Temas: NUMAX

O cine Numax estreou en 2016 máis dun cento de filmes vistos por máis de 30.000 espectadores

O proxecto cooperativo pecha un ano cheo de éxitos e no que a sala funcionou por primeira vez como sede do festival Cineuropa.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/12/2016 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

O cine Numax, en Santiago de Compostela, estreou durante 2016 máis dun cento de filmes e o número total de espectadores en sala superou amplamente os 30.000. Ademais, a aula 'Vos Ollos verdes', baixo o formato de 'masterclass', trouxo a Santiago a 11 cineastas que expuxeron o seu traballo creativo en aulas de cinema.

Numax
Numax

Esta iniciativa, que contou coa colaboración do Concello e da Deputación, permitiu a visita de cineastas como Pedro Costa, Rita Azevedo Gomes, Albert Serra e Charles Burnett, entre outros.

Por outra parte, co programa didáctico de Numax na escola, máis de 1.000 alumnos de centros de primaria, secundaria e bacharelato da bisbarra e doutras áreas de Galicia visitaron o cinema este ano.

Este ano foi tamén o primeiro en que Numax funcionou por primeira vez como sede do festival Cineuropa, que celebraba os seus 30 edición. Ademais, colaborou co Festival Internacional de Cinema de Rotterdam a través do IFFR Live, o WOS Festival, o Festival Escenas do Cambio e o Festival Curtocircuíto.

Tamén iniciou unha colaboración con Amnistía Internacional Compostela, que presentará periodicamente filmes que traten algunha problemática vinculada á vulneración dos dereitos humanos.

Numax
Numax

Nos últimos 12 meses, Numax converteuse na única sala galega que conta co selo Europa Cinemas, enmarcado no Programa MEDIA da UE, a través dunha liña de programación converxente cos requisitos de diversidade, calidade e difusión do cinema europeo en todo o mundo.

Ademais, a cooperativa recibiu o Premio de Honra José Sellier dos Mestre Mateo 2016 e foi Premio do Cultura Galega 2016 na categoría de audiovisual, galardón que recollerá o próximo xaneiro.

A distribución de cinema independente en versión orixinal é a área de traballo de Numax Distribución. Despois de estrear 'Os fungos', 'A vinganza dunha muller' e 'Cabalo diñeiro', o 5 de xaneiro estrearase en máis de 20 salas de toda España 'Mimosas', de Oliver Laxe.

UNHA LIBRARÍA CON IDENTIDADE

Este curso, libraríaa Numax consolidou o seu fondo, ao pasar dos 3.000 volumes iniciais aos máis de 5.000 cos que conta agora, tras incorporar novos selos editoriais.

Ampliou seccións como a de gastronomía, a de música e a de ciencia; consolidou a sección de dvd-bluray, cun fondo de importación, e incorporou unha selección de vinilos e cds vinculados á programación do cinema.

De feito, neste ano 2016, foi a única libraría de Galicia seleccionada pola Guía Repsol na súa proposta de 10 librarías con encanto.

Por outra banda, acolleu presentacións de cinema, teatro, poesía, 'performance', novela e arte, cunha media de dous actos deste tipo ao mes.

NOVO SERVIZO DE COMUNICACIÓN

O laboratorio Numax continúa ofrecendo os seus servizos de deseño e produción de vídeo dirixidos a clientes particulares, empresas e institucións.

Destacan este exercicio o deseño de publicacións como o catálogo de Grace Schwindt (Marco), campañas de comunicación como a dos orzamentos participativos 'Compostela Decide' e o deseño de feiras e eventos como Culturgal e o Festival Sinsal.

A área de vídeo reforzou o seu equipo para implementar os servizos de edición e posproducción e este ano traballouse no etalonaxe e a finalización en DCP de filmes como 'Esquece Monelos' (Anxos Horta, 2016) e 'Nocturno' (Álvaro F. Pulpeiro, 2017).

Segue a asesoría técnica e creación de DCP para festivais como o Novos Cinemas en Pontevedra, o Festival Internacional de Cinema de Ourense e Curtocircuíto en Santiago.

A maiores, o laboratorio dá soporte ás necesidades creativas e técnicas da área de distribución, e encárgase de elaborar cartelería, guías, materiais promocionales, tráileres e creación de copias de distribución.

Temas: NUMAX
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta