Cabo Touriñán, o último solpor na Europa continental durante dous meses ao ano

Un estudo do catedrático Jorge Mira, da Universidade de Santiago de Compostela, identifica cinco puntos da xeografía atlántica europea, entre eles Galicia, nos que se produce ao longo do ano o último solpor na Europa continental.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/12/2016 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

Entre o 24 de marzo e o 24 de abril e dende o 18 de agosto ao 19 de setembro, Cabo Touriñán na Costa da Morte é o último lugar da Europa Continental no que se pon o sol. No período dun ano, non existe un único punto xeográfico dende o que contemplar o último solpor nesta parte do planeta, senón que é un privilexio de cinco localizacións da costa atlántica europea repartidas entre España, Portugal e Noruega. O catedrático de Electromagnetismo Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acaba de publicar un artigo no que rastrexa ‘ A última posta de sol na Europa continental’, título do artigo que acaba de publicar na revista Cartography and Geographic Information Science, incluída entre as de máis alto impacto no ámbito temático da Xeografía, informa a USC.

Gaiteiros no solpor en Cabo Touriñán / https://youtu.be/IcqJGPoMldU.
Gaiteiros no solpor en Cabo Touriñán / https://youtu.be/IcqJGPoMldU.

Xunto aos períodos nos que este último solpor se pode observar dende terreo galego, Jorge Mira sinala outros catro emprazamentos: entre o 19 de outubro e o 21 de febreiro estaría localizado no Cabo de São Vicente en Portugal, ao que toma o relevo Cabo da Roca, tamén en terreo luso, entre o 21 de febreiro e poucos días despois do equinoccio de primavera e dende uns días antes do equinoccio de outono atas o 19 de outubro. As outras dúas localizacións destacadas son un lugar próximo a Aglapsvik no sur continental de Tromsø (Noruega) aproximadamente do 24 de abril ao 1 de maio e do 11 ao 18 de agosto, e unha localización no municipio de Måsøy ao sur de Havøysund, tamén en Noruega (aproximadamente do 1 ao 11 de maio e do 1 ao 11 de agosto).

O traslado deste singular punto de referencia ao longo da xeografía atlántica asóciase “á cambiante orientación do eixo de rotación da Terra con respecto ao Sol”. Como explica o autor do traballo, os cálculos teóricos das horas de saída e posta do Sol aplícanse só a nivel do mar. Explica tamén que os tempos reais en que se observa que o Sol sube e establécese nun lugar particular diverxen do cálculo teórico “debido ás condicións atmosféricas, a presión e a composición atmosférica e outras variables tales como os efectos da refracción atmosférica no tempo de posta do sol en latitudes máis altas, que crean discrepancias aínda maiores na área ártica”.

O profesor Mira explica tamén que nas datas en que a posta de sol cambia dun punto a outro, “oscilan entre un día e o seguinte cun período duns anos, principalmente debido ao calendario de ano bisesto, ao igual que os dos equinoccios e solsticios”. Como curiosidade, o catedrático de Electromagnetismo detalla como nos días 24 de abril e 18 de agosto o momento de último solpor europeo, que se produce simultaneamente nas Costa da Morte e nun lugar próximo á cidade norueguesa de Tromsø, coincide co do último solpor do continente africano.

AMENCER

No mesmo artigo, Jorge Mira tamén localiza o primeiro punto no que se pode contemplar o amencer EN España. Contra a crenza de que se produce no punto máis oriental de España, cerca de Mahón -na illa de Menorca-, “atopámonos que iso non é así durante todo o ano, senón que nun período de catro meses, dende o 21 de abril ao 21 de agosto, ese primeiro amencer en España prodúcese en Cabo de Creus en Girona”.

O 24 de abril e 18 de agosto o momento de último solpor europeo, que se produce simultaneamente nas Costa da Morte e nun lugar próximo á cidade norueguesa de Tromsø, coincide co do último solpor do continente africano
O 24 de abril e 18 de agosto o momento de último solpor europeo, que se produce simultaneamente nas Costa da Morte e nun lugar próximo á cidade norueguesa de Tromsø, coincide co do último solpor do continente africano | Fonte: Jorge Mira - CGIS.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta