Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 27/12/2016
Si aquel neno nado en Belén viñese ao mundo nos nosos días, é máis que seguro que en razón aos tempos que corren e aos contratempos que estamos a vivir, a sacra familia ao completo, por desafiuzamento, sería desaloxada sen contemplacións de tan afamado portal; aos tres reis teríanlles o camiño cominándolles retornar a oriente e ata o boi e a mula que formaban parte da escena daquel soado lugar serían comisados e postos a poxa do mellor ofertante.
Pois hoxe en día, se a humildade deixou de estar de moda, moito máis o espírito de solidariedade, e así, quen para a súa desgraza padece o infortunio social, para maior sarcasmo, ten por premio de consolación o amargo aguinaldo do desarraigamento e a marxinación.
Sen tratar de subverter o perturbado ambiente do Nadal, sendo consecuentes debésemos enfrontarnos coa realidade, evitando esconder a súa cara oculta tras a xolda dunha harmonía figurada.
Situación dominante, que co propósito de non inquietar á nosa conciencia, desvanecemos interesadamente tras grilandas e panxoliñas, mentres que á vez, nun exercicio de negación pechamos os ollos, evitando neste tempo sensitivo darlle unha oportunidade á reflexión sobre a realidade da nosa contorna social.
Convertemos o Nadal nun entroido no que disfrazamos as nosas miserias colectivas tras unha máscara de amabilidade finxida, participando con interesado antollo nunha comparsa de hipocrisía e simulación, cuxa luxuriosa finalidade non é outra que ocultar a esencia da nosa autenticidade, caracterizada por unha soberbia desmedida e unha cobiza insultante.
Por iso é polo que, a debilitada solidez da situación fai que as contradicións derruben a estrutura do simulacro, sendo referente de tal evidencia o feito de ver as rúas de calquera cidade cubertas dun ceo intermedio de iluminación e ornamentación do Nadal e mentres ese malgaste prodígase mais alá do racional, os representantes institucionais en mínimos de consciencia ocultan a outra realidade, a concernente aos incontables seres humanos que marxinados e orfos de Constitución, vense abocados á laceira e a durmir na rúa todas as noites do ano.
Aínda que tal circunstancia aparente formar parte dun escenario surrealista, a crúa realidade demostra a súa veracidade, que delata o indecente intento de ocultar as estreitezas de quen, situados no suburbio da marxinalidade como consecuencia do deixamento político e da voracidade dos mercados, atópanse sumidos no mais infame dos desamparos.
Esa é a outra realidade, a estampa que non queremos ver, ese ambiente ingrato que ocultamos con coñecemento de causa tras unha prefabricada maxia do Nadal, utilizada como barricada para camuflar intencionadamente as perversións da nosa consciencia eventual, cuxa fascinada miopía négase a percibir o lado amargo que supón tomar razón do esaxerado crecemento desa inxente masa de excluídos sociais, de familias desposuídas do mais elemental, sen fogar estable nin dispoñibilidade de medios de subsistencia, co agravante de fundar as súas expectativas no horizonte dun futuro incerto.
Con todo, desta atmosfera do Nadal contaminada de escarnio; á marxe da sucidade moral xa referida, no contexto da inocencia, quen vive o lado mais amargo desta celebración, son os nenos e as nenas, eses tolos baixiños que esperan ilusionados un recoñecemento ao seu bo comportamento, e quen en boa lóxica pola súa idade, nunca entenderán porque se equivocaron os reis e os seus xoguetes cobizados foron a parar a casa dos seus veciños, mentres eles, houberon de conformarse cos non desexados.
Pero aínda que por entendemento non son capaces de establecer as causas, si capacidade de relacionar os feitos cos seus sentidos e emocións, e ese factor de sensibilidade, será determinantes para converter aquela aspiración non satisfeita, nun sinal, que desde a súa tenra infancia influirá de maneira determinante na conformación da súa personalidade.
É evidente pois que aquela celebración de orixe relixiosa foi desposuída do seu sentido orixinal, e da man do laicismo social en alianza cos mercantilistas de novo cuño, transformaron a súa esencia nun mero referente vacacional con desmedida tendencia consumista, pero cando a crise como parto non desexado dos mercados invadiu o circuíto social, ese renovado espírito do Nadal o único que logrou, foi agravar a marxinación e acentuar as diferenzas sociais, concepto que resulta ser a peaxe obrigada por circular a velocidade extrema pola autovía dun materialismo desmedido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.