Salvemos Cabana denuncia que “a pantasma da mina de Corcoesto renace no PXOM” do Concello

A plataforma presenta alegacións ao texto e alerta dun "novo intento do alcalde popular José Muíño de impoñer pola porta de atrás un futuro plan extractivo na parroquia".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/01/2017 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

A plataforma Salvemos Cabana vén de presentar alegacións logo de avaliar o borrador do texto do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cabana de Bergantiños e o estudo ambiental estratéxico. Segundo a plataforma, o texto garda "un novo intento do alcalde popular José Muíño de impoñer pola porta de atrás un futuro plan extractivo na parroquia".

Pintanda crítica coa Mina en Corcoesto
Pintanda crítica coa Mina en Corcoesto | Fonte: Miguel Nuñez

Así, o texto "refírese de forma anacrónica e totalmente fóra de lugar nun documento destas características ao frustrado proxecto mineiro", afirmando que "na actualidade se cancelou a tramitación dunha explotación de minería metálica na Parroquia de Corcoesto, que afectaría tamén ao Concello de Coristanco", que "o filón contén ouro e arsenopirita" e que "a explotación ocuparía arredor de 700 Ha., cun diámetro de entre 1,5 e 2 km" (páxina 14), alertan dende Salvemos Cabana.

Na páxina 61, en referencia ao "carácter e organización social" da parroquia de Corcoesto, Salvemos Cabana salienta que aí se afirma ademais que "se debe ter en conta o posible impacto económico e paisaxístico dos proxectos ou iniciativas que se poidan levar a cabo na antiga explotación mineira da zona", dando a entender, segundo o colectivo, que "tarde ou cedo se producirá un novo intento para reabrir o xacemento aurífero, a día de hoxe totalmente esgotado para labores en galería e cuxa rendibilidade depende exclusivamente de técnicas a ceo aberto e a utilización de inxentes cantidades de auga e cianuro de sodio na recuperación do mineral, coas consecuencias e riscos que isto implica", alertan.

DISCREPANCIA CO MAPA OFICIAL DO CENSO CATASTRAL MINEIRO DE GALICIA

Doutra banda, Salvemos Cabana sinala que na páxina 15 do documento se fai "de xeito torticeiro" unha "superposición dos límites municipais de Cabana de Bergantiños sobre o mapa de dereitos mineiros procedente da Subdirección Xeral de Minas da Consellería de Industria" afirmando que "gran parte do territorio municipal corresponde a seccións que teñen solicitado as prospeccións".

Manifestación en contra da mina de ouro en Corcoesto no concello de Coristanco
Manifestación en contra da mina de ouro en Corcoesto no concello de Coristanco | Fonte: W. Burns

A sorpresa neste punto é, segundo a plataforma, "descubrir que as áreas de exploración e investigación mineira que aparecen no mapa presentado no Borrador do PXOM non coinciden en absoluto coas que aparecen no Censo Catastral Mineiro de Galicia, ampliando neste caso a súa superficie e dando a entender a preeminencia do interese extractivo sobre outro tipo de sectores, nunha zona definida por dúas clasificacións de chan incompatibles coa actividade mineira, como son o solo rústico de protección forestal e o solo rústico de protección paisaxística".

CORCOESTO, UN PROXECTO MINEIRO FRACASADO

Para Salvemos Cabana, o alcalde José Muíño Domínguez (PP), "parece esquecer" que a cancelación do proxecto mineiro, anunciada polo presidente da Xunta en outubro de 2013 e ratificada meses despois por vía administrativa, derivou finalmente nunha Resolución (agosto 2015) de caducidade dos dereitos mineiros, confirmada por sentenza firme do Tribunal Constitucional en febreiro de 2016, que recoñeceu que a Xunta actuou conforme a dereito ao retirarlle a Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater a competencia sobre as súas concesións "Emilita nº1221", "Cidade de Landro nº1454" e "Cidade de Masma nº1455", que formaban o eixo do seu plan aurífero na Comarca de Bergantiños.

A plataforma lembra tamén que o proxecto mineiro de Corcoesto provocou o "conflito socioambiental máis grave na historia recente de Galicia e levou por diante a nivel electoral aos outros dous alcaldes populares implicados no apoio á iniciativa (Coristanco e Ponteceso), e a punto estivo de custarlle o posto ao propio Muíño". Por isto, consideran que resulta "imposible entender como o rexedor, enfrontándose aos veciños, á Xunta e mesmo en máis dunha ocasión ao seu propio partido, persiste de maneira reiterada no intento de activar un plan extractivo deostado por toda a sociedade galega", conclúe a plataforma Salvemos Cabana.

Hai que recordar ademais que este mesmo ano a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños acusou ao alcalde de Cabana de Bergantiños de usar recursos públicos para defender os intereses da empresa mineira que se ía a encargar de explotar a mina de Corcoesto, en concreto, por persoarse no contencioso administrativo interposto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola compañía contra a Xunta de Galicia por denegarlle a aprobación do proxecto mineiro.

Todo isto leva agora á plataforma Salvemos Cabana a denunciar publicamente que "a pantasma da mina de Corcoesto renace no PXOM de Cabana de Bergantiños".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta