Notifica.gal, un portal para as notificacións administrativas

Este portal do Goberno galego servirá para enviar notificacións electrónicas fidedignas con xustificante de recepción con selo electrónico da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/12/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Notifica.gal, ese é o nome do portal que, desde agora, se encargará de enviar aos cidadáns todas as notificacións electrónicas da Xunta.  A implantación deste servizo é un dos requirimentos da Lei 30/2015, que entrou en vigor o pasado 2 de outubro.

Os teléfonos móbiles tamén servirán para operar con notifica.gal
Os teléfonos móbiles tamén servirán para operar con notifica.gal

Desde ese día a lei establece a obrigatoriedade de relacionarse de xeito electrónico coa Administración para determinados colectivos (persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica, profesionais con colexiación obrigatoria e empregadospúblicos).

O sistema https://notifica.xunta.gal, permite á Administración enviar notificacións electrónicas fidedignas con xustificante de recepción con selo electrónico da Xunta, que confirma tanto o acceso como o rexeitamento da notificación. 

Funcionamento 

O sistema funciona como un enderezo electrónico. Así, os receptores das notificacións teñen en Notifica.gal unha caixa de correo electrónico asociado ao seu NIF ou certificado electrónico e alí poden consultar as comunicacións recibidas. Previamente, recibirán un aviso no seu móbil ou correo electrónico de que teñen unha notificación pendente. A primeira vez que reciban unha notificación electrónica recibirán unha comunicación postal co aviso da notificación electrónica, lembrándolle a súa obriga de relacionarse electronicamente coa Administración

Segundo apunta a Xunta, aquelas persoas que non teñen esta obriga poden seleccionar o medio de notificación preferente, ben a través de Notifica.gal ou vía postal. Con independencia da opción elixida, a Administración creará sempre de oficio un enderezo habilitado en Notifica.gal para que poida optar por esta vía cando o desexe. 

290 procedementos habilitados con notificación electrónica

A Xunta rexistrou xa, desde comezos de ano, máis de 26.000 notificacións electrónicas de 20 procedementos. Hoxe en día hai xa 290 procedementos habilitados con este sistema e progresivamente activarase nos restantes procedementos incluídos na Guía de procedementos e servizos da Xunta que requiren de notificación. Ademais estase a traballar na catalogación, codificación e habilitación da notificación daqueles procedementos por instancia de parte ou de oficio que actualmente non están incorporados na guía.

A implantación de Notifica.gal vai acompañada dun programa formativo para os empregados públicos das unidades tramitadoras. Xa se formaron preto de 500 usuarios dos servizos centrais e das delegacións e as xornadas formativas continuarán ao longo do primeiro trimestre de 2017, ademais incorporaranse ao programa formativo da EGAP contidos teóricos e prácticos sobre a notificación electrónica.

O Consello da Xunta tamén foi informado hoxe da nova versión das guías para a habilitación electrónica de procedementos administrativos na Administración xeral e no Sector Público autonómico de Galicia, que veñen de adaptarse ás Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e á Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Estas guías van encamiñadas a potenciar a modernización, racionalización e simplificación dos procedementos administrativos e servizos, á redución de trámites e cargas burocráticas, ademais de facilitar a relación entre os cidadáns e a Administración, contribuír a reducir os custos administrativos das actividades empresariais e axudar a mellorar a competitividade das empresas grazas á promoción da sede electrónica como canle preferente na tramitación administrativa.

Tags: #Xunta
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta