GC Aberto

Compromiso por Galicia: ou Refundación ou morte por inanición

No intre crucial que Compromiso atravesa é imprescindible a fonda refundación do proxecto para así dar o salto que evite a desaparición do partido por inanición.

Por ENGALIZA | GC ABERTO | 23/12/2016

Comparte esta noticia

Após os resultados tremendamente negativos para Compromiso por Galicia, nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galicia, o vindeiro 21 de xaneiro, esta forza política galeguista  ten un novo reto no seu Congreso Nacional, no que se xoga a posibilidade de chegar a ter un papel importante no escenario político galego ou mesmo, desaparecer irremediablemente por inanición do mapa político da Galicia do século XXI.

No camiño de ser unha forza política que poida ter percorrido na sociedade galega, Compromiso debe camiñar con decisión e sen medias tintas cara a ampliar decididamente a base social dun proxecto que debe ter coma obxectivo o achegamento do galeguismo a sectores o máis amplos posible das clases medias a través da consolidación dun gran partido de centro, que priorice o país por riba de todo e que sexa útil á cidadanía; unha forza cunha organización flexible, aberta, con liderados plurais eleitos por primarias e que poña en valor un xeito de entender a actividade política a través da limitación de mandatos, da incompatibilidade de cargos e o combate á corrupción en todas as súas formas. 

Para iso é absolutamente imprescindible, que o partido saia reforzado do vindeiro Congreso de xaneiro, un Congreso que non debe ser só un mero trámite formal marcado polos estatutos, un placebo de “reinicio” do partido, senón que debe ser o punto de inflexión que dea á organización o impulso preciso para traballar arreo coa idea de facer de Compromiso unha forza protagonista da política galega, que propoña políticas  alternativas ás practicadas pola dereita centralista e ás propostas da esquerda dogmática, antisistémica e independentista, xa co obxectivo posto nos vindeiros comicios locais de 2019.

A plasmación de todo o anterior, pasa pola posta en valor dun proxecto que crea en sí mesmo e que faga un esforzo importante no terreo das ideas e na elaboración dun discurso propio e radicalmente diferenciado, achegado ás demandas da sociedade, que faga fincapé no benestar dos galegos e galegas, na xustiza social, no crecemento económico sostible, no apoio a iniciativa empresarial. Efectivamente se trata dunha tarefa inxente pero ao tempo ilusionante, que debe encetarse dende un espazo integrador e transversal que se ubique sen ambigüedades no centro político onde está a gran maioría da sociedade galega.

En definitiva, debemos ser valentes e apostar decididamente por un proxecto que se presente á sociedade claramente inserido nun galeguismo aberto, progresista, europeísta e federalista, que aposte polo autogoberno como ferramento de progreso e benestar, e que faga fincapé na defensa dun espazo reformista, no que se apoie o emprendemento e se recoñeza explicitamente a iniciativa empresarial, no que se aposte por unha gobernanza baseada no rigor e no bo goberno do público así como a aplicación, dende as institucións públicas, de políticas que favorezan a igualdade de oportunidades e a meritocracia. Tamén, como galeguistas, temos a obriga de procurar solucións ás moitas problemáticas que Galicia ten e que só desde Galicia podemos afrontar.

Ao tempo, Compromiso debe ser pedra angular no artellamento dunha oferta política galeguista aberta a outros grupos e sectores amplos da sociedade, que encha un espazo político orfo na Galicia de hoxe, un espazo da moderación e  sentidiño centrado no país e que se sitúe lonxe dos extremismos de un e de outro lado e que sexa quen de integrar a sectores encadinados na socialdemocracia, no liberalismo progresista ou mesmo na democracia cristiá, todos eles ubicados nun amplo espazo situado entre o centro esquerda e o centro dereita, lonxe do sectarismo e do dogmatismo. No intre crucial que Compromiso atravesa é imprescindible a fonda refundación do proxecto para así dar o salto que evite a desaparición do partido por inanición. 

Asinan: 

Rosendo G.Covelo, Natalia C.Alonso, Luís Cavada, Gabriel Mtnez Mariño, Cesar Pazos e Pedro Gómez-Valadés. Membros da Executiva de CxG en Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rosa I.

A ver o, que os unicos nacionalistas galegos de dereitas sodes vos e non enchedes nin un autobús, normal que non vos voten. A xente galega desa ideoloxía leva no ADN o orgullo de seren españois, que esta é a patria de Franco, Fraga, Rajoy e Feijóo. Non hai peor cego que o que non quere ver.