R responsabiliza a Vodafone da caída do seu servizo de telefonía móbil

A operadora propiedade de Euskaltel responsabiliza a Vodafone dun envío masivo de mensaxes que tería colapasado o seu servizo o venres pola tarde e na madrugada do sábado. Vodafone considera "inxustificadas e irresponsables" as acusacións.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 26/12/2016 | Actualizada ás 20:43

Comparte esta noticia

A operadora R responsabilizou a Vodafone da caída do servizo de telefonía móbil que sufriron os seus clientes durante toda a tarde do venres e parte da madrugada do sábado. “A causa da incidencia foi un aumento desproporcionado do tráfico de SMS dirixido aos clientes de R, como consecuencia dun envío masivo de mensaxes do operador Vodafone", apunta R.

Tenda de Vodafone en Galicia
Tenda de Vodafone en Galicia

A través dun comunicado, R anunciou que "xa comunicou os feitos ante as autoridades competentes, ante a gravidade do problema técnico ocasionado e os prexuízos para os clientes de R".

Ademais "pide perdón a todas as persoas que sufriron as consecuencias deste problema excepcional que, desafortunadamente, produciuse en datas tan sinaladas". A compañía comprométese a "tomar as medidas que correspondan para tentar compensalos polos prexuízos ocasionados, como anticipou a través das redes sociais durante o transcurso e tras o peche da incidencia".

A incidencia rexistrouse desde primeira hora da tarde do venres, cando clientes de R deixaron de poder realizar chamadas telefónicas e acceder ás conexións de internet de 3G ou 4G. A caída do servizo prolongouse durante toda a madrugada seguinte e ao longo da mañá do sábado 24, cando a compañía deu por liquidada a incidencia.

Vodafone foi até este ano a empresa que facilitaba a cobertura de telefonía móbil, a través das súas antenas, a R, pero esta última decidiu contratar ao servizo con Orange para poder ofrecer servizos de 4G aos seus clientes. Segundo R, Vodafone coñecía os números de móbil dos clientes de R, o que permitiría ese "envío masivo de mensaxes".

Vodafone nega as acusacións

Pero Vodafone negou as acusacións lanzadas por R. Esta operadora considera "inxustificadas e irresponsables" esas denuncias, polo que "convida" á operadora con sede na Coruña a "reconsiderar a súa acusación e a retirala de forma inmediata".

"Tras as análises técnicas realizados, Vodafone ten a firme convicción de que nada ten que ver con esta incidencia, pois o número de SMSs cursado desde a rede de Vodafone nos últimos días á rede de R non é significativo na xestión dunha rede co volume de Clientes de R e, por tanto, consideramos que a acusación é inxustificada e irresponsable", argumentan fontes de Vodafone.

"Sentimos a incidencia que afectou á rede de telefonía móbil de R e aos seus Clientes e esperamos que o servizo se poida prestar con plena normalidade", agregan.

Compensacións

A compañía R compensará na factura de xaneiro cinco veces o tempo da duración da avaría "masiva" que afectou os seus usuarios de móbil principalmente entre os días 23 e 24 de decembro.

 

Diso informou este luns R a través das súas contas oficiais nas redes sociais, despois da multitude de queixas recibidas por usuarios debido a esta incidencia.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta