Un compromiso coa igualdade

Nos últimos tempos a igualdade entre homes e mulleres gaña terreo entre as preocupacións da nosa sociedade e a conciliación e a corresponsabilidade familiar cobran unha importancia tal que urxe un pacto de estado a tal efecto.Todas somos conscientes das dificultades de compatibilizar unha vida familiar e laboral, pero se a isto lle sumamos a participación activa na política en calquera das súas versións (partidos políticos, organizacións non gubernamentais, movementos sociais) tórnase case imposible.

Por Patricia Grela González | Arteixo | 21/12/2016

Comparte esta noticia
Xa pasaron aqueles tempos nos que a política só se facía dende despachos cheos de persoas liberadas e soldados de partido que se podían permitir dedicar toda a xornada a desenvolver documentos que nada tiñan que ver coa realidade. Hoxe, a política comeza a facela xente farta de que non a escoiten, xente que decide exercer o seu dereito á participación activa para mellorar a vida das persoas que están ao seu arredor.
 
A premisa da que parte Podemos é a da xente normal facendo política. Podemos Galicia é un fiel reflexo disto. Somos persoas que vindo de distintos lugares e situacións, facemos un gran esforzo nas horas libres, despois do traballo, do coidado dos nosos fillos e fillas, das persoas dependentes ao noso cargo, dos estudos, da procura de emprego, facendo fronte ás dificultades económicas e problemas de transporte, para construír unha alternativa política forte que nos represente. 
Somos persoas correntes querendo facer as cousas dun xeito diferente, tendo un pé na rúa e outro nas institucións, pero isto non será posible sen un firme compromiso coa igualdade, que vaia máis aló dun bonito discurso. Precisamos facilitar a participación política das persoas que non temos coidadores ou coidadoras á soldo nas nosas casas, das que precisamos traballar para sobrevivir, daquelas para as que encher o tanque de combustible supón un grande esforzo e das que viaxan en transporte público.
 
A importancia de facer os actos, as asembleas e as reunións dos órganos de dirección política en días non laborables, con horarios axeitados, lugares céntricos e accesibles para todas, facilitar as alternativas telemáticas e establecer servizos de coidados para os nenos e nenas non é unha cuestión de comodidade ou capricho, senón un importante avance en cuestións de igualdade que non pode quedar en papel mollado. 
 
O noso compromiso debe converterse en pasos firmes de cara a feminización da política, facéndoa máis humana, máis accesible e máis igualitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Patricia Grela González Chámome Patricia Grela González e teño 26 anos. Nacín na Coruña e vivo actualmente en Arteixo, onde colaboro activamente no Círculo e pertenzo ao Consello Cidadán Municipal. Son Diplomada en Educación Social e creo firmemente en que a educación é a ferramenta para mellorar a sociedade e as persoas. Formeime do campo da Educación para a Paz e o Desenvolvemento, o consumo responsable e a Educación Ambiental. Actualmente, colaboro con Cruz Vermella no ámbito das persoas maiores, familias con dificultades sociais e infancia, aprendendo de técnicos especializados en intervención social.