Villares cre que o aforamento de Feijóo non impedirá á xuíza seguir investigando os regalos de Monbus

"É evidente que nalgúns casos hai aforamentos que non teñen moito sentido", di e asegura ser partidario de "revisar" este tipo de casos "con relación ao tipo de delito".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2016 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, considerou que o aforamento do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "non impedirá" que a xuíza Pilar de Lara continúe investigando os supostos regalos de Monbus e recordou esta figura trátase dunha "garantía procesual" e non "dun privilexio".

Luís Villares na súa etapa de maxistrado
Luís Villares na súa etapa de maxistrado | Fonte: Red Arnela

Así se pronunciou o dirixente de En Marea ao ser preguntado polo feito de que varios cargos públicos que figuran na lista do informe do Servizo de Vixilancia Aduaneira como receptores de regalos do presidente de Monbús, Raúl López, sexan aforados.

En concreto, a xuíza chamou a declarar a unha vintena de persoas, entre as que figuraban o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. Á marxe destas citacións, De Lara elevou exposicións motivadas ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e ao Tribunal Supremo (TS) para que decidan se investigan outros cargos aforados aos cales Aduanas sinala como receptores de obsequios. Entre eles, segundo publicou GC e outros medios dixitais, atópanse o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o exministro socialista José Blanco.

Ao respecto, Villares recordou que o aforamento é "unha garantía estritamente procesual" e non un privilexio aínda que se considerou necesario "someter a crítica" esta figura nalgúns casos na medida na que "poidan ser percibidos socialmente como privilexios".

"É evidente que nalgúns casos hai aforamentos que non teñen moito sentido", asegurou para poñer como exemplo que "un deputado imputado por unha alcoholemia poida rematar ante o Tribunal Supremo" por este feito. Polo tanto, mostrouse partidario de "revisar" este tipo de casos "con relación ao tipo de delito" pero rexeitou que no caso de Feijóo poida supoñer "un privilexio ou un atraso".

Con todo, o voceiro parlamentario de En Marea e exmaxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia si cualificou como "excesivo" o número de persoas aforadas que hai en todo o Estado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta