Denuncian a “situación agonizante” dos xulgados do penal da Coruña

SPJ-USO alerta da "sobrecarga de traballo" que viven os funcionarios, "incapaces de asumir o colapso no que se achan".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/12/2016 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O Sindicato Profesional de Justicia (SPJ), integrado na Unión Sindical Obrera (USO), vén de denunciar o "colapso" que se vive nos seis xulgados do penal da Coruña, onde "a situación que atravesan se agrava cada vez máis", din. SPJ-USO alerta da "sobrecarga de traballo" que está a levar a estes xulgados a "unha situación agonizante a pesar das continuas denuncias formuladas polos propios titulares da xurisdición penal".

Xulgados do Penal da Coruña.
Xulgados do Penal da Coruña.

SPJ-USO recorda que desde 1998 son "xa moitas as ocasións nas que os maxistrados da cidade reclamaron ao Consello Xeral do Poder Xudicial, Ministerio de Xustiza, a creación dunha unidade de apoio". Tamén lembran que os propios maxistrados "constataron a necesidade de abordar un plan que cualificaron «de emerxencia» para paliar a situación, polo que reclamaron a creación dun xulgado do Penal itinerante de reforzo para as tres unidades que existían nese momento, facéndose desde a administración caso omiso a tales peticións".

O pasado ano, os maxistrados do Penal esixiron, novamente, "a dotación dun xulgado rotatorio de reforzo que cada dous meses botase unha man aos xulgados máis colapsados, os tres máis antigos"; unha esixencia que consideraron "inaprazable", ademais de pedir a creación dun xulgado que se fixese cargo de forma exclusiva do cumprimento das penas.

Xa neste ano 2016, a Xunta sectorial de xuíces do Penal de Coruña propuxo a "necesaria ampliación do persoal integrante destas unidades xudiciais", solución que, segundo recorda o sindicato, foi avalada por acordo do 13 de maio de 2016 do Pleno da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza, no que se dispón instar á Dirección Xeral de Xustiza o nomeamento de persoal de reforzo para os xulgados do Penal. "Pero unha vez máis, a administración mira para outro lado e non adopta medida algunha, deixando abandonados á súa sorte a estes xulgados", lamentan dende SPJ-USO.

DATOS

Segundo os datos que aporta o sindicato sobre asuntos e execucións repartidos aos xulgados do penal da Coruña, a data 29/11/2016, houbo un total de 1.955 asuntos repartidos e un total de execucións repartidas de 1.011, que se sumarían ao conxunto de asuntos e execucións pendentes nos devanditos órganos; datos moi similares aos do ano pasado. "Teñamos presente que o esforzo levado a cabo por maxistrados, letrados e resto de funcionarios de xustiza, da xurisdición penal para axuizar un maior número de asuntos e evitar así que prescriban está a provocar a aparición dun novo problema, e é que a celebración de moitas vistas orais implica tamén un incremento do número de sentenzas que hai que executar, o que supón un evidente risco de que prescriban e nunca cheguen a cumprirse a pesar da súa gravidade, ademais de que as execucións non só levan a orde, por exemplo, de que unha persoa ingrese en prisión, senón asuntos como embargos, retiradas de carnés, permisos de armas, cumprimento de traballos en beneficio da comunidade e control de ordes de afastamento, entre outros", describe SPJ-USO.

Desde o sindicato consideran "escandalosa" a situación que atravesan estes órganos, "incapaces de asumir o colapso no que se achan", polo que instan á Dirección Xeral de Xustiza a que "abandone o estado de letargo no que se atopa, asuma as súas responsabilidades e cumpra co acordo do TSXG procedendo de forma inmediata ao nomeamento de persoal de reforzo que se incorporaría aos seis xulgados do penal da Coruña".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta