Case un terzo da poboación non lava as mans para cociñar logo de ir ao baño

O proxecto COCIÑAconCIENCIA, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC), presenta os resultados da súa enquisa sobre seguridade alimentaria.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/12/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

COCIÑAconCIENCIA, o proxecto de divulgación científica en seguridade alimentaria impulsado polo grupo de investigación de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Marinos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM) –Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC)–, e que conta co apoio do chef galego Pepe Solla, vén de presentar os resultados da súa enquisa sobre seguridade alimentaria. Nestes, destaca o problema da hixiene, pois case dúas de cada dez persoas non lava as mans para cociñar, case un terzo non o fai despois de ir ao baño, case catro de cada dez non se limpa logo de espirrar ou tusir e o 73,93% non o fai despois de tocar o seu teléfono móbil.

Comida de Nadal
Comida de Nadal | Fonte: lanavidaddelmundo.com

O número de enquisas recollidas ata o momento é de 1.147, das cales, 372 cubríronse online e 775 en papel. O maior índice de resposta rexistrouse entre as enquisas en papel distribuídas nos centros escolares de Galicia, das provincias de Pontevedra e Lugo. O perfil maioritario das persoas que cubriron a enquisa é o dunha muller europea, de entre 31 e 50 anos, que cociña habitualmente. Entre as 372 que a cubriron online, un 86% son de Galicia, o 18% da Comunidade de Madrid, un 10% de Castela e León, e un 4% tanto de Andalucía como da Rexión de Murcia.

En canto aos datos obtidos sobre o hábito de ler as etiquetas dos alimentos envasados, obsérvase que o 94,86% das persoas comproban a data de caducidade, aínda que só un 54,05% se fixa na forma de conservación.

No referente á importancia de non romper a cadea de frío nos alimentos refrixerados, aínda que o 91.19% dos enquisados refrixeran os produtos antes de que transcorran 2 horas desde a compra, obsérvase que un 9,5% non o fai ata despois das 2 horas, e mesmo 4 horas máis tarde.

Das respostas obtidas en canto á forma de conservación do salmón afumado e as anchoas (semiconservas) e os ovos, un 19,88% das persoas enquisadas non refrixeran o salmón afumado, destacando un 41,06% que non refrixera as anchoas. E un 23,54% non garda os ovos na neveira.

Pepe Solla e Graciela Ramilo, en COCIÑAconCIENCIA.
Pepe Solla e Graciela Ramilo, en COCIÑAconCIENCIA.

Os resultados obtidos sobre a orde de colocación dos alimentos na neveira, mostran que un 21,80% coloca os alimentos crus nos andeis superiores e un 36,27% non ten unha orde concreta de colocación, co que existe en ambos os casos o risco de que se produza unha contaminación cruzada entre alimentos crus e preparados.

En relación á contaminación cruzada que pode ocorrer por utilizar a mesma táboa ou non lavala para cortar alimentos que se van a consumir sen cociñar, despois de cortar nela alimentos crus, pódese dicir que é un erro que comete o 38,80% dos enquisados. Con todo, un 82,48% si ten claro que é necesario lavar ou cambiar de coitelo despois de cortar alimentos crus antes de volver utilizalo.

A falta de hixiene, é un factor de risco para a seguridade alimentaria que se pon en evidencia cos resultados obtidos: un 17,87% dos enquisados non se lava as mans antes de empezar a cociñar; un 27,55% non o fan despois de ir ao baño; un 38,88% non lava as mans despois de espirrar ou tusir e un 73,93% non o fai despois de tocar o seu teléfono móbil.

O 68,9 % dos enquisados responden que cociñan totalmente os alimentos, aínda que só un 2,98 % afirma utilizar un termómetro de cociña para comprobalo.

Máis da metade dos enquisados (52,22%), pensa erroneamente que sería seguro comer despois de catro días abertos o envase unha ensaladiña rusa, medio polo cru e arroz fervido.

O 91,37% dos participantes na enquisa admite lavar as froitas, verduras e hortalizas antes de consumilas. Aínda que nunha porcentaxe baixa, hai persoas que ou ben non as lavan sempre ou só o fan naqueles casos nos que as van consumir crúas

Practicamente a maioría dos enquisados indica que garda a comida que lle sobra na neveira antes de que transcorran 4 horas desde o cociñado (48,13% antes de 2 horas), aínda que existe un 9,33% que non lle dá importancia á refrixeración dos alimentos cociñados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Torrente

Yo me las lavo antes de ir al baño porque mi "piro la" es sagrada y ninguna excrecencia tiene derecho a mancillarla.