Os residuos de madeira e castaña amosan o seu potencial como fonte de bioprodutos

Un consorcio de empresas, en colaboración coas universidades de Vigo e Santiago, traballa na revalorización de residuos e coprodutos procedentes do sector agroindustrial galego.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 11/01/2017 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

Despois de case un ano de traballo, o Proxecto Innobiorresiduos, desenvolvido por un consorcio de empresas lideradas por Extraco coa colaboración das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, comeza a dar os seus froitos. Este mércores os seus membros reuníronse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense para expor os avances acadados no primeiro dos tres anos de execución do proxecto, que conta co financiamento da Axencia Galega de Innovación e que ten como obxectivo a valorización de residuos agroalimentarios da castaña e da madeira para a obtención de bioprodutos de alto valor engadido, entre eles biopavimentos. 

Mostras de proba de solo e asfalto elaboradas con bioprodutos
Mostras de proba de solo e asfalto elaboradas con bioprodutos | Fonte: UVigo.

O Consorcio Innobiorresiduos que desenvolve o proxecto está liderado por Extraco e formado polas empresas galegas Galaicontrol, Betanzos HB, Soutos Sativa e Indutec Ingenieros. Como entidades subcontratadas están o Laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo, situado no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, e o Grupo de Investigación en Enxeñaría Civil e Enerxías Mariñas da Escola Politécnica Superior de Lugo. A iniciativa, que se desenvolve desde febreiro de 2016 ata finais de 2018, conta con financiamento da convocatoria Conecta Peme 2016 da Axencia Galega de Innovación, da Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galicia, con cargo a fondos Feder da UE.

BENEFICIOS ECONÓMICOS E AMBIENTAIS

“Con este proxecto buscamos unha maneira innovadora de usar residuos e coprodutos procedentes do sector agroindustrial galego”, explicou Francisco Javier Prego, do Departamento de I+D+i da empresa ourensá Extraco, que destacou como o proxecto Innobiorresiduos implica a empresas de diferentes puntos da xeografía galega e dos diferentes sectores, desde o primario ao terciario.

A valorización destes subprodutos e polo tanto o proxecto, apuntou, ten “un interese tanto económico como ambiental”. No seu primeiro ano de desenvolvemento, indicou Prego, acometeuse a caracterización dos produtos da industria madereira e da castaña elixidos, co obxectivo de “coñecer exactamente para que serven”. Tamén se estiveron realizando as primeiras probas dos produtos obtidos en mostras de asfalto e solos e se comezou a traballar na valorización enerxética dos residuos xerados nestes procesos a través de compost ou produción eléctrica. “Os resultados están sendo moi positivos”, afirmou. 

Esta caracterización dos materiais de partida, dos residuos e coprodutos estudados, foi realizada polo Laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo. Concretamente, apuntou José Manuel Domínguez, investigador principal do laboratorio, analizáronse quimicamente as características de varios residuos de castaña, como son follas, restos de podas e ourizos, e un conglomerado de madeira de eucalipto. O seguinte paso do proceso é, indicou, o fraccionamento destes materiais para obter os produtos de interese para o proxecto, fase na que actualmente están a traballar.

“A finalidade última é obter bacteriocinas, para a conservación das castañas; biosurfactantes, para a mellora dos taboleiros de madeira, e antioxidantes para facer biopavimentos”, explicou Domínguez. “Esta revalorización de residuos e coprodutos permitirá non só incrementar o valor engadido de produtos e empresas implicados, senón tamén minguar os danos ambientais que provoca a existencia destes residuos”, comenta a investigador da Universidade de Vigo nunha información de Rosa Tedín no DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta