Temas: MARCO VIGO

Martínez Antelo anuncia o fin da súa etapa como director do MARCO de Vigo

O actual responsable do Museo de Arte Contemporánea de Vigo comunícalle ao Padroado a súa intención de non renovar o seu cargo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 15/12/2016 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

Iñaki Martínez Antelo transmitiu ao Padroado da Fundación Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) a súa vontade de non renovar o seu contrato de dirección. Fíxoo na 41ª reunión do Padroado celebrada este mércores, na que se abordou, entre outros puntos, a finalización do actual contrato de dirección, tendo en conta que o contrato vixente do director finaliza no mes de novembro de 2017.

Iñaki Martínez Antelo
Iñaki Martínez Antelo | Fonte: Facebook.

Martínez Antelo, que é director do MARCO desde o 18 de novembro de 2005, decidiu facer público un comunicado que reproducimos íntegro a continuación e no que se laia polos recortes sufridos e asume a necesidade dunha renovación:

Quen traballa no ámbito da cultura sabe que é un reto levar adiante proxectos en medio dunha fráxil situación que a crise dos últimos anos non fixo senón agravar. Dende o MARCO levamos demasiado tempo traballando nunha situación moi complicada, cuns orzamentos ao límite do razoable para un centro das súas dimensións e características. Levo anos intentando manexar o rumbo e defendendo as súas funcións como centro de arte contemporánea, tratando de manter a calidade da programación e a independencia na xestión. A día de hoxe, penso que, tras once anos ao fronte do que foi un proxecto ilusionante, cumpriuse unha etapa e é necesaria unha renovación. Por iso, teño decidido non continuar unha vez finalice o meu contrato de Dirección en novembro de 2017, tal como comuniquei oficialmente onte, con ocasión da reunión do Padroado da Fundación MARCO.

Ireime do MARCO coa conciencia tranquila por ter levado a cabo unha programación da que me sinto moi satisfeito, en condicións difíciles, e grazas á colaboración dun equipo de verdadeiros profesionais que nestes anos me demostraron, ademais da súa lealdade, a súa capacidade de adaptación a todo tipo de situacións. Quero agradecerlles a súa dedicación e entrega.

Ireime do MARCO profundamente agradecido polo labor de centos de artistas que participaron nas nosas exposicións e noutros proxectos, polo traballo de comisarios, conferenciantes, docentes de cursos, organizadores de concertos e festivais, persoal de empresas auxiliares, ou estudantes en prácticas, entre os moitos colaboradores que nos acompañaron. Tamén quero agradecer o apoio de patrocinadores privados, e de todas as institucións públicas e privadas que confiaron en nós, así como dos museos cos que temos coproducido exposicións ou establecido acordos de colaboración. E teño que dedicar un recoñecemento moi especial á Agrupación de Amigos e á que foi a súa Presidenta dende o seu inicio, Daniela Sarraino, que ademais de apoiarnos coas súas achegas anuais, estiveron sempre aí, non só nas inauguracións e viaxes, senón tamén cando os convocamos para colaborar en múltiples actividades.

Ireime do MARCO co convencemento de que pagou a pena recuperar e manter un edificio que é un referente histórico envorcado no presente. Que mellor metáfora de liberdade que un lugar de represión transformado en centro de arte contemporánea? O MARCO é un espazo simbólico cuxo valor patrimonial reside, ademais de na súa peculiar tipoloxía arquitectónica, en ser parte da memoria persoal e colectiva. Ao longo deste tempo, o seu pasado como cárcere e xulgados foi fonte de inspiración para un bo número de artistas e proxectos, e para incontables convocatorias cidadás. 

Intentamos que todas as subxectividades se sentiran involucradas no noso proxecto, o que é, á fin, o noso reto último e polo que hai que seguir loitando. Dende as bases asentadas pola primeira directora do Museo, Carlota Álvarez Basso, ata hoxe, fixo falta moito traballo para construír unha institución cultural recoñecida. Agora é necesario un esforzo conxunto para que continúe como espazo profesionalizado no ámbito da arte contemporánea, tal como se formula nos Estatutos da Fundación MARCO.

En novembro de 2017 remata o meu contrato de Dirección, e teño posto o meu cargo a disposición do Padroado para quedar ata que sexa necesario, ata que chegue un novo director ou directora que poida retomar o seu funcionamento e programación. Creo que a vía máis adecuada para avanzar sería a convocatoria dun concurso público, e non o digo como opinión persoal, senón facendo valer o que é práctica habitual dende hai máis de dez anos. Existe un Manual de Boas Prácticas nos museos españois, consensuado con todas as administracións e apoiado por todas as asociacións do sector.

Só unha solución dende o ámbito profesional pode evitar un futuro incerto ou preocupante. O MARCO é un organismo autónomo e debe seguir séndoo. As exposicións e proxectos deben ser consecuentes co que o Padroado e o equipo directivo consideren axeitado para cumprir os fins da Fundación. Entre os obxectivos dun centro como o MARCO non poden estar a especulación ou espectacularización da cultura, senón xerar coñecemento, patrimonio, formación, criterio e debate.

Para rematar quero agradecer, e sabedes que é un agradecemento sincero, o apoio dos medios de comunicación, que nos tedes axudado a difundir o noso labor e a quen dende aquí intentamos sempre facilitar o voso traballo. Seguiremos facéndoo.

Iñaki Martínez Antelo.

Director MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

TRAXECTORIA

Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid.

Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003).

Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.

Temas: MARCO VIGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta