Peregrina Quintela, Premio María Josefa Wonenburg, reclama frear a “desaceleración científica”

Feijóo enxalza o exemplo das "mulleres científicas" e avanza a aprobación no Consello do 2º programa 'Muller e Ciencia' 2016-2020

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2016 | Actualizada ás 21:01

Comparte esta noticia

A matemática e profesora da USC Peregrina Quintela recibiu o Premio María Josefa Wonenburg Castells 2016 polos seus avances na transferencia das matemáticas á sociedade, especialmente á industria.

Na tarde deste luns tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago a cerimonia de entrega deste galardón, que alcanza este ano a súa décima edición, e que distinguiu o labor da catedrática de Matemáticas aplicadas Peregrina Quintela (Vigo, 1960).

Ao acto asistiron o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Cámara galega, Miguel Santalices, así como varios conselleiros do Executivo autonómico e outras personalidades.

Tras a lectura da resolución do xurado por parte da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e do 'laudato' --que correu a cargo do profesor Alfredo Bermúdez--; a premiada tomou a palabra nun discurso no que reclamou á Administración e ás entidades sociais "fórmulas estables" para frear a "desaceleración científica" xerada tras o inicio da crise.

Quintela, profesora na USC, desenvolveu importantes estudos de investigación no ámbito da termodinámica e participou en "máis de 100 proxectos competitivos" centrados na translación das matemáticas ao ámbito industrial.

'II PLAN GALEGO MULLER E CIENCIA'

O titular da Xunta foi o encargado de pechar o acto cunha intervención na que enxalzou a traxectoria da premiada, unha "galega exemplar" que exemplifica a "igualdade no ámbito científico".

Así mesmo, Feijóo avanzou que o Consello do próximo xoves aprobará o 'II Plan Galego Muller e Ciencia 2016-20', que promoverá un "cambio institucional e organizativo" para garantir a "igualdade de oportunidades" nos ámbitos da "ciencia, a tecnoloxía e a innovación".

Ademais disto, a iniciativa, que xa tivo un precedente entre o ano 2008 e o 2012, busca "fomentar a presenza equilibrada de mulleres e homes, tanto nas distintas áreas de coñecemento como nos postos de responsabilidade".

Por último, Feijóo indicou que o plan, para o que a Xunta porá "toda a forza" dos seus departamentos "á súa disposición", tratará de fomentar "a integración do principio de igualdade de oportunidades" tamén en "cada fase da produción, transferencia e aplicación do coñecemento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta