Puy Fraga revela que non se investigou a quebra das caixas por decisión súa

O voceiro parlamentar do PP confésase "responsable" de que a Cámara non investigara o que pasou con Caixa Galicia e Caixanova até o agora, cando se reabre a Comisión de Investigacioń que botou tres anos paralizada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/12/2016 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O Parlamento galego reabrirá a comisión de investigación da caixas de aforro galegas máis de tres anos despois da súa paralización, aínda que o fará con discrepancias entre o PP e a oposición sobre os temas a tratar, como a petición do PSdeG e BNG de que se indague na venda de Novagalicia Banco, que os populares rexeitaron.

Feijóo e Pedro Puy comparecen tras a victoria electoral do PPdeG
Feijóo e Pedro Puy comparecen tras a victoria electoral do PPdeG

No pleno deste martes no que se abordou retomar esta comisión, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, recoñeceu que "houbo unha decisión de arrefriar o debate". "Son eu o responsable", asegurou o popular, que revelou que esa decisión "é das certas cousas" que Alberto Núñez Feijóo lle "recriminou" a nivel "privado".

Segundo explicou Puy, esa decisión de "arrefriar o debate" sobre as caixas galegas debeuse á intención de "non interferir" no proceso de recapitalización do novo banco e que o proceso de posta en marcha de Abanca puidésese facer "sen ruído".

Estas afirmacións de Pedro Puy provocaron que a oposición saíra ao unísono a criticar o voceiro parlamentario popular. Así, Ana Pontón (BNG) chegou a falar de "democracia puyana", "que está por enriba do Parlamento e as normas. Pola súa banda, Abel Losada (PSdeG) censurou que a intervención do deputado do PP lle "recordou a Mr. Ripley", polo "cambio de prisma sobre o discurso dos feitos".

Nesta liña, Antón Sánchez (En Marea) mostrouse en estado de "shock", porque Puy decidiu paralizar a investigación parlamentaria "por enriba" do presidente da Xunta e da comisión das caixas. Así, espetou que "se poñen o polígrafo" ao señor Puy "rebenta hoxe".

Puy Fraga nunha rolda de prensa na Cámara galega
Puy Fraga nunha rolda de prensa na Cámara galega | Fonte: EP

A liña seguida, Sánchez acusou a Puy de que "lle estivo a tomar o pelo a este Parlamento", ao tempo que dixo descoñecer "esa actitude " do popular "de ter bastantes tragaderas". "¿Por que non dixo hai tres anos o que dixo hoxe? ¿Quen é vostede para decidir que hai que arrefriar o debate?", reprochoulle.

SAE ADIANTE PROPOSTA DO PP, NON A DE PSOE E BNG

De tal forma neste debate realizáronse dúas votacións. Por un lado, a proposta impulsada polo PP de retomar os traballos iniciados, que saíu adiante cos votos a favor dos populares e o BNG, e coa abstención do PSdeG e En Marea.

No segundo caso, a iniciativa de socialistas e nacionalistas -entre outras cuestións a maiores pedía investigar a venda de Novagalicia Banco-, que foi apoiada por toda a oposición, pero rexeitada polos populares.

O pleno xa comezara con polémica, posto que Ana Pontón (BNG) acusou ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, de "trato de favor para que o PP poida pechar este debate", xa que a nacionalista considera que debían ser os populares os que o iniciasen ao ser o primeiro grupo en rexistrar a iniciativa, e recordou que así aconteceu en 2012.

Non obstante, Santalices remarcou que "que se fixese na pasada lexislatura non quere dicir que estivese ben", polo que tras consultar aos servizos xurídicos sostén que corresponde realizar o debate de "de menor a maior" presenza parlamentaria. Ante isto, Pontón queixouse de que é "un xeito moi triste de empezar os debates nesta Cámara", que identifica cunha "cacicada".

"UTILIZACIÓN ESPURIA DAS INSTITUCIÓNS"

Así, Abel Losada (PSdeG) acusou dunha "utilización espuria das institucións por parte do PP", cun comportamento "absolutamente inexplicable" dos populares nos últimos anos.

Sobre este extremo, Losada relatou que "fai seis anos" que se empezou coa reclamación da comisión de investigación, e durante "dous anos" os populares votaron en contra da súa apertura, ata que "un bo día" decidiu solicitar iniciar os traballos. Tras un mes de xullo de 2013 de comparecencias "mañá e tarde" paralizouse, e mesmo en xuño deste ano o PP "rexeitou" pedir documentación sobre a venda de NCG Banco.

De tal forma, Ana Pontón (BNG) acusou ao PP de que "fixo perder de xeito deliberado un tempo precioso para coñecer a verdade" sobre a "desaparición" das caixas e do sistema financeiro galego, pois "non se deixou investigar" nunha comisión "secuestrada pola maioría do PP".

A voceiro parlamentaria do Bloque denunciou que ningún responsable das caixas estivese pagando por isto no cárcere", ao tempo que reclamou que "tamén hai que investigar por parte deste Parlamento" unha venda "ruinosa" de NCG Banco, pois se Feijóo "tivese a conciencia tranquila" o deixaría facer.

Pola súa banda, Antón Sánchez (En Marea) recriminou aos populares que se neguen a investigar que "se venda a un señor venezolano, non chavista, por suposto", unha entidade financeira despois de inxectar nela 9.000 millóns de diñeiro público, que "non se vai recuperar", e que no "primeiro ano vai sacar case tanto como o que lle custou compralo".

Ademais, criticou a "continuación da historia dunha macroestafa", pois acusou os xestores Abanca de "descapitalización da entidade", a "vender activos para facer caixa" e "negocio rápido". Na súa intervención, Sánchez tamén acusou de forma velada de "suborno impropio" a Feijóo, sen citalo, polos "regalos de Veiga Sicilia".

QUE SE INVESTIGUE O ACONTECIDO ENTRE 2005 E 2009

En cambio, Pedro Puy defendeu continuar cos traballos da comisión iniciados a pasada lexislatura para "intentar chegar a unhas conclusións razoables e sensatas", que expliquen "o que pasou co sistema financeiro galego".

Se ben se mostrou partidario de incorporar "a información e documentación" relativa á venda de NCG Banco que se crea necesario, criticou que a oposición pida "outra comisión de investigación" diferente á que se iniciou na pasada lexislatura. Por iso, xustifica a "continuidade ao plan de traballo" para "saber que pasou entre 2005 e 2009".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 André

Grande democrata o Puy e grandes vinhos os que bebe o senhor que minte mais do que fala e que acaba de subir o salário um 7%. E mais que merece agora que morreu o presente de Monbus.

1 Gorila

Só con esta perla, en calquera país serio, Puy Fraga vería acabada a súa carreira política.