Álex Marque, co Sporting-Tavira

O equipo vinculado ao Sporting de Portugal confía no ciclista estradense, unha das catro fichaxes deste ano, para disputar o dominio no pelotón portugués ao W52-FC Porto do arousán Gustavo César Veloso. Segue un ano máis o tamén estradense Óscar González Brea.

Por gcdeportes | Compostela | 10/01/2017 | Actualizada ás 09:04

Comparte esta noticia

No estadio Alvalade, no descanso do partido entre Sporting e Feirense, presentouse o equipo ciclista Sporting-Tavira. Entre os corredores que recibiron os aplausos dos 40.000 leões, dous galegos: os estradenses Álex Marque e Óscar González Brea, que volven coincidir coas mesmas cores (Efapel 2015).

Álex Marque, de 35 anos e gañador da Volta a Portugal no 2013, é unha das catro caras novas do Sporting-Tavira para esta tempada. Xunto ao veterano ciclista estradense, procedente do LA Alumínios-Antarte, reforzan o equipo lisboeta as fichaxes de Joni Brandão (Efapel), Frederico Figueiredo (Rádio Popular-Boavista) e Fábio Silvestre (Leopard). Marque regresa a un club co que xa competiu hai varias campañas, cando aínda se denominaba Palmeiras Resort Tavira.

Deste xeito, o equipo dirixido por Vidal Feitas ficha a tres corredores que remataron a pasada Grandíssima no top-15: Joni Brandão 5º, Figueiredo 11º e Álex Marque 13º. O resto do equipo continúa da tempada pasada, entre eles o tamén estradense Óscar González Brea (24 anos, segunda tempada) e o que foi o seu xefe de filas no 2016, o italiano Rinaldo Nocentini.

O Sporting-Tavira confía nas súas novas fichaxes para dar un salto de calidade e tentar disputar o dominio no pelotón portugués ao intratábel W52-FC Porto do arousán Gustavo Veloso, gañador da Volta no 2014 e 2015 e segundo malia tres etapas gañadas no 2016. No W52-FC Porto militan outros dous galegos: o porriñés Jacobo Ucha e o cambadés Ángel Sánchez.

Álex Marque (3º pola dereita dos ciclistas), na presentación do Sporting-Tavira no Alvalade.
Álex Marque (3º pola dereita dos ciclistas), na presentación do Sporting-Tavira no Alvalade. | Fonte: record.pt

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta