De Lara pide investigar a Feijóo e Rueda polos agasallos do dono de Monbus

O empresario Raúl López, xa imputado por subornos, regalou ao presidente e vicepresidente da Xunta lotes de Vega Sicilia por valor de máis de 2.000 euros. As empresas do lucense obtiveron contratos de máis de 23 millóns coa Xunta.

Por Xerardo Porto | Compostela | 09/12/2016 | Actualizada ás 23:18

Comparte esta noticia

Raúl López, dono do grupo Monbus, o máis poderoso de capital español dentro do sector do transporte de viaxeiros por estrada, non facía diferencias entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e á súa man dereita, Alfonso Rueda. No Nadal de 2010, un ano crucial para a continuidade dos seus negocios coa Administración galega, segundo consta en varios informes de Aduanas aos que tivo acceso GC, agasallou a ambos os dous con lotes de botellas Vega Sicilia Único de 670 euros. No 2011, cada caixa destinada a estes dirixentes do PP custou 517. En 2012, 540. E en 2013, 600 euros.

Feijóo e Raúl López no palco do Sar, nun partido do Obradoiro
Feijóo e Raúl López no palco do Sar, nun partido do Obradoiro | Fonte: obradoirorobasketfoto.com

O cíclico costume truncouse no Nadal de 2014, medio ano despois de que, empuxado polo escándalo social que causó o regueiro de operacións contra a corrupción política en Galicia, o Goberno galego aprobou un código ético que limitaba a 90 euros o prezo máximo dos obsequios.

A Xunta é un dos principais organismos públicos para os que traballa a enorme frota de autocares de Monbus. Entre os anos 2005 e 2014, tal e como lembra Aduanas, a súa extensa rede de compañías obtivo contratos por 23.736.757 euros, máis da metade dende 2010 (Núñez Feijóo accede ao cargo, relevando a Emilio Pérez Touriño, en abril do 2009).

Raúl López foi detido no 2015 co estouro da operación Cóndor. O empresario lucense é o eixo dunha investigación por, entre outros delitos, branqueo, falsidade documental, fraude, tráfico de influencias, prevaricación, revelación de información privilexiada e suborno.

Miles de euros en viños

Feijóo e Rueda non son os únicos aforados que aparecen nas listaxes que os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira, ás ordes de Pilar de Lara, xuíza de Instrucción número 1 de Lugo, elaboraron cos datos obtidos dos rexistros á sede de Monbus e os interrogatorios e visitas a empresas de mensaxería, almacéns de distribución e tendas de viños e roupa de luxo. Segundo revelan os informes, cada ano o grupo empresarial gastaba decenas de miles de euros en caldos para agasallar (polo xeral nos seus propios domicilios particulares, non nos despachos oficiais) a funcionarios e autoridades que non adoitaban devolver esas caixas, detalles que en moitas ocasións superaban o salario mínimo interprofesional. Recentemente, a xuíza enviou exposicións motivadas ao Tribunal Supremo e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nas que pide que se siga coa investigación relativa a diversos aforados como o presidente e vicepresidente da Xunta, e tamén ao ex-ministro socialista José Blanco.

Feijóo e Raúl López antes dun encontro do Obradoiro
Feijóo e Raúl López antes dun encontro do Obradoiro

O actual eurodiputado socialista é un dos cargos públicos que aparecen nas listaxes do SVA recibindo na súa casa madrileña mellores agasallos. E tamén un dos que deixan patente que Raúl López tiña moi en conta o cargo á hora de escoller a categoría do aguinaldo. Cando deixa de ser o home máis poderoso en materia de infraestruturas, o que foi responsable de Fomento e voceiro do Goberno con Zapatero recibe paquetes cada vez de menor prezo. Logo chega un momento en que el mesmo decide devolvelo. Coincide co tempo en que xa saiu á luz aquela cita con Jorge Dorribo na gasolineira de Guitiriz e o seu caso recala no Tribunal Supremo.

Deputados, alcaldes e cargos institucionais

Nas extensas listas de Aduanas (houbo algún ano no que López enviou regalos de Nadal  a máis de 90 persoas) ademáis de Feijóo e Rueda hai deputados autonómicos, senadores, alcaldes, secretarios e directores xerais de diversas Administracións, cargos da Generalitat de Catalunya e de Castela-A Mancha, directivos de Renfe, Feve ou Aena, e mandos do Exército de Terra.

Blanco, diputado europeo dende 2014, chegou a recibir os mellores lotes na súa etapa como ministro de Fomento. En 2010, o seu lote de catro botellas de Vega Sicilia Único máis outras catro de Alión custou a Monbus 858 euros. En 2011, 878 euros. En 2012, xa con Blanco fóra do cargo no ministerio e despois de saberse (dende 2011) tocado polo caso Campeón, o político devolveu o envío, que esta vez baixara aos 685 euros. En 2013, segundo consta nas táboas elaboradas por Aduanas, o lote que Monbus regalou ao ex-ministro era, de xeito rechamante, máis barato: só 144 euros, unha cantidade que, por certo, non sobrepasa o tope de 150 euros fixado pola Comisión Europea para os presentes.

Monbus é o máis importante grupo privado de transporte de viaxeiros en España. A súa forza está, precisamente, nos importantes contratos que mantén coas diferentes administracións. Ademáis dos 23 millóns de euros que obtivo en servizos adxudicados pola Xunta, de xeito individual ou en UTE, as súas compañías de autobuses lograron nos últimos anos contratas con Fomento por 71 millóns, e con Defensa por máis de 27.

Regalos a Feijóo desde o 2008

Raúl López agasallou a Feijóo xa antes de ser presidente, dende o ano 2008. A Rueda empezou a enviarlle viños no 2009. Nos datos colleitados polo SVA, en 2008 tamén aparece como destinatario Anxo Quintana e tanto en 2008 como en 2009, Touriño. Desas datas as compañías distribuidoras non foron quen de poñerlle prezo aos lotes. Non se coñece o prezo senón o peso: 11 quilos en 2008 para Feijóo e Quintana e 14 para o entón presidente da Xunta, Touriño, que de golpe, o ano seguinte, baixa a 1.420 gramos.

Todos os paquetes foron enviados aos domicilios particulares: Rueda, en Pontevedra; Quintana, en Allariz; Pérez Touriño, en Santiago; e Núñez Feijóo, en Vigo. Nos informes dos axentes de Aduanas non consta que ningún destes lotes fose devolto. Pero si que se detalla que, no caso da vivenda de Núñez Feijóo, un ano estaba para recoller o paquete a súa propia nai; outro ano, a súa sobriña; e noutra ocasión, unha muller que, polo número de carné que anota xunto a sua sinatura, o SVA comproba que é peruana.

En 2010, un ano no que segundo os informes de Monbus Raúl López amosou unha grande xenerosidade con altos cargos e funcionarios, o Goberno de Feijóo prorrogara de urxencia durante 10 anos as concesións de todas as liñas. Hai uns meses, nembargantes, o Tribunal Supremo anulou esa decisión da Xunta, que beneficiaba especialmente a Raúl López porque o 60% das liñas estaban baixo control seu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

3 Elautobusfeliz

Regalos a cambio de contratos e subvencións, algo absolutamente correcto para os PPeros. Quen investiga aos corruptos son desacreditados... Manobras de distracción.

2 Antón V.

É certa esa noticia? Dígoo porque nada se informa nin na Voz de Galicia, nin no ABC, nin no Progreso, nin no País, nin no Mundo, nin na TVG, etc., etc.

1 Xuana

A eses panfletos pepeiros de extrema dereita e antigalegos xa lles manda frijolito bos agasallos en forma de millóns de euros cos nosos cartos

1 Gamela

Pilar de Lara non ten outra cousa que facer... ¿canto cobra ao mes? ¿cantos anos leva dándolle voltas á miseria? Pensa que con estes datos vai demostrar algo nun xuízo ? Debe estar de coña!!!

1 Souto

I n v e s t i g a r

2 manolo3

Máis ben non debe ter moito tempo libre. Se houbera máis xuices e fiscales independentes non habería tanta corrupción. Facían falla catro coma esta cada cen mil habitantes

3 Antolín o dos cubatas

E a Pepiño Blanco?

4 Remo

Jojo, xa saeu o troll pepeiro.....para os pepeiros non son cartos se é menos de cientos de millóns, por algo son a élite ....