Sen premio no engadido

O Deportivo, que repetiu once por primeira vez na tempada, remonta o 1-0 de Morata con dous goles dun espectacular Joselu, pero acaba caendo 3-2 no Bernabéu cun tanto de Sergio Ramos no minuto 92.

Por gcdeportes | A Coruña | 11/12/2016 | Actualizada ás 00:06

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Real Madrid 3:
Keylor Navas; Danilo (Marcelo, 81’), Pepe, Sergio Ramos, Nacho; Casemiro, Kroos; Marco Asensio (Lucas Vázquez, 66’), Isco (Mariano, 72’), James e Morata.
Deportivo 2: Tyton; Juanfran, Raúl Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro; Celso Borges, Guilherme; Carles Gil, Emre Çolak (Joselu, 58’), Ryan Babel (Fayçal Fajr, 82’) e Florin Andone (Pedro Mosquera, 74’).
Goles: 1-0: Morata (minuto 49). 1-1: Joselu (63’). 1-2: Joselu (65’). 2-2: Mariano (83’). 3-2: Sergio Ramos (92’).
Árbitro: Jaime Latre (aragonés). Amarelas a Morata (70’) no Real Madrid e a Celso Borges (25’) e Raúl Albentosa (59’) no Deportivo.
Incidencias: partido da 15ª xornada de Primeira División disputado no estadio Santiago Bernabéu ante 67.174 espectadores.

Joselu, autor de dous goles para o Dépor no Bernabéu.
Joselu, autor de dous goles para o Dépor no Bernabéu. | Fonte: lfp.es

A piques de colleitar algo positivo no Bernabéu. O Dépor mereceu puntuar no coliseo branco, pero un gol co hombreiro de Mariano e outro, tras erro defensivo, de Sergio Ramos no tempo engadido frustraron a fazaña deportivista na recta final. Dous goles dun Joselu espectacular serviron para remontar o 1-0 de Morata, pero o Real Madrid volteou o marcador nos últimos dez minutos, e o Dépor sufriu unha nova decepción no desconto. Toca pensar xa no Osasuna.

Por primeira vez na tempada, Gaizka Garitano repetiu once inicial: os mesmos once xogadores que ante a Real Sociedade. O Dépor saltou ao céspede convencido das súas posibilidades trala goleada do luns. Xogou ordenado e valente, sen os agobios doutras ocasións no Bernabéu, e puido irse ao descanso con vantaxe no marcador. O Real Madrid, quizáis máis pendente do Mundial de Clubs, tivo máis posesión pero apenas creou ocasións de perigo. A primeira foi por un erro de Juanfran, pero Albentosa chegou a tempo para evitar o remate de Nacho. As mellores do primeiro acto foron para Celso Borges. A primeira sacouna Keylor Navas e a segunda, un remate coa testa tras centro de falta de Çolak, petou no pau. James tivo a máis clara para os madridistas, pero Tyton evitou o gol no man a man co colombiano. 0-0 ao descanso.

Nada mudou trala reanudación, ata que Morata, no minuto 50, con pouca oposición por parte de Albentosa, marcou o 1-0 á reviravolta e dende lonxe. Tras uns minutos de dúbidas, Gaizka Garitano apostou pola entrada de Joselu, que en dous minutos ía deixar xeado o Bernabéu coa axuda de Andone. O empate chegou trala presión do romanés a un confiado Casemiro, e o de Silleda resolveu cun zurdazo preto da trabe da portaría rival. No 1-2, Andone gañou as costas a Pepe e o seu centro foi rematado polo dianteiro galego ao fondo da rede. Premio ao esforzo dun Deportivo competitivo.

Faltaban 25 minutos para manter a vantaxe. O Real Madrid recorreu ao fútbol directo para voltear o marcador, e Zidane meteu no campo a Lucas Vázquez, o de Curtis, a Mariano e a Marcelo. Quedou con defensa de tres. Pola súa parte, Garitano optou unha vez máis por un troco conservador: Mosquera por Andone. A seis minutos do final, Mariano, co hombreiro, acadou o empate tras centro de Lucas Vázquez. O Dépor sufría ante o empuxe branco e Tyton realizaba dúas boas paradas tras testarazos de Ramos e Morata. O Dépor tiña un importante punto no peto, pero no tempo engadido, córner mal defendido, e o 3-2 de Sergio Ramos. Unha historia demasiado repetida esta tempada no Dépor.

Lucas Vázquez golpea a Sidnei nunha lea na área deportivista.
Lucas Vázquez golpea a Sidnei nunha lea na área deportivista. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 mafioconde

Lamentable arbitraxe sufrida polo Deportivo. Como sempre hai unha dobre vara de medir cando se arbitra no Bernabeu. O mezquino Sergio Ramos ten os privilexios encubertos de Al Capone para facer o que lle pete durante 90 minu...90 e os que el queira minutos mellor dito. Dantesca imaxe dos xogadores do Real de España cunha conducta do "todo vale" con tal de remontar o partido. Ríome eu do Señoría do Floren Team..patético!