A Xunta paralizará as novas autorizacións de vertedoiros de residuos industriais

Presenta o plan de xestión de residuos industrias co obxectivo de reducilos nun 10% en 2020. Na actualidade Galicia produce 2,4 millóns de toneladas de resíduos ao ano.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/12/2016 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

A Xunta quere limitar as novas autorizacións de vertedoiros de residuos industriais non perigosos. Iso é cando menos o que recolle o novo plan de xestión de residuos industriais  2016-2022 que xustificaría esa paralización cando exista a capacidade autorizada suficiente para eliminar o equivalente ao vertido durante os últimos cinco anos, ou que se abra a posibilidade de establecer un canon ao vertido que desincentive esta actividade fronte á recuperación material do residuo.

Planta de residuos de Toysal á marxe do LIC do Río Mera nunha imaxe da súa autorización ambiental /http:/de 2010/www.cmati.xunta.es
Planta de residuos de Toysal á marxe do LIC do Río Mera nunha imaxe da súa autorización ambiental /http:/de 2010/www.cmati.xunta.es

O documento aprobado este xoves no Consello da Xunta articúlase ao redor de 13 obxectivos estratéxicos, 17 programas (un transversal de prevención, e 16 específicos segundo o tipo de residuos) e inclúe 108 medidas específicas e 43 indicadores de seguimento.

Entre os 13 obxectivos estratéxicos que fixa, destacan, sobre todo, a redución en 2020 da xeración dos residuos industriais como mínimo nun 10% fronte aos valores de 2010; o fomento da I+D+i no campo da prevención; reducir os efectos a nivel de cambio climático, e tender ao establecemento dunha economía circular.

O documento aprobado parte, segundo a Xunta, dunha diagnose completa dos residuos industriais e dos solos contaminados para “achegar conceptos, principios e estratexias de cara a mellorar e acadar unha correcta xestión de residuos industriais nos próximos anos”. Ademais, a Xunta salienta que estas directrices contaron coa colaboración do sector produtor e xestor, "que se implicou nos dous procesos de participación pública abertos".

O Plan basease, di o Goberno galego, nos principios da xerarquía de residuos; autosuficiencia e proximidade; principio de “quen contamina paga”; responsabilidade ampliada do produtor do produto; loita contra o cambio climático; eficiencia no uso de recursos; responsabilidade compartida e facilitar o acceso á información. 

Un vertedoiro de residuos incontrolados
Un vertedoiro de residuos incontrolados | Fonte: Arcodega

Situación actual Situación actual

Segundo os últimos datos, en Galicia prodúcense 2,4 millóns de residuos industriais ao ano, ben que a tendencia nos últimos anos foi de redución na xeración de residuos en xeral. Deste total, o 93% son residuos non perigosos. Os residuos de construción e demolición son os residuos maioritarios en canto ao seu volume de produción, seguido dos residuos derivados de procesos térmicos. As provincias da Coruña e Pontevedra seguen a concentrar a produción do 89% dos residuos industriais.

Para o seu tratamento, a Xunta dispón de 655 instalacións de tratamento autorizadas; 195 son almacenamentos, 69 son plantas de clasificación de residuos, 369 realizan operacións de valorización e, por último, 22 son vertedoiros. A capacidade máxima autorizada destas instalacións elévase a máis de 10 millóns de toneladas ao ano.

Segundo apunta a Xunta, dos residuos non perigosos, valorízase o 82% da xeración mentres que o 14% é eliminado (o resto xestiónase como materia prima secundaria). No caso dos residuos perigosos, a maior porcentaxe, o 65% destínase a eliminación fronte ao 32% que se valoriza (como materia prima secundaria xestiónase o 3% restante).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta