Galicia recupera o consumo cultural por primeira vez dende 2008 e é a autonomía na que máis crece

En 2015, os galegos gastaron 635 millóns de euros en cultura, unha cifra que, aínda que afastada dos máis de 800 millóns de 2008, supón un incremento do 15,9 por cento con respecto ao ano anterior.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2016 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

O consumo cultural en Galicia recuperouse por primeira vez dende o inicio da crise económica en 2008, sendo a comunidade autónoma na que máis creceu, segundo datos do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega. En 2015, os galegos gastaron 635 millóns de euros en cultura, unha cifra que, aínda que afastada dos máis de 800 millóns que investían en 2008, supón un incremento do 15,9 por cento con respecto ao ano anterior.

Espectáctulo na Cidade da Cultura
Espectáctulo na Cidade da Cultura | Fonte: Consello da Cultura.

Os bens culturais nos que máis investiron os galegos foron publicacións periódicas, Internet e servizos culturais e espectáculos. Así mesmo, o Observatorio aprecia un "desinterese paulatino" polos libros, que son o único subgrupo do estudo que rexistra un descenso.

Entre as causas que motivaron este incremento, o Observatorio sinalou a baixada de prezos dalgúns bens culturais, especialmente dos equipos informáticos e audiovisuais, así como o aumento de confianza na situación económica.

Neste sentido, o informe conclúe que actualmente un 70 por cento dos galegos pode permitirse "saír a cear, á cafetaría, ao cinema ou ao teatro", mentres que hai catro anos esta porcentaxe era do 30.

Para a realización deste informe, o Observatorio da Cultura Galega empregou datos da Enquisa de Orzamentos Familiares, o Índice de Prezos ao Consumo, ambos os dous do Instituto Nacional de Estatística, e a Enquisa Conxuntural a Fogares, do Instituto Galego de Estatística.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta