ocupando con este valor o segundo posto no conxunto das comunidades. 

Mentres o dióxido de carbono no 2015 representa o 15,1% do total do Estado, fai tan só tres anos representaba o 12%. En tres anos Galicia pasou do cuarto lugar no Estado ao segundo. Escollidos 32 contaminantes considerados como os mais importantes, no ano 2015 21 tiñan valores superiores aos do ano 2010 e aínda máis 14 superaban os valores que tiñan no ano 2007.

E cales son as que máis contaminan

Contaminación por gases
Contaminación por gases | Fonte: DUVI.

As grandes industrias instaladas en Galicia, a maioría multinacionais do sector da electricidade (centrais térmicas de As Pontes, Meirama), aluminio (Alúmina-Aluminio de Alcoa), sector do automóbil (Citroën PSA), petróleo (refinería de Repsol), madeira (Ence, Finsa en diversas fábricas, Intasa), ferroaleacións (Ferroatlántica en tres localidades), son as principais responsábeis de que ocupemos  hoxe – igual que anos atrás- un lugar destacado no Rexistro de Emisións Contaminantes no Estado.

"Resulta curioso que aínda sendo alta ou moi alta a contaminación, os focos contaminantes son moi poucos, apenas pasan dunha decena, a excepción da contaminación por amoníiaco. Dos 14,2 millóns de toneladas de Dióxido de Carbono emitidos, 10,5 millóns corresponden ás centrais térmicas de As Pontes e Meirama e 1,16 millóns a refineria de Repsol na Coruña", apunta Ramón Varela. 

Os restantes 2,5 millóns de toneladas  repartanse entre 11 grandes industrias (Alúmina, Aluminio, Alcoa Inespal, tres fábricas de Ferroatlántica, Bioetanol, Magnesitas, Finsa, Forestal del Atlántico e Air Liquide). As emisións de Flúor, das que estamos á cabeza por emisión no Estado, están relacionadas só con cinco empresas: central térmica de Meirama, central térmica de As Pontes, Ferroatlántica de Sabón, Aluminio Español e Alcoa Inespal. As emisións de mercurio á atmosfera e á auga débense a 11 complexos: centrais térmicas, Ence, Elnosa ,PSA, Alumina, Unemsa, Intasa e varios complexos de Finsa.

Contaminación da auga

Sobre os vertidos contaminantes á auga de Galicia significan o 10,46% do total do Estado con 84.814 toneladas/ano, ocupando con este valor o cuarto posto no conxunto das comunidades. Ademais, Galicia é a primeira comunidade do Estado en verter compostos organoestannicos e carbono orgánico total (COT) e está entre as entre as catro primeiras comunidades pola cantidade de vertido a auga de cobre, chumbo,  zinc, cloruros, fósforo total, nitróxeno total e todos os contaminantes que se verten á auga menos DQO. 

"Resulta sorprendente que no Rexistro Estatal de Emisións Contaminantes, Galicia teña so o 4,45% do total dos complexos con información pública e que ao mesmo tempo sexamos responsábeis das emisións a atmosfera do 80,5% dos perfluorocarburos; do 36,6% do flúor; do 30,5% de mercurio; do 22,0% do cloro; do 19,2% do dióxido de xofre; do 18,7% das particulas (PM10); do 15,1% do dióxido de carbono; do 12,6% dos óxidos de nitróxeno... por non citar os vertidos á auga de compostos organoestannicos (54,4%); zinc (16,4%); chumbo (15,3%); cloruros (10,1%); cobre (8,6%); compostos orgánicos haloxenados ( 5,9%)...", indica Varela.  

“Estas emisións son extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, o número de habitantes, a nosa extensión xeográfica, o noso produto interior bruto e nível de vida... Pero ademais están a aumentar con relación ao ano 2012 e mesmo a datas anteriores como o ano 2007, previo á crise”, engade.

As consecuencias no ambiente e na saúde

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece que a contaminación do ar representa un importante risco para a saúde. A propia OMS recoñecía xa en marzo de 2014 que “cantos máis baixos sexan os niveis de contaminación do ar mellor será a saúde cardiovascular e respiratoria da poboación, tanto a largo como a curto prazo.  Mesmo a contaminación con partículas conleva efectos sanitarios incluso en moi baixas concentracións; de feito, non se puido identificar ningún umbral por debaixo do cal no se observaran danos para a saúde”.

A OMS non pon en dúbida que existen graves riscos sanitarios non só por exposición a partículas, senón tamén ao ozono (O3), óxidos de nitróxeno e dióxido de xofre. O ozono é un importante factor de mortalidade e morbilidade por asma, mentres que o dióxido de nitróxeno e dióxido de xofre poden ter influencia no asma, nos síntomas bronquiais, alveolite e insuficiencia respiratoria. 

 

"Mediante a diminución dos niveis de contaminación repercútese na carga de morbilidade derivada de accidentes cerebrovasculares, cancros de pulmón e neumopatías crónicas e agudas, entre elas, asma. A nosa saúde pode mellorar si diminúen as emisións de gases e partículas implicados en problemas sanitarios (asma, bronquite, alerxias, problemas cardiovasculares, ictus cerebral, cancro ...) e diminuiría a mortalidade", apunta Varela.

Ademais, indica que nos ecosistemas, a contaminación ademais de ocasionar perdas de produtividade e diminución de colleitas na agricultura, repercute negativamente no arborado e na produción forestal, asi como na vida animal. Tamén alude aos graves problemas globais e locais que todos/as coñecemos como o quecemento global e aumento do efecto invernadoiro, destrución da capa de ozono, choiva ácida...  

"Os poderes públicos non poden quedarse á marxe dun problema tan grave si de verdade perseguen mellorar a saúde dos habitantes e protexer o territorio. En Galiza terían que ter actuado fai tempo para que unha decena de focos contaminantes reduciran as emisións, mais as  industrias non están interesadas en reducir a produción. Porén, poderían producir o mesmo contaminando moitisimo menos se os poderes públicos puxeran prazos e normas que protexeran a saúde denantes que os beneficios industriais", conclúe.

Un dos puntos negros, por contaminación, dunha das praias galegas
Un dos puntos negros, por contaminación, dunha das praias galegas | Fonte: salvemosmonteferro.org
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Xanra

Nesta lista falta a UPG. Iso se que é un chiringuito contaminante

1 Sherlock

Que aconteceu? xa hai evidencias da UPG conection, co ISIS, con Pablo Escobar, AMIA e o 11S. Ah!,,,falan de ENCE, xa entendo.