O conselleiro defende a profesionalidade dos altos cargos investigados pola hepatite C

Almuíña ve un "demérito" apartalos dos seus cargos pola investigación aberta por supostos delitos de homicidio imprudente. Por outro lado, pedirá ao Ministerio de Sanidade que se elimine a taxa de reposición na oferta pública de emprego para poder convocar máis prazas.

Por E.P. | A CORUÑA | 02/01/2017 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reivindicou a "profesionalidade" dos altos cargos do Sergas —o ex-director xeral de Asistencia Sanitaria e actual xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial, e Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia— investigados por dous supostos delitos de homicidio imprudente por, supostamente, atrasar a administración de tratamentos a pacientes con hepatite C. Nunha entrevista á Radio Galega, asegurou que apartalos do seu cargo pola investigación sería "un demérito" para o servizo sanitario galego. Tamén negou que houbese atrasos na prescrición dos fármacos e defendeu que Rubial e Gómez-Criado son "dous magníficos profesionais".

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no Parlamento
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no Parlamento | Fonte: EP

Ao respecto, alegou que o que se fixo foi analizar o posible prexuízo ou beneficio de fármacos novos. "O que fixeron, fixérono ben porque máis de mil pacientes foron tratados", defendeu. Ademais, o conselleiro considera que houbo un proceso "transparente".

"Do que se lles acusa non é de que morrese xente, senón que houbese un atraso no tratamento", precisou. Non obstante, incidiu en que dende a Administración "demostramos que non houbo atraso".

Así, insistiu en que o auto da Audiencia Provincial de A Coruña "di que non hai causa médica directa que diga que en caso de atraso conducise á morte". "Houbo mortes antes dos tratamentos, nese período e no período actual", concluíu sobre este caso.

OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO

Por outra banda, Almuíña comprometeuse a que haberá ofertas públicas de emprego en Galicia no ámbito sanitario cada ano ou cada dous anos. Por este motivo, avanzou que pedirá á ministra de Sanidade, Dolors Montserrat, que se elimine a taxa de reposición que limita o número de prazas que se poidan convocar en cada oferta pública de emprego.

Os membros da Plataforma de Afectados pola Hepatite C cando foron expulsados do Parlamento de Galicia, Quique Costas o primeiro pola esquerda
Os membros da Plataforma de Afectados pola Hepatite C cando foron expulsados do Parlamento de Galicia, Quique Costas o primeiro pola esquerda | Fonte: BNG

Tamén dixo que queren que se elimine "para recuperar prazas". Sobre esta cuestión, admitiu que se necesitan convocar "máis" para poder recuperar "as que se perderon nestes anos de crise", engadiu.

LISTAS DE ESPERA

Mentres, sobre as listas de espera, explicou que nas próximas semanas farán un balance, aínda que avanzou que hai "bos resultados". Por outra banda, comentou que nas próximas semanas sacarán adiante a Lei de Garantías de Listas de Espera galega para algunhas patoloxías co obxectivo de regular o número de días máximo de espera e o protocolo a seguir en caso de superarse.

O conselleiro expuxo, ademais, que en xaneiro se coñecerá o hospital público galego "no que se realizarán os abortos de máis de 22 semanas que son os máis complexos". "En Galicia facíase en clínicas con experiencia axeitada, pero nós queremos que se faga no sistema público galego", engadiu.

INCIDENCIA DA GRIPE

Sobre a gripe, apuntou que espera que a incidencia aumente "a mediados e finais do mes de xaneiro". Por iso, admitiu que cando chegue o pico máximo "haberá pequenos atrasos" por un número tan grande de casos". Con todo, asegurou que se está preparado para dar resposta tanto dende os centros de saúde, os Puntos de Atención Continuada ou os hospitais.

En canto ás partidas das que disporá este ano a Consellería de Sanidade, explicou que se destinarán a mellorar infraestruturas, adquirir novos tratamentos e actuacións en materia de prevención.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Velaí a PROFESIONALIDADE dos xestores da Sanidade Pública en Vigo... http://www.noticiasvigo.es/sos-meix...