Triunfo cómodo do COB

Ourense Provincia Termal gaña 79-55 a Cáceres e suma a novena vitoria en 14 xornadas. Nemanja Mitrovic, o mellor con 22 puntos e catro triplas nos primeiros trece minutos. Palencia, Lleida e Breogán, os tres últimos rivais da primeira volta.

Por gcdeportes | Ourense | 10/12/2016 | Actualizada ás 08:55

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Ourense Provincia Termal 79:
Christian Díaz (8), Mitrovic (22), Zarko Jukic (8), Dmitry Flis (5), Fran Guerra (17) –cinco inicial- Kapelan (10), Devin Wright (5), Martín Rodríguez (0), Tomás Fernández (2), Kyle Hittle (2), Van Zijverden (0) e Arriaga (0).
Cáceres 55: Corrales (6), Rakocevic (3), Parejo (13), Anagnostou (7), Marcius (11) –cinco inicial- Fuller (7), Marco (3), Riauka (4), Nathanaelsson (1) e Toledo (0).
Parciais: 22-10, 18-16 (40-26), 25-7, 14-22 (79-55).
Árbitros: Cristian García Rodríguez e Iyán González Gálvez. Eliminaron por cinco faltas persoais a Marcius no Cácres.
Incidencias: partido da 14ª xornada da LEB Ouro disputado no pazo Paco Paz.

Christian Díaz aproveita o bloqueo para irse a canastra.
Christian Díaz aproveita o bloqueo para irse a canastra. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Apenas tivo oposición o COB. Os ourensáns foron un vendaval ante un rival frouxo, Cáceres, que anotou tan só 33 puntos nos tres primeiros cuartos e cometeu 21 perdas de balón. Parcial de 20-3 no primeiro cuarto; 40-26 ao descanso; e un parcial de 25-7 no terceiro para sentenciar o choque, a novena vitoria, por 79-55, dos de Gonzalo García en 14 xornadas. Nemanja Mitrovic foi o mellor con 22 puntos e catro triplas nos primeiros trece minutos, e Fran Guerra sumou 17 puntos e 5 rebotes. As vindeiras citas serán máis complicadas: Palencia, Lleida no Paco Paz e derbi co Breogán para rematar a primeira volta.

Ourense comezou despistado e unha tripla de Rakocevic puxo o 2-7. Pero espertaron axiña os galegos con dúas canastras de Fran Guerra e dúas triplas de Mitrovic, con defensa en zona, e Cáceres tivo que parar o partido. Pero o parcial local seguiu medrando ata un escandaloso 20-2, co que se pasou do 2-7 ao 22-10 do final do primeiro cuarto.

Arrinca o segundo cun 7-0, Mitrovic enchufa dúas triplas máis e Cáceres tivo que parar de novo o partido con 32-16. As triplas de Parejo e Anagnostou reduciron a vantaxe a dez, pero a conexión canaria do COB (Díaz&Guerra) funcionaba e Ourense chegou 40-26 ao descanso malia a terceira falta do seu base titular.

Trala reanudación, os puntos de Mitrovic e unha tripla de Kapelan e Ourense foise por riba dos 20 puntos (49-28). Kapelan e Flis anotaron senllas canastras dende 6,75 e o COB acadou os 30 de diferenza. Cáceres anotou tan só tres canastras en dez minutos para chegar 65-33 aos últimos dez minutos. Sobrou o último cuarto: COB chegou aos 33 de vantaxe e relaxouse. Cáceres aproveitou para gañar o último acto, maquillar o resultado e acabar con 79-55. Triunfo cómodo, no que Ourense dobrou en valoración (82-41) ao rival.

Fran Guerra machaca a canastra de Cáceres tras alley-oop con Díaz.
Fran Guerra machaca a canastra de Cáceres tras alley-oop con Díaz. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta