Enxeñeiros galegos e vascos colaboran en mellorar a xestión enerxética dos edificios

As universidades de Vigo e do País Vasco traballan no desenvolvemento dunha ferramenta de calibración dos sistemas de simulación enerxética.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 10/01/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O sector da edificación non é alleo á tendencia global actual para reducir o consumo enerxético e as emisións de gases contaminantes, pois é o responsable do 40% do consumo de enerxía final e do 50% das emisións de CO2 a nivel mundial. Consecuencia de todo isto ao longo destes últimos anos fóronse endurecendo as normativas, tratando de reducir tanto a demanda, como o consumo de enerxía, ao mesmo tempo que se tratan de incorporar as enerxías renovables. Estas medidas lograron pequenos avances, pero é necesario ir máis aló e nisto están a traballar un equipo de enxeñeiros das universidades de Vigo e o País Vasco liderados por Enrique Granada e Pablo Eguia, investigadores do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Escola de Enxeñería Industrial viguesa.

Titulado 'Investigación para a creación dunha ferramenta holística para a xestión enerxética na edificación', e financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade con máis de 200.000 euros, o proxecto liderado por Granada e Eguía propón a creación de sistemas de regulación que teñan en conta múltiples criterios, estratexias intelixentes de monitorización que sexan de baixo custe e minimamente invasivas e que permitan calibrar os sistemas de simulación enerxética.

Edificios de Shanghai, en China
Edificios de Shanghai, en China | Fonte: Pixabay.

“Hoxe en día existen xa estudos que poñen de manifesto as grandes discrepancias entre a eficiencia dun edificio simulado e a eficiencia medida nun edificio real”, explica Enrique Granada, recalcando así a necesidade de mellorar o axuste entre a eficiencia do modelo simulado e do edificio monitorizado, o que tecnicamente se denomina como ‘simulación calibrada’.

Na actualidade non existen métodos estandarizados e os que acostuman empregarse son custosos en tempo, coñecementos e experiencia. “A incerteza é alta debido aos problemas de calibración e, ademais, non existe unha ferramenta automatizada que integre estes procesos, polo que de conseguir a finalización exitosa deste proxecto será un gran avance”, explica o investigador, que fai fincapé en que cada tipo de edificio demandará uns axustes específicos das ferramentas de calibración que teña en conta as súas particularidades e os diferentes resultados agardados.

“Non serán iguais os axustes para un hotel que para un centro educativo, por exemplo”, explica o coordinador do proxecto, que salienta o feito de que se trata de “atopar a ferramenta axeitada para optimizar a regulación de todos os elementos nos que se pode actuar tendo en conta tamén parámetros como o benestar dos ocupantes e o medio ambiente”, subliña Granada.

COLABORACIÓN

O Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo, colaborador habitual do equipo de Enerxética de Edificación, Enedi, da Universidad do País Vasco (UPV/EHU), conta cunha longa traxectoria na simulación enerxética en edificación. “Ambos equipos levamos anos traballando xuntos tanto a nivel docente, compartimos máster e doutoramento interuniversitario, como investigador e toda a experiencia ganada durante estes anos converteunos en socios inmellorables”, subliña Granada, que explica tamén que no ámbito do proxecto as fortalezas do grupo vigués son o proceso de simulación dinámica e o uso de algoritmos matemáticos aplicados á eficiencia enerxética.

“Se ben dispomos de certos avances no apartado de monitorización e casos de estudo de edificacións monitorizadas, a busca da excelencia no proxecto fai preciso delegar ditas actividades nun grupo como Enedi, con experiencia xa demostrada e de repercusión internacional neste eido”, engade o enxeñeiro vigués.

A travéso emprego de diferentes técnicas de simulación e da aplicación de múltiples algoritmos matemáticos, o equipo vigués centrarase na creación dun mapa que identifique as técnicas máis idóneas en función da realidade de cada edificio e da súa implementación automatizada.

A xeometría do edificio, as divisións internas, os materiais cos que se construíu, os tipos de cubertas, a orientación, a localización xeográfica... son exemplos dos diferentes parámetros cos que están a traballar e cos que ‘alimentan’ todos eses algoritmos matemáticos, pero non son os únicos, xa que os investigadores implicados no proxecto insisten na necesidade de ter tamén en conta o que denominan como ‘parámetros de saída’ nos que se inclúen cuestións como os consumos, os custes, as posibilidades de rehabilitación e a mellora da realidade de uso.

OBXECTIVO: 2018

“A ferramenta de calibración xa automatizada debería estar lista en decembro e iso é o que agardamos”, explicou Granada, ao que engadiu que ao longo do 2018 se desenvolverá a ferramenta de optimización multiobxectivo e a demostración experimental de ambas ferramentas a partir de diferentes casos de estudo da Universidad do País Vasco e tamén propios.

Na Universidade de Vigo traballan a tempo completo nesta investigación cinco investigadores aos que en breve se sumará outro. A eles hai que engadir tamén os socios vascos do proxecto, encargados neste caso da implementación de técnicas de calibración e optimización multiobxectivo automatizadas aplicadas á simulación de modelos enerxéticos en edificios reais monitorizados enerxeticamente, informa D. Besadío no DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 nostrus

¿por que tanto hincapie en que son vascos y gallegos los científicos que colaboran en el proyecto? son españoles, no hace falta renegar de nuestra nacionalidad para decir que son de una u otra región de España. Los nacionáticos se encargan de difamar y los periodistas le hacen el juego. Nacionalismos no, por favor

1 BernardoZ

Refireste ao nacionalismo chauvinista madrileño.O territorio coñecido como España hoxe por hoxe, é un mosaico de nacions.O cal non quita que poidamos levarnos ben .Ánimo,non sexas fanático.