O avogado de Nené Barral está imputado por branqueo de diñeiro

A xuíza Pilar de Lara investiga dende hai meses o letrado que provocou a queixa do Consello da Avogacía pola súa suposta participación en actividades delitivas xunto ao ex-alcalde do PP en Ribadumia, que aínda ten pendente, dende 2001, un xuízo por contrabando e suborno.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/01/2017 | Actualizada ás 10:19

Comparte esta noticia

Carlos Seoane, o avogado coruñés que motivou a queixa do Consello da Avogacía contra un rexistro xudicial ordenado pola xuíza Pilar de Lara, está sendo investigado polo xulgado de Instrucción número 1 de Lugo pola súa participación en supostas actividades delitivas xunto a Nené Barral, ex-alcalde de Ribadumia polo PP.

Nené Barral (centro) e o avogado Carlos Seoane (esquerda), chegando aos xulgados de Pontevedra.
Nené Barral (centro) e o avogado Carlos Seoane (esquerda), chegando aos xulgados de Pontevedra. | Fonte: ©Mónica Patxot en pontevedraviva.com

A maxistrada lucense ordenou o pasado mes de outubro, dentro da chamada operación Cebra contra o contrabando e branqueo de diñeiro, o rexistro de varias propiedades inmóbeis do ex-político do PP e da súa familia e do despacho do seu avogado na Coruña. Daquela, os axentes de Vixilancia Aduaneira procederan ao volcado do disco duro do ordenador do letrado.

O avogado coruñés, que xa declarou tralo rexistro como imputado por branqueo de diñeiro no xulgado número 1 de Lugo, representou a Nené Barral nun xuízo por delito fiscal o pasado mes de maio, proceso no que o ex-alcalde do PP, mentor político de Rafael Louzán, evitou o cárcere tras chegar a un acordo de conformidade co fiscal especializado en delitos económicos de Pontevedra, Augusto Santaló (que en principio pedía oito anos de prisión), e ter que pagar case 700.000 euros a Facenda. O ex-político popular ten aínda pendente, dende 2001, outro xuízo no que está imputado por contrabando e suborno.

Fontes vinculadas á operación Cebra rexeitan aportar máis datos sobre o rexistro xudicial no despacho do avogados coruñés motivo da polémica, xa que lembran que as investigacións por presuntos delitos de contrabando e branqueo de diñeiro aínda están abertas e con frontes en varios países nos que supostamente Nené Barral tiña intereses económicos. As mesmas fontes, por contra, defenden que durante todo o proceso de recollida e custodia de datos do ordenador do letrado “velouse polas garantías legais” deste investigado e que a orde de rexistro xudicial foi “impecable”. Insisten, tamén, en que a Carlos Seoane brindóuselle a posibilidade de que estivese presente o decano do colexio de avogados durante o volcado informático e que “foi o propio interesado o que non quixo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pilar Declara

Tempo e iredes vendo como a xuíza, lonxe de estar perseguida, vive nun mundo un tanto paralelo no que ela é a fonte do Dereito porque lle peta. Hai dúas causiñas que en canto se peche a instrución han de deixarnos coa boca aberta cando coñezamos as prácticas da maxistrada, que sabendo que se equivoca é máis de tirar para adiante previa chamada a cinco xornalistas que lle mercaron de todo cando non había nada.

1 Can de Palleiro

E que se non fora imputado o rexistro inda seria un delito mais grave todavía. Esta xuiza e unha pistoleira! Tira todos os dereitos! Que noticia mais interesada