Temas: MONFORTE

Os mercados temáticos volven a Monforte polo Nadal

A Praza de Abastos será un escaparate temático comercial para facer compras de cara ao Nadal.

Por Galicia Confidencial | Monforte | 10/12/2016 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

O recinto feiral anexo á Praza de Abastos acollerá o mes de decembro e principios de xaneiro unha serie de mercados co fin de dinamizar o comercio local e ao mesmo tempo darlle sentido e utilidade á infraestrutura acondicionada anos atrás.

Presentación dos Mercados de Nadal de Monforte
Presentación dos Mercados de Nadal de Monforte

A actividade comercial comeza hoxe e rematará a principios de xaneiro, tendo cada fin de semana unha temática diferenciada e acollendo comerciantes de diferentes gremios.  Os días 9 e 10 tócalle ao Mercado de Nadal no que se poden atopar roupa, complementos, electrónica… colabora o Centro Comercial Urbano de Monforte.

Para os días 16, 17 e 18 está programado o Mercado de Artesanía no que se poderán atopar obxectos relacionados coa olería, o coiro, a xoiería, a cestería, a la… Colabora a Asociación local de Artesáns e ademais de sesións demostrativas dalgún oficio tamén haberá un encontro de palilleiras o domingo 18.

O 23 e 24 tócalle a quenda ao Mercado de Gastronomía no que haberá produtos de tempada e doces de Nadal. O 23 pola tarde haberá conta contos para os máis pequenos.

O día 31, rematando o ano chegará O Apalpador. Esta actividade está organizada pola MESA pola Normalización Lingüística Zona Lemos en colaboración co Concello. O Apalpador chegará do Courel, percorrerá algunha das rúas da vila e visitará a Praza de Abastos para contar alí algunha historia.

O remate deste ciclo de actividades temáticas será o 6,7 e 8 de xaneiro coa colocación dun circuito de scalextric de tres pistas no cal poderán xogar todos aqueles que o desexen previa inscrición.

Temas: MONFORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta