Van subir o soldo os deputados igual que o subiron Feijóo e os seus conselleiros?

O presidente di que é unha cuestión que non lle atinxe á Xunta, mentres que En Marea e o BNG rexeitan rotundamente unha suba do salario dos parlamentarios e piden que se lle suba aos traballadores.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/12/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os seus conselleiros subiron o soldo un 7,5% e un 7%, respectivamente. Foi unha das primeiras decisións do goberno galego logo de gañar as eleccións. Unha decisión que foi duramente criticada pola oposición, aínda que Feijóo insistiu que non se trata dunha suba, senón de recuperar a masa salarial conxelada durante a crise.

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta
Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta | Fonte: xunta.gal

Precisamente, este xoves era o vicepresidente Alfonso Rueda quen apuntaba a necesidade de que se lle aplique a mesma suba aos deputados. Unha opinión que, novamente, volveu ser duramente contestada pola oposición e que tivo que ser matizada polo propio Feijóo.

"Polo que eu sei ese tema non está enriba da mesa nin se formulou no Parlamento de Galicia", dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Con todo, tamén quixo deixar claro que os soldos da Cámara autonómica non atinxen ao Executivo galego.

Críticas da oposición

Tanto En Marea como o BNG volveron atacar esta posibilidade. Así, o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, considerou que a contía económica que perciben é "adecuada e suficiente" para desenvolver "con dignidade" as súas funcións.

Feijóo e Rueda saludando no mitind de Pontevedra do PPdeG
Feijóo e Rueda saludando no mitind de Pontevedra do PPdeG

"Cremos que aínda non estamos nun momento que nos permita falar de recuperación de salario para os membros do Goberno nin para falar de suba de salarios para os deputados", manifestou Villares. "Non vemos necesario neste momento abordar este debate, entendemos que é máis que suficiente tendo en conta a situación actual do noso país", resolveu.

Pola súa banda, a voceira do BNG no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, asegurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "confunde a súa maioría absoluta con ter patente de corso para facer o que quere", en relación ao incremento de soldo nos altos cargos do Goberno galego respecto ao ano pasado.

Pontón incidiu en que lle parecería "ben" que o presidente galego "se"subise un sete por cento o salario se esa fose a mesma suba que fosen ter todos os traballadores e todos os pensionistas desta país".

"A exemplaridade nos cargos públicos é algo moi importante e paréceme absolutamente desproporcionada esta medida", remarcou a nacionalista, para a que a Xunta debería mostrar "respecto" a "eses cidadáns que viron como durante os últimos anos de crise os seus salarios cada vez valen menos e a saída das crises non chegou ás súas vidas".

Feijóo deféndese

Por iso, e un día máis, o presidente galego volveu defenderse das críticas da oposición. Así, insistiu en que "todo o mundo sabe que os soldos" do seu Goberno -o seu propio e o dos seus conselleiros- "non subiron no presuposto de 2017", senón que se "recupera parte da baixada" na lexislatura anterior.

"A suba para cargos públicos é de cero, se hai unha lei de Presupostos Xerais do Estado na que se concrete algo ao respecto veremos o alcance e contido", advertiu, antes de insistir en que o que se fixo na Xunta é "o pactado hai un ano: recuperar parte do salario que fomos diminuíndo altos cargos e empregados públicos".

Por iso, advertiu, en alusión á oposición, que non é "nin razoable nin proporcional" facer determinadas "lecturas impropias" por parte "de quen queira facer unha crítica responsable e motivada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta