SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2016 | Actualizada ás 12:30 por EUROPA PRESS
O varón atopado este xoves morto nun monte do municipio de Boqueixón (A Coruña) foi identificado como o cidadán romanés Adrián E.B., buscado polo asasinato da súa exparella en Santiago de Compostela, E.M., de 30 anos.
Así confirmouno a Europa Press a Policía Nacional, despois de que un cazador atopase o corpo do varón colgado dunha árbore nunha zona de monte na poboación de Lestedo e fose localizado o seu vehículo nun lugar próximo.
Segundo indicaron fontes do 112 Galicia, ás 9,30 horas recibiuse a chamada dun cazador para avisar de que atopara unha persoa aforcada nunha zona de monte coñecida como Pichela, na poboación de Lestedo, municipio de Boqueixón.
Tras a alerta, o CAE 112 Galicia mobilizou ao 061 e á Guardia Civil. Ademais, efectivos da Policía Nacional desprazáronse ao lugar onde foi atopado o cadáver, xa que se encarga da investigación pola morte da moza en Santiago, que foi acoitelada o 16 de decembro na súa vivenda na capital galega e faleceu dous días despois no hospital. Tamén acudiu a autoridade xudicial competente.
O corpo foi localizado nunha zona de monte próxima ao campo de fútbol de Lestedo, na suba ao Pico Sacro. Ademais, nunha pista próxima estaba aparcado o seu vehículo e o corpo tiña enriba unha carteira con documentación dentro.
AUTOPSIA
A Guardia Civil, pola súa banda, confirmou que transferiu as dilixencias sobre o achado ao Corpo Nacional de Policía, encargado da investigación sobre o caso de violencia de xénero polo que era buscado o individuo falecido.
Fontes policiais sinalaron que se lle vai practicar a autopsia ao corpo do falecido para saber exactamente canto tempo levaba morto. O individuo era buscado dende o pasado 16 de decembro, tras acoitelar a súa exparella na capital galega e darse á fuga.
Tamén se procedeu a inspeccionar o vehículo do varón falecido, cuxa matrícula coincide coa do coche do individuo buscado, atopado preto de onde foi localizado o corpo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.