Feijóo prometeu 14.000 empregos cos novos parques eólicos, seis anos despois hai 2.000

Seis anos despois do concurso eólico do PPdeG, as empresas seleccionadas cumpriron co 14% dos postos de traballo a crear, o 11% dos millóns a investir e o 23% dos megawatios a instalar. Algúns, como Ángel Jove, comezan a vender as empresas beneficiadas sen construír os parques eólicos e os plans industriais asociados a eles.

Por Manuel Vilas | O Irixo | 14/12/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Cando a Xunta presentou o seu plan eólico, en 2010, prometeu que se crearían “preto de 14.000 novos postos de traballo”. Segundo datos facilitados pola Consellería de Industria a GC, seis anos despois, creáronse “máis de 2.000 empregos directos”.

Ángel Jove
Ángel Jove | Fonte: Anjoca.com

Esta non é a única promesa incumprida. Tras tirar o plan eólico do bipartito mediante unha resolución -ilegal, segundo ditou o Supremo- o goberno do PP resolveu o seu propio concurso que  “blinda a execución dos plans industriais cun investimento de 6.000 millóns de euros”. En 2016 Industria admite que o investimento polo de agora é de 717 millóns. 

Alberto Nuñez Feijóo presumía en 2010 destas cifras ao resolver un concurso para 2.325 novos megawatios eólicos. Desa potencia, a día de hoxe só hai instalados 546,5 megawatios.

En resumo, se aceptamos como válidas as cifras facilitadas a GC pola Consellería esta semana, seis anos despois o Executivo leva cumprido co 14% da creación dos postos de traballo, co 11% dos millóns a investir e co 23% dos megawatios a instalar.

A lea xudicial, coa consecuente inseguridade no sector e atraso na solicitude das primas que concedía o Estado, no que Feijóo meteu ao sector eólico galego liquidando o plan do bipartito non é o único factor que explica o importantísimo atraso. A fin das primas eólicas -decretadas polo goberno do PP no Estado- e a propia crise económica son outros dos factores que axudan a enteder a cuasi-conxelación dun sector no que Galicia chegou a ser líder estatal.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: DUVI.

De cara o futuro, vista a lea xudicial, parece que non hai perspectivas dunha reactivación importante, polo menos a curto prazo. De feito, hai beneficiarios do concurso eólico de 2016 que xa vender as empresas posesoras das autorizacións públicas sen nin sequera construír os parques e, por suposto, sen facer realidade os plans industriais dos que falaba a propaganda da Xunta.

Tal é o caso de Ángel Jove, o irmán de Manuel Jove (ex-Fadesa). O construtor coruñés acaba de saír do sector desfacéndose da empresa Kaekias Eólica, cuxo único activo coñecido eran as autorizacións para dous parques en Ourense e Bergantiños, que sumaban 75 megawatios. 

Segundo informou R. Rodriguez en Economía Digital, de Kaekias marchan tamén outros socios como o empresario de Lalín Argimiro Fernández, Xeramáis Enerxía, Estela Eólica e Javier Mazaira.

É legal que se vendan as empresas que gañaron o concurso sen que fixeran os parques e os proxectos industriais asociados? Cómpre lembrar que, por exemplo, Kaekias para gañar a autorización comprometérase a facer unha planta de lodos en Dozón, industria da que nada se sabe, como nada se sabe da polémica plan de residuos no Irixo, a “Sogama do Sur”.

“A normativa establece que os titulares de dereitos eólicos non poderán transmitir os mesmos ata que o parque estea construído e en funcionamento, e previa autorización administrativa”, responde a Xunta. Unha limitación inútil na práctica, como proba o exemplo de Kaekias. 

O que se vende non son os dereitos éolicos, senón as accións das empresas titulares deses dereitos. Con todo, a consecuencia última é que se está a comerciar cun ben público sen ter executado os compromisos polos que se logrou a autorización da Xunta. O mesmiño que pasou, por exemplo, cando Banesco se desfixo dos activos eólicos que ABANCA herdara das caixas a través de Torre de Hércules e Eólica Galenova

Ben é certo que neste caso -ao contrario do que pasara por exemplo coas minicentrais do fraguismo- non se dan as circunstancias económicas para grandes pelotazos. Expertos do sector eólico consultados por GC coinciden en que os empresarios que vendan as compañías titulares de autorizacións terán sorte se logran recuperar o que lles custou tramitar os parques. En definitiva, a polémica anulación do concurso de 2009 e a súa substitución polo de 2010 serviu para unha longa batalla política e mediática, pero dende logo non para estimular a maltreita economía do país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Xan do Couto

Reganosa en Mugardos tamén ía dar máis de 2000 postos de traballo , pero traballan 50 persoas

1 xZ3G

2.000 de 14.000 e La Voz sin dicir nin mu. Cando foi o bipartito ben que lle adicaban páxinas a botar kk sobre os adxudicatarios por crímines como ser de orixe humilde e ter unha panadería. Iso si, o Tomás pasou de redactor a xefe. E o Alberto chegou a Presidente. E os apaches seguen na reserva, indo a festas gastronómicas nas áreas recreativas -que é todo o que lle deixan os parques- e adorando a Manitú todos os venres ao son do Luar.

1 FUN_EU

O do plan eólico do bipartido botado atrás da para moito. O PSdeGA saboteouno o tempo xusto para que chegara logo F. e o defenestrara, a inversión era meirande que no novo, os efeitos de industrialización tamén, e por riba diso a porcentaxe de beneficios para os concellos era récord, achegándose á de Olanda ou Dinamarca. Todo iso xerou envexas do goberno central que aproveitou o PP para facer campaña...É un resumo do que pasa en Galiza: desunión e politiqueo para calquera cousa que se quera facer.

2 Parada do Sil

Os adoradores (da graxa) do bipartito tedes lagoas. Exemplo, os desencontros das consellerías do BNG e PsoEspañol, en concreto Indústria e Ordenación do Território, sendo os da última os que paralizaron, adiaron e fixeron investir fóra de Galiza a moitos interesados nas renovables (na solar foi de escándalo). Exemplo dous, nas eólicas os beneficiados eran cooperativas rurais sobre o papel, na realidade os avalistas son grupos transnacionais de capital risco, sendo as cooperativas da chaira as que explotan montes nas serras (non os nativos!), e a cambio obrigados a mercar regalos envelenados da consellería de agricultura (pregunten en Portomarín, en Val de Porrás, polas granxas das cabras da N540, polos millóns de euros tirados das cooperativas, investidos polos labregos, outro escándalo que ninguén destapa). O mito do bipartito renovable cheira que fede!