Temas: TVG

Drástica baixada dos servizos de dobraxe ao galego na Televisión de Galicia

A TVG reduce de 7 a 1,4 millóns os servizos de dobraxe en 11 anos. As empresas do sector xa denunciaron que isto afectará aos postos de traballo e critican que a Xunta non destine os 4,3 millóns comprometidos en 2012.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/12/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

1.400.000 euros sen IVE. Ese é o orzamento que a TVG destina para o servizo de dobraxe ao galego de series, filmes e programas este 2016. Unha cantidade que supón cinco veces menos do que se destinaba hai 11 anos. Entón, o ente público destinaba 7 millóns de euros. Uns 1,4 millóns que contrastan, e moito, cos 23 millóns que recibe a televisión pública catalá.

Unidade móbil da Televisión de Galicia (TVG)
Unidade móbil da Televisión de Galicia (TVG) | Fonte: PSdeG

De feito, o destinado este ano non garante o cumprimento dun contrato público establecido mediante concurso no 2012, polo que a TVG estaba obrigada a destinar 3,4 millóns de euros (sen IVE). Desde entón, o diñeiro para a dobraxe foi acurtándose, primeiro en 3,2 millóns de euros, logo a 1,6 millóns ate chegar os 1,4 millóns actuais. 

Non é a primeira vez que o sector cualifica de “escasos” os recursos para manter unha industria que move “moitos traballos”. A Asociación de Empresas de Dobraxe de Galicia (Aedog), que aglutina a preto de 400 empregos, ten denunciado xa en varias ocasións que non poden subsistir co actual volume de encargos. As sete empresas unidas nesta entidade -DVB Dixital Audio, Babalúvox, Uno TV S.L., Studio XXI, Area 5.1, Sodinor e SDI- xa se reuniron  coa dirección da TVG, e mesmo cos grupos parlamentarios, para abordar a súa situación e pedir que se cumpra o orzamento pactado en 2012, tal e como eles teñen que cumprir as condicións acordadas entón.

A dirección da TVG xustifica ou incumprimento das partidas comprometidas  polos “axustes económicos” necesarios para equilibrar os seus orzamentos. Un argumento que volveu utilizar hai uns días o director xeral do ente público, Alfonso Sánchez Izquierdo, na presentación dos orzamentos da CRTVG no Parlamento. 

Negocio pechado

Ata o 2012, cando a TVG tivo que abrir o mercado da dobraxe en Galicia, obrigada pola Lei de Contratos, eran cinco empresas as que acaparaban este negocio que, desde o 2004 ao 2010 repartiu 33,6 millóns de euros. E, sobre todas elas destacaba a catalá Soundub, que manexaba o 38% do total.

Dragon Ball Z, Songoku e os seus compañeiro e rivais nas Bolas do Dragón
Dragon Ball Z, Songoku e os seus compañeiro e rivais nas Bolas do Dragón | Fonte: crtvg.gal

Tras varias denuncias polo concurso público, as cousas quedaron case igual, con predominios destas mesmos cinco empresas, catro delas con capital galego. Con todo, apareceron outras dúas novas sociedades que conseguiron unha mínima participación, entón dun 5% e 3%, respectivamente, do orzamento total. 

Sen embargo, catro anos despois, estas sete empresas están unidas nas súas denuncias ao drástico recorte da dobraxe. Algunhas voces mesmo apuntan que esta situación pode prexudicar á calidade lingüística das dobraxes.

O concurso

O concurso, que acaba de ser adxudicado a estes sete operadores diferentes, estará vixente durante un ano e  ten como obxectivo a dobraxe de obras audiovisuais –programas de animación ou ficción--, debendo “traducir e adaptar os guións, audios, gráficos ou textos dos mesmos ao galego, así como realizar a gravacións das voces e mezclas.

As empresas adxudicatarias teñen que subtitular obras audiovisuais, sonorizar documentais e realizar trabalos accesorios como a creación de músicas ou efectos especiais, sincronización ou inserción de dobraxe en imaxe nova. 

Ademais, e segundo recolle o prego do concurso, deben “traducir, adaptar e corrixir ao idioma dobrado” os guións orixinais “coa máxima fidelidade e excluíndo os modismos que desvirtúen o contido e o sentido do programa”. Todo estas funcións especifícanse na dobraxe de 120 horas de series ao ano, 200 de animación, 60 de longametraxes e 20 “doutros traballos”. 

Por outra banda, a dirección da TVG pode solicitarlle ás empresas adxudicatarias a entrega dunha mostra previa dos traballos a realizar na que se incluirán os guións traducidos ao galego, así coma o listado de elenco de actores e voces utilizadas. “Por medio desta mostra avaliarase o traballo –calidade da dobraxe, adecuación de voces e actores, corrección das traducións, etc- a efectos de comprobar se se adecúa ou non aos requerimentos de calidade esixidos no presente prego”. 

Requisitos lingüísticos

As empresas de dobraxe, deberán utilizar a normativa vixente do galego, é dicir, a que emana da Real Academia Galega, segundo recolle o prego de condicións.  E, neste sentido, a TVG resérvase a facultade de trasladarlles ás empresas aqueles aspectos de orde lingüística que afecten á corrección lingüística e, en xeral, ao uso adecuado do idioma no produto audiovisual entregado.

Por iso, establécense dúas categorías de indicacións lingüísticas; a de aspectos gramaticais, léxicos, fonéticos e expresivos que afectan á corrección pura e que “deberán ser atendidos inescusablemente por parte das empresas adxudicatarias” e aqueles aspectos de estilística, de pragmática lingüística, de rexistro, prosodia ou entoación que “poden resultar inadecuados ou pouco recomendables”.

Unidade móbil da TVG na Praza do Obradoiro
Unidade móbil da TVG na Praza do Obradoiro | Fonte: crtvg.es
Temas: TVG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Españolistas dades noxo

Falar ben só en castelán, lo de la aldea va a monte como siempre que total no se quejan.