Unha xogadora do Santiago Futsal, na UCI tras ser atropelada

A mexicana Itzel Cruz, que o domingo foi atropelada nun paso de peóns da zona nova de Compostela, someteuse a unha complicada operación no CHUS e loita pola súa vida na UCI. Está xa acompañada pola súa nai, que viaxou dende México.

Por gcdeportes | Compostela | 11/01/2017 | Actualizada ás 09:38

Comparte esta noticia

A familia do Santiago Futsal está conmocionada. Itzel Cruz, xogadora do equipo feminino do club, loita pola súa vida na UCI do CHUS tras sufrir un grave accidente na tarde do domingo: foi atropelada por un vehículo cando cruzaba por un paso de
peóns na zona nova de Compostela.

O estado de saúde de Itzel, aínda que superou unha complicada operación, segue sendo crítico, e loita pola súa vida na UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Itzel, de orixe mexicana, estivo acompañada en todo momento por adestradores, xogadoras e directivos do club ata a chegada da súa nai desde México na noite do luns. Dende o Santiago Futsal agradecen o trato recibido no hospital e as xestións realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela para poder traer os seus pais dende México.

“Es unha loitadora Itzel, e estamos seguros de que este partido tamén o vas gañar”, foi a mensaxe para Itzel dende o club, que comunicou o desexo da familia de que Compostela rece para enviarlle forzas a Itzel. Todo o mundo do deporte, en especial do futsal, enviou mensaxes de ánimo para a recuperación da xogadora do Santiago Futsal A Gaiola.

Itzel Cruz está licenciada en Ciencias Políticas e Administración Pública pola Universidade Autónoma de México e realiza un curso de posgrao na USC. Ademáis, actúa de enlace administrativo e académico da UAEMex para España. A nai de Itzel viaxou ata Compostela acompañada por un representante da Universidade.

A mexicana Itzel Cruz, na facultade de Dereito compostelá.
A mexicana Itzel Cruz, na facultade de Dereito compostelá.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta