Feijóo sobre os cargos do Sergas imputados: “Non imos cesar a ninguén por cumprir co seu traballo”

No novo auto sinálase que a súa actuación "está unida a que a celeridade da decisión incidía directamente na posibilidade de curación ou de supervivencia dos pacientes de serlles administrado o fármaco solicitado". Pero para o presidente da Xunta a nova decisión xudicial “protexe o dereito dos investigados”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 29/12/2016 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, seguen insistindo na defensa pecha dos dous altos cargos do Sergas investigados polas mortes de afectados pola Hepatite C. “Non imos cesar a ninguén por cumprir co seu traballo”, dixo o xefe do Executivo galego este xoves ao ser preguntado sobre se vai cesar a estes dous altos cargos tras estimar a Audiencia Provincial da Coruña o recurso da Fiscalía que acordou chamalos a declarar tamén como investigados por un suposto delito de homicidio en seis dos oito casos que inclúe a causa.

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta
Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta | Fonte: xunta.gal

A investigación trata de aclarar se houbo un atraso ilícito na avaliación de pacientes con Hepatite C, necesaria para que puidesen recibir os tratamentos. Os cargos que xa foron citados -o pasado 28 de abril- son o xerente da área sanitaria viguesa, Félix Rubial, entón director de Asistencia Sanitaria, e a subdirectora de Farmacia, Carolina González-Criado. O xuíz decidiu investigalos por prevaricación, aínda que a Fiscalía lles atribuía tamén un suposto delito de "homicidio por imprudencia profesional grave" ao atrasar a administración dos fármacos "por razóns presupostarias", situación que agora estima a Audiencia Provincial.

Con todo, e a pesar do auto xudicial, Feijóo insiste en defender a estes altos cargos. De feito, incidiu en que os médicos do Sergas “están para axudar sempre aos pacientes” e non se amosa nada preocupado polo acontecido. “Sobre o auto non teño ningunha preocupación. É coherente, garantista e explícito”, dixo o presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

O presidente galego mesmo criticou aos medios por interpretar a sentenza de xeito errado. “Hai que clarificar bastantes cousas”, dixo ao suliñar que o xuíz o que fai é “protexer os dereitos dos investigados e non se pronuncia sobre o fondo da cuestión”. É dicir, que o auto pouco máis que vai “en beneficio” dos investigados. “Di que non existe base obxectiva ou médica da situación causal entre os falecementos e o atraso da medicación”, insistiu Feijóo.

“ACTUACIÓN SUPOSTAMENTE IRREGULAR”

Con todo, no auto xudicial,  "revógase parcialmente" o auto ditado polo Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que titula Andrés Lago Louro, e acorda "que se teña por dirixido o procedemento fronte aos denunciados por un delito de homicidio imprudente" con respecto a seis pacientes e que "se lles tome declaración como investigados en relación" aos falecementos dos enfermos.

A decisión xudicial, consecuencia dun recurso de apelación interposto polo Ministerio Fiscal, sinala no auto que a "transcendencia" da actuación administrativa, supostamente irregular, "está unida a que a celeridade da decisión incidía directamente na posibilidade de curación ou de supervivencia dos pacientes de serlles administrado o fármaco solicitado".

Así, apunta que resulta "inadecuado" que, por un lado, se estime que a actuación dos dous cargos investigados pode ser delituosa por "supostamente obstaculizar que os pacientes recibisen un tratamento" e, ao mesmo tempo, consideralos alleos ás consecuencias desa ausencia de tratamento ou a subministración tardía (o falecemento en seis dos oito casos incluídos pola Fiscalía).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

6 Héctor Sánchez

Cando o cinismo non ten límites!!! Morreron persoas porque, deliberadamente, o Goberno de Feijóo -Conselleira de Sanidade incluída- decidiron que non se pagaran os fármacos contra a hepatíte C. En vez de imputar aos máximos responsables, imputan a uns Cargos, que Feijóo defende, cinicamente, porque, no fondo, deféndese a se mesmo do mal que fixo.

5 Leike

Está clarísimo: Ou non cumpren o seu traballo, e hai que botalos, ou o seu traballo é facer o que os imputou, e entón o asunto é máis grave e Feijóo cómplice, pois a súa obriga é cesalos de inmediato e suprimir eses cargos.EtRN

4 Gamela

non sabía eu que tiñamos un posto de VERDUGO no SERGAS ?

3 Don Pimpón

En castelán porque non os atopei en galego: Los empleados públicos deberán desempeñar con diligencia las tareas que tengan asignadas y velar por los intereses generales con sujeción y observancia de la Constitución y del resto del ordenamiento jurídico, y deberán actuar con arreglo a los siguientes principios: objetividad, integridad, neutralidad, responsabilidad, imparcialidad, confidencialidad, dedicación al servicio público, transparencia, ejemplaridad, austeridad, accesibilidad, eficacia, honradez, promoción del entorno cultural y medioambiental, y respeto a la igualdad entre mujeres y hombres, que inspiran el Código de Conducta de los empleados públicos configurado por los principios éticos y de conducta regulados en los artículos siguientes. SULIÑO O DE DEDICACIÓN E EFICACIA

2 Xesús Ateo Recalcitrante

Non sabía que "deixar que a xente morra podendo evitalo" estaba calificado como tal no catálogo de postos de traballo dos altos cargos da Xunta. Cada vez que fala este home descúbrenos algo novo; que listir...mo que é!. Será cousa do frío e da neve.