Un traxe novo para Compromiso por Galicia

A formación galeguista debátese entre a resignación e a desaparición; mais non ten por que ser así.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 03/01/2017

Comparte esta noticia
Celébrase a finais de mes o congreso crucial no que esta formación, escisión polo centro dereita do BNG, decide se continúa malia os resultados crecentemente negativos. Nestas mesmas páxinas un grupo de militantes facíase eco do dilema desta formación, herdeira dos galeguistas de Rodriguez Peña, que se sumaron hai xusto 25 anos ó Bloque tras o falso amencer de Coalición Galega. Formación que maiormente rematou integrada no PP por medio do vehículo ourensán de Centristas de Galicia de Victorino Núñez. Houbo nesta corrente política moito de esperanzas de crear “un PNV á galéga” e meritorio é que os nacionalistas vascos repetidamente lles deron nas súas candidaturas as eleccións europeas máis espazo do que realmente representaron en Galicia xa desde comezos dos 90.  O aspecto paisano deste sector, aparte do ourensanismo da Coren -que unha das maiores cooperativas de Europa veña do país dos minifundismos xa ten truco- tamén relembra a boa parte do galeguismo da xeración Nós, a fidalguía rural de Otero Pedrayo e en definitiva o lado máis sentimental das boinas de Baltar-pai. Non é casualidade que este protagonizara o único intento de escisión do PP ó final da era Fraga, e que a principal aportación de xente e recursos en Compromiso alén dos escindidos do Bloque foran os procedentes de Terra Galega. Como tampouco é que o fillo daquel Cuíña que dicía querer levar a Galicia ó borde da autodeterminación sexa o principal cargo electo da formación, sendo quen de facer pasar boa parte dos efectivos locais do teóricamente monolítico PP ó servizo da nova formación.   
 
Certamente a recente campaña de Feijoo nas eleccións galegas, co seu Galicia, Galicia, Galicia, bandeiras branquiazuis a manchea e spots estilo Gadis vivamos coma galegos  semella que nin que fose feita para contrarestar a suposta ameaza que Compromiso por Galicia lles puidese facer no combate polo voto galeguista. Por suposto, non é esa a razón, e de feito pasaron de 14,000 a 4,000 votos e a ser a oitava forza. Mais a estratexia de Galeguismo de oportunidade do PP  é reveladora de que malia a anterior gomina do Presidente da Xunta e a instrumentalización deste do furor do converso dos chamados bilingües, existe un espazo galeguista, galegofalante e non independentista, mais non por iso radicalmente autonomista, que o PP ten boa conta de ocupar estratexicamente, non sexa que apareza unha formación que aplique nos feitos o que eles afirman cara a galería. Por algo Feijoo insiste sempre no de que non lles dean carnés de Galego. Hai, pois, terreo teóricamente fértil para que Compromiso por Galicia medre. 
 
Agora ben, isto precisa, amais de cadros e cartos, de dous factores: mensaxe e público. No primeiro claramente non enlearse na etiqueta de nacionalismo si nacionalismo non. Como tiña razón Iglesias Turrión, as etiquetas é o xeito máis doado de que te marxine o adversario que controle os medios. En todo caso o nacionalismo demóstrase polos feitos e non polas proclamas. Para iso, como falamos o mes anterior, xa está o Bloque. Ós que nada menos có 50% da poboación di non plantexarse votar nunca, ó ser -inxustamente- percibidos coma comunistas ou radikais .Do mesmo xeito a mellor forma de facer país e demostrar as contradiccións do réxime actual. Coma di Luís Villares, moito hai que se pode facer coas competencias e fondos actuais. Que o goberno de Madrid invalide a nosa autonomía por medio de Lei de Bases ou que os concellos sexan aínda hoxe entidades do Estado e non de Galicia ofrece un bo arsenal de agravios que poden ser explotados. En vez de facer brindis ó sol soberanista esixir que os Galegos teñamos dereito de veto nas cuestións de Estado que nos afecten desproporcionadamente, coma a pesca. Por suposto que o establishment madrileño se negará pero ainda asi permitirá articular un discurso cara a opinión pública alén da actual dicotomía centralismo-autonomía-independencia.
 
O segundo é definir o público potencial, cal é a clase nacional que ó igual cós Junkers prusianos, os tendeiros cataláns, a gentry  inglesa, os fidalgos de anteigrexa vascos ou os pequenos empresarios flamengos constituirán a base electoral e económica do movemento. Ese é o punto fraco do PP e parte do PSOE. O seu sometimento ós dictados das súas executivas nacionais, programas uniformizadores pensados para as cidades crecentemente homoxéneas dificilmente poden erixirse en baluartes do pequeno comerciante, o pequeno labrego, o habitante das vilas medianas e pequenas en crecente despoboación e en definitiva todos aqueles que van ser os grandes perdedores da próxima rolda de concentracións empresariais (nova rolda peche de bancos e sucursais,  por exemplo) en boa parte pola aceleración do cambio tecnolóxico. É ese sector e non só o proletariado precario urbano e periurbano o que está detrás do colapso dos grandes partidos tradicionais en Europa e agora nos EE.UU. de Trump. Mesmo boa parte do reformismo de Ciudadanos pode ser apropriado sen problemas dada a inoperancia e o tufo ultra que ten a formación en Galicia e pode axudar a atenuar as derivas familistas e caciquís que este sector do galeguismo trae de orixe. Por suposto, reivindicación do corporatismo mediante fomento do cooperativismo incluídas a creación de novas caixas de aforros coma arma contra a despoboación e descapitalización do páis.  Cando non un certo carlismo -no sentido de antiurbanismo , antiglobalización e uniformización que teñen o foco nas cidades, así coma unha certa Kulturkampf  contra do relativismo moral da sociedade de consumo postmoderna- e que entronca cos antecedentes do galeguismo histórico; xa dicía Otero Pedrayo que cosmopolita é aquel que é incapaz de ficar só cun libro diante. Por ultimo a celebración da cultura galega sen complexos: Fede Pérez, Roberto Vilar ou David Amor atraen máis xente ó Galego que o intelectualismo e os servizos de normalización lingüística.
 
Emporiso, se o público potencial e a mensaxe está ben perfilada os cartos e os cadros han seguir. A cuestión é se Compromiso por Galicia será capaz de vencer a inercia cara a morte por resignación ou ser capaz de romper as estreituras que ten o discurso politico actual.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA