Investigadores galegos lideran un proxecto sobre o desxeo ártico

“O Ártico é a rexión do planeta que antes se quenta, que antes padece os efectos do quecemento global, e os efectos dese quecemento non só afectan a esta zona senón que inflúen en todo o planeta”, sinala un dos científicos vigueses.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 14/12/2016 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

A Universidade de Vigo tamén quere contribuír a analizar a situación de cambio climático que vive o planeta. Por iso, o Environmental Physics Laboratory, o Grupo EPhysLab da Universidade de Vigo, iniciou este ano un proxecto con financiamento estatal e participación internacional no que está a analizar en que medida o transporte de humidade atmosférica é responsable deste desxeo ártico.

Imaxe da rexión ártica
Imaxe da rexión ártica

E é que a preocupación polo avance do cambio climático e do seu impacto no planeta é unha das grandes cuestións que atrae a atención da comunidade científica internacional. O interese no Ártico débese ao feito de que a zona é a primeira na que se manifesta o impacto do cambio climático e porque modificacións nela teñen consecuencias para o resto de planeta.

.O proxecto está financiado con 146.410 euros pola convocatoria do Ministerio de Economía e Competitividade para proxectos de investigación I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade do ano 2015.

Os investigadores principais do estudo, que se desenvolverá durante tres anos, son Luis Gimeno e Raquel Nieto, do Grupo EPhysLab. Tamén participan Lisan Yu, oceanógrafa do Woods Hole Oceanographic Institution de Estados Unidos, e Diego Miralles, docente na Universidade de Gante e investigador na de Amsterdam, recentemente galardoado cunha ERC Starting Grant e recoñecido experto internacional en temas de evaporación terrestre.

O ártico, a zona que antes se quenta

Os investigadores de EPhysLab Luis Gimeno e Raquel Nieto
Os investigadores de EPhysLab Luis Gimeno e Raquel Nieto | Fonte: Uvigo

“O Ártico é a rexión do planeta que antes se quenta, que antes padece os efectos do quecemento global, e os efectos dese quecemento non só afectan a esta zona senón que inflúen en todo o planeta”, explica Luis Gimeno. “Se tivésemos que elixir unha rexión onde os efectos do quentamento global serán máis pronunciados e ao mesmo tempo onde eses cambios poderán afectar ao clima global, esa rexión sería sen dúbida o Ártico”, engade Raquel Nieto. Estes cambios, indican os investigadores, traen consigo “enormes repercusións socioeconómicas, ambientais e científicas” e “unha enormemente preocupación por saber como e en que medida este quecemento vai afectar ao resto de rexións”.

Detrás deste vínculo entre o clima global e o sistema ártico está, sinalan os líderes do proxecto, a rama atmosférica do ciclo hidrolóxico. “Cambios no transporte de humidade atmosférica téñense proposto como vehículo para interpretar os cambios máis significativos na rexión ártica. Isto é así porque o transporte de humidade desde rexións extratropicais ao Ártico incrementouse nas últimas décadas e se agarda que se incremente aínda máis co quecemento global”, subliña Raquel Nieto. Este incremento, engade, “pode ser debido a cambios na circulación atmosférica que alteren as fontes de humidade ou cambios na intensidade das fontes ao incrementarse a evaporación, ou a unha combinación de ambos mecanismos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta