Temas: HIPOTECA UE BANCA

A xustiza europea obriga aos bancos a devolver todo o diñeiro cobrado polas cláusulas chan

Os custos adicionais para as entidades financeiras poderían ascender a 7.600 millóns, segundo o Banco de España.

Por E.P. | BRUXELAS | 21/12/2016 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) ditaminou este mércores que os bancos deben devolver todo o diñeiro cobrado de máis aos clientes afectados pola existencia de cláusulas chan nos seus contratos hipotecarios, ao rexeitar que se poida aplicar unha retroactividade limitada no tempo por ser "incompleta e insuficiente". A xustiza europea concluíu que esta limitación é contraria á normativa comunitaria e, polo tanto, as entidades financeiras deben finalmente reintegrar aos afectados polas cláusulas chan a totalidade do importe que se cobrou de máis, dende o inicio de cada contrato hipotecario, e non a unicamente a partir do 9 de maio de 2013, como determinou o Tribunal Supremo.

Afectados pola cláusula chan protestan en Vigo
Afectados pola cláusula chan protestan en Vigo | Fonte: Europa Press.

O Tribunal Supremo considerou como abusivas estas cláusulas, ao entender que os consumidores non foran informados da carga económica e xurídica que se lles impoñía, pero fixou na data da sentenza, o 9 de maio de 2013, a retroactividade máxima para que a súa nulidade só tivese efectos de cara a futuro.

As cláusulas chan son aquelas que fixaban un tope mínimo de intereses que os clientes de contratos hipotecarios debían pagar. Estas cláusulas impediron aos afectados beneficiarse da caída do Euríbor, principal índice de referencia para a maioría das hipotecas en España.

O tribunal con sede en Luxemburgo considerou que a lexislación europea se opón a unha xurisprudencia nacional segundo a cal os "efectos restitutorios" vinculados á nulidade dunha cláusula abusiva se limitan ás cantidades indebidamente pagadas tras a sentenza da resolución xudicial que, precisamente, de clara o carácter abusivo da cláusula.

Ademais, argumenta que este carácter abusivo "debe ter como consecuencia o restablecemento da situación na que se atoparía o consumidor de non existir esta cláusula", porque permite "a restitución de vantaxes obtidas indebidamente por profesional en detrimento de consumidor". Tamén subliña que o propio Tribunal de Xustiza da UE "é o único que pode decidir" acerca das limitacións no tempo que se deben aplicar.

Despois de todo isto, a xustiza europea declara que a limitación no tempo das devolucións priva aos afectados "do dereito de obter as cantidades que pagaron indebidamente aos bancos. Por iso, conclúe que tal limitación supón unha protección "incompleta e insuficiente" que non é un medio "axeitado e eficaz" para garantir o cesamento do uso das cláusulas chan.

IMPACTO PARA A BANCA

O TUE resolveu con esta sentenza tres casos prexudiciais acumulados, que afectan a Cajasur, BBVA e Banco Popular, despois de que un xulgado de Granada e a Audiencia Provincial de Alicante.

No asunto tamén estaban comparecido a Avogacía do Estado, que defendía a sentenza do Supremo e, polo tanto, limitar no tempo a devolución das cantidades aos afectados, e a Comisión Europea, o servizo xurídico da cal consideraba que os bancos deben reintegrar a totalidade dos importes cobrados de máis.

Desta forma, as entidades financeiras españolas veranse obrigadas a devolver ata 7.600 millóns de euros aos seus clientes afectados por as cláusula chan, segundo un informe do Banco de España elaborado para a causa e que foi exposto polas partes involucradas na vista oral que se celebrou o 26 de abril deste ano. O impacto mínimo que recolle este informe é de 5.000 millóns, pero os cálculos de Goldman Sachs limitan o custo adicional para a banca a 3.000 millóns.

Entre as entidades que informaron sobre o impacto adicional que podería ter unha sentenza a favor da retroactividade total das devolucións destaca BBVA, que cifrou o seu custo máximo en 1.200 millóns. Pola súa banda, Caixabank cre que tería un efecto sobre as súas contas de 750 millóns e Bankia de 101 millóns.

Temas: HIPOTECA UE BANCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta