Xosé Cobas, trinta anos de ilustración

Xosé Cobas é unha das figuras máis importantes no mundo da ilustración gráfica do Estado. Desde o 15 de decembro ata o 12 de febreiro de 2017 presenta, no Kiosco Alfonso da Coruña, unha exposición na que se pode ver boa parte da súa obra gráfica, na que se observa a progresión realizada polo artista nos últimos trinta anos, desde os debuxos iniciais con textos infantís -luminosos e coloristas- ata os traballos máis complexos dos seus últimos libros, como os de “Cadros dunha exposición” (Kalandraka).

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 25/12/2016

Comparte esta noticia
Cobas naceu en Logrosa-Negreira (1953) hai pouco máis de sesenta anos. Aquel neno da aldea, atento e observador, que miraba o mundo darredor con enorme curiosidade mentres aprendía a pintar cos lápices de colores, sempre tivo capacidade para a observación e habilidade para o debuxo; deseguida amosou unha decidida vocación artística. Soubo, desde moi cedo, que a súa vida ía estar relacionada co mundo da imaxe e da pintura.
 
Despois de pasar pola Escola de Artes de Santiago iníciase no mundo da pintura. Comeza a ilustrar de maneira profesional no ano 1988 e desde 1991 é deseñador gráfico da Deputación da Coruña. A súa fonda implicación coa ilustración comeza por azar, como tantas cousas na vida. Coñeceu, en 1989, ao seu gran amigo Xabier Docampo que lle propuxo ilustrar un libro seu (“A nena de auga e o príncipe de lume”). Aí comezou un camiño compartido que os levou a publicar moitos libros xuntos, ata chegar ao marabilloso “Libro das viaxes imaxinarias” (Xerais, 2008) onde escritor e ilustrador fan unha exhibición de auténtica mestría. A colaboración continúa e aínda dará, con certeza, moitos froitos.
 
Na actualidade Xosé Cobas é un ilustrador de referencia no panorama nacional. É recoñecido pola profesión e polo mundo editorial. Ten ilustrado centos de libros cos máis importantes escritores  e editoriais da nosa contorna, e no seu traballo como deseñador gráfico na Deputación da Coruña ten feito de todo: carteis, almanaques, marcapáxinas, portadas. Toda esa obra, que agora se pode ver na exposición, ten xa un selo de identidade, pois Cobas foi construíndo un estilo propio, creou un mundo persoal, sutil e delicado, por veces onírico e surrealista, que o fai recoñecible a pesar da evolución experimentada ao longo dos anos.  Cobas ten unha existencia tranquila e ordenada. Despois do traballo matinal na imprenta da Deputación dedica as tardes e as noites á ilustración na súa casa de Cambre. Esta exposición é unha excelente mostra de tantos anos (tantisimas horas) de traballo, inspiración e talento. Estamos ante un artista consciente que traballa con rigor e intelixencia, e que conta cunha sensibilidade propia, unha mirada orixinal sobre o mundo, e unha gran perseveranza.
 
Ten feito numerosas exposicións individuais e colectivas; viaxou polo mundo por motivos relacionados coa súa obra; recibiu numerosos premios na súa terra e no extranxeiro; o noso pintor agora non da feito, non é quen de dar resposta ás numerosas propostas de escritores e editoriais que reclaman a súa colaboración. Mais, con todo iso, aínda ten ánimo e creatividade para iniciar outros camiños. Está agora entusiasmado cun traballo propio: un libro sen texto, só con ilustracións, no que pretende facer unha reflexión poética sobre a luz e o tempo. Na exposición hai algúns cadros dese proxecto tan inusual. A luz e as sombras debuxan espazos cheos de misterio e suxestión: cada cadro é, en sí mesmo, un relato. Recórdanme esas pinturas de Edward Hooper, con interiores en penumbra e persoas solitarias (aínda que aquí Cobas prescinde tamén da figura humana). Niso anda o noso autor, tentando capturar a luz. Como dicía o citado Hooper, “o meu desexo é pintar a luz do sol na parede dunha casa”. Pois iso. 
 
Non deixedes de ver a exposición. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
 

Xosé Covas
Xosé Covas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.