“Trámites con Fenosa” fan que este megacentro para discapacitados siga pechado 11 anos e 9 millóns despois

“Estamos pendentes duns trámites con Fenosa para poder avanzar na posta en marcha desta infraestrutura”. Esta é a lacónica resposta do Goberno Galego a pregunta de cando abrirá finalmente o Centro Galego da Discapacidade (CEGADI), cuxas as instalacións comezan a sufrir un evidente deterioro con, por exemplo, mofo na piscina.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 10/01/2017 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

En outubro, a Xunta respondera a GC que este millonario centro ía abrir “a finais de 2016”.  Chegou o 2017 e non hai traza de que se vaia poñer en marcha. 

O CEGADI ten máis de 8.000 metros cadrados /MV Exterior dos 8000 metros cadrados do CEGADI/MV
O CEGADI ten máis de 8.000 metros cadrados /MV Exterior dos 8000 metros cadrados do CEGADI/MV

O CEGADI suma así 11 anos sen abrir, malia que o edificio está totalmente rematado hai varios anos. Os 9 millóns de diñeiro público investidos,  seis deles procedentes dos fondos Intereg da UE, non serviron polo de agora para nada.

A odisea do CEGADI remóntase a 2005, cando o Concello de Santiago cedeu a Consellería de Traballo do bipartito unha parcela de 5.000 metros para construílo. O enorme inmóbel está rematado dende 2011. 

Cando o PP chegou a San Caetano, en 2009, o CEGADI caeu no esquecemento. Nin sequera aparece nas reportaxes coas que a prensa soe denunciar os “elefantes brancos”, os megaproxectos que creou a administración na época do ‘boom’ da construción. E iso malia que o CEGADI está pensado para atender a un dos colectivos máis necesitados, as persoas con discapacidade.

O problema agrávase ante o evidente deterioro do edificio. Calquera que se achegue a Salgueiriños -a menos de dez minutos da sede central da Xunta en San Caetano- albiscara cousas como: mofo nunha piscina pensada para a rehabilitación, cristais rotos nas portas, lixo de todo tipo nos accesos, unha xungla de malas herbas medrando nos xardíns interiores, oficinas totalmente acabadas -extintores incluídos- pero sen unha mesa, etc.

Lixo nunha rampa de acceso ao CEGADI
Lixo nunha rampa de acceso ao CEGADI

O plan do Goberno do PP non é xestionar directamente esta espectacular infraestrutura sen estrear. A Xunta quere cederllo a COGAMI, o principal colectivo de discapacitados do país. Malia que COGAMI carece de ánimo de lucro, trátase dunha privatización parcial, dado que non é unha entidade pública, senón privada. Ademais, malia o considerábel tamaño de COGAMI, é moi dubidoso que esta asociación teña os medios para sacarlle todo o rendemento ao enorme potencial do CEGADI. Ademais de piscina para rehabilitación, os 8.700 metros cadrados foron pensados para 71 prazas dun centro de día e 38 prazas de residencia a tempo completo de dependentes.

Por que segue sen abrir o CEGADI? Cando o PSdeG preguntou por este asunto a finais de 2015, a Xunta alegou que carecía de licenza municipal de primeira ocupación debido a problemas na infraestrutura eléctrica da zona, que non estaba pensada para soportar o novo edificio. En 2016,  a Xunta sacou un concurso o ano pasado para facer unha subestación e de feito o cartel desta obra pode verse no exterior do centro. As obras realizadas por Elecnor parece que remataron hai tempo e de feito o Goberno contaba con inauguralo, ou máis ben que COGAMI o inaugurara, a finais de 2016.

Agora parece que os “trámites con Fenosa” se alongan, segundo a versión da Xunta, e o Executivo non dá unha data concreta para solventalos. Mentres, o enorme edificio segue deteriorándose e os discapacitados esperando.

Cartel das obras eléctricas no CEGADI
Cartel das obras eléctricas no CEGADI
Mofo na piscina  no CEGADI
Mofo na piscina no CEGADI | Fonte: MV
Xardins ao monte no CEGADI
Xardins ao monte no CEGADI | Fonte: MV
Porta rota no CEGADI
Porta rota no CEGADI | Fonte: MV
Tags: #recortes
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta