Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/01/2017 | Actualizada ás 13:35
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera “inaceptable” a culpabilización das vítimas da violencia machista que o xornalista Manuel Molares do Val realizou no seu artigo “Víctimas de su sexismo”, publicado este martes polo Atlántico Diario e El Correo Gallego.
“A pluralidade e o debate de ideas en ningún caso poden identificarse co intento de responsabilizar as mulleres asasinadas dos crimes dos seus agresores, nin poden ampararse na liberdade de expresión as graves faltas de respecto á súa memoria”, apunta esta entidade nun comunicado.
Un total de 52 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas en Galicia desde 2003, 871 en toda España. Por iso, o CPXG destaca que n problema de tal magnitude e gravidade “só pode abordarse desde o rigor e a boa praxe profesional”. “Algo que está ausente neste texto, que aínda sendo un artigo de opinión, está asinado por un xornalista e publicado por periódicos de ampla difusión”, denuncia.
Aclaración por parte dos medios
Por iso, pídelles a estes medios que lle aclaren aos seus lectores e lectoras se a súa liña editorial considera admisible culpabilizar persoas asasinadas da súa morte violenta e cales son os filtros editoriais que aplican aos textos que publican e dos que, polo tanto, se responsabilizan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.