Cando Feijóo dicía que recibir agasallos era “un delito no Código Penal”

O presidente da Xunta criticaba hai case tres anos os regalos que algúns cargos públicos recibiron da trama da Operación Pokemon. Pouco despois aprobaba un Código de Boas Prácticas. A xuíza cre que eses regalos puideron influír en tratos de favor por parte da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/12/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Recibir agasallos a cambio de contratos está tipificado como delito no Código Penal e aínda que non sexa a cambio de contratos, pero que superen unha contía, tamén está tipificado", dicía Alberto Núñez Feijóo en febreiro de 2014 cando foi preguntado nun Consello da Xunta polos regalos recibidos por distintos cargos públicos dentro da operación Pokemon. “Son feitos anteriores a cando aprobamos un código ético que regula a recepción de cortesías e regalos institucionais para evitar interpretacións...”,  respondía este luns ao ser preguntado polos regalos valorados en máis de 2.300 euros que el mesmo percibiu da empresa Monbus.

Feijóo no Consello da Xunta
Feijóo no Consello da Xunta

Dous anos e oito meses separan estas dúas declaracións nas que Feijóo, que xa daquela tiña recibido caixas de viño de Vega Sicilia, se amosaba moi contundente cos agasallos que recibían certos políticos. Agora, non dubida en recoñecer que, efectivamente, aceptou “seis botellas de viño por Nadal”, xa antes de ser presidente, pero escudase en que, entón, non se tiña aprobado unha Lei de Boas Prácticas na Xunta que limita eses regalos a 90 euros.

"De agasallos que non estean prohibidos pola lei será cada un responsable de tomar a decisión que corresponda en función do volume do agasallo, do volume da atención e en función de se iso pode comprometer a decisión, polo menos subxetivamente, dese político. O que está fóra dos ámbitos legais xa corresponde a cuestións máis persoais", dicía en febreiro de 2014.

Precisamente, a cuestión que terá que ditaminar a xustiza é se eses regalos que tanto el, como outros responsables públicos recibiron entón, serviron para que “tomaran decisións” sobre contratos de Monbus. E é que tal e como recolle o artigo 420 do Código Penal “a autoridade ou funcionario público que, en proveito propio ou dun terceiro, reciba ou solicite, por si ou por persoa interposta, dádiva, favor ou retribución de calquera clase ou acepte ofrecemento ou promesa para realizar un acto propio do seu cargo, incorrerá na pena de prisión de dúas a catro anos, multa de doce a vinte e catro meses e inhabilitación especial para emprego ou cargo público”.

Cambio de normativa

Precisamente, en 2009 a normativa europea modificou as condicións da duración das concesións de transporte público e que, tras iso, "xa con esa norma en vigor", en 2010 a Xunta "renovou a concesión de que a era principal beneficiario Monbus por un prazo de dez anos contradicindo a normativa europea", segundo denunciou Luís Villares, de En Marea.

Feijóo e Raúl López antes dun encontro do Obradoiro
Feijóo e Raúl López antes dun encontro do Obradoiro

"Seis anos máis tarde, en febreiro de 2016, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) entende que as actuacións feitas polo Goberno de Feijóo para renovar estas concesións, das que o principal beneficiario era Monbus, son contrarias a dereito e, polo tanto, se anulan", sinalou este luns.

Tras iso, a Xunta elaborou unha lei urxente en xuño de 2016 "para evitar cumprir os termos da sentenza", cuestións nas que, na súa opinión, agora o Executivo autonómico "volve incidir" a través da Lei de acompañamento dos presupostos para 2017 co mesmo obxectivo de "eludir o cumprimento da sentenza".

Todo iso, para o dirixente de En Marea, evidencia unha serie de "decisións controvertidas" no "ámbito da adxudicación do transporte" que, en paralelo, estiveron acompañadas dunha "sucesión de regalos constantes por parte da empresa adxudicataria a todas as persoas e cargos que interviñeron na propia tramitación”. "Existe, polo tanto, unha prórroga de facto do transporte e, durante todo o tempo que dura esa prórroga de facto, contraria á normativa europea, unha continuidade na sucesión dos regalos que foron realizados", censurou Villares, que exerceu de maxistrado antes da súa incorporación á política.

Por iso, considerou que os regalos recibidos "exceden o ámbito da cortesía institucional" e "é propia de relacións clientelares entre particulares". "Poden ser aceptable que entre empresas e clientes haxa un trato de agradecemento" pero "é absolutamente extravagante en relación a un adxudicatario dun servizo e á propia administración pública concedente", subliñou.

O interrogatorio de Pilar de Lara

Precisamente, sobre este cambio da normativa de transporte e as conversas con dirixentes da Xunta ao respecto lle preguntou a xuíza Pilar de Lara ao empresario Raúl López, dono de Monbus, durante o interrogatorio tras a súa detención no marco da Operación Cóndor. A maxistrada centrouse, entón, na "amizade" que o industrial admitiu ter co presidente do Consello Consultivo, José Luis Costa Pillado, e dirixiu as súas preguntas ao "asesoramento" que este lle puido prestar no relativo a esa norma.

Neste sentido, utilizou chamadas entre ambos os dous nas que falan de "papeis" e consultas para dar por feito que o responsable do órgano estatutario lle explicou "como formular" o asunto ao vicepresidente, Alfonso Rueda, "para que o elevase ao Consultivo e dende alí procurar unha solución ás súas demandas”. Esta interpretación da xuíza foi rexeitada por López, quen, en todo caso, matizou que era "un tema para o sector" do transporte interurbano e non un tema persoal".

Preguntado sobre se as xestións de Costa Pillado foron agradecidas pola súa parte con algún tipo de obsequio, o presidente de Monbus rematou admitindo que lle regalou "unha botellita de viño" pero reiterou as súas negativas a que lle facilitase documentos ou realizase algún trámite.

Feijóo, tranquilo

Sobre as posibles investigacións da xuíza Pilar de Lara, Feijóo sempre se amosou seguro. “Quedará en nada”, apuntaba este luns. “O fiscal -xefe-- do caso lóxicamente di que non hai nada. É outra filtración parcial máis que quedará en nada. Hai varios precedentes, non dá para máis”, indicaba en La voz de Galicia, a pesar de que o primeiro fiscal vía indicios claros. Unha opinión moi semellante a que mantivo desde o primeiro momento, pouco despois da detención de Raúl López ante a xuíza. 

Hai unha tranquilidade absoluta da Xunta cos contratos que temos con esa –Monbús-- e outras empresas”, dicía o presidente galego, ao ser preguntado pola detención do empresario, porque, “todos os contratos están fiscalizados pola Asesoría Xurídica”.

Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon
Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mosqueado

O martes declarou como investigado (antigo imputado) o presidente do consello consultivo como presunto autor de tres delitos (negociacións prohibidas a funcionarios, cofeito e tráfico de influencias) ao día de hoxe sigue no cargo e ninguén di nada. Galiza is diferent