Dépor, adeus á Copa

O equipo deportivista empata 1-1 co Alavés en Mendizorrotza malia xogar corenta minutos en superioridade e queda eliminado nos oitavos de final polo 2-2 da ida en Riazor. Marcou Arribas coa testa e Ortolá evitou o segundo de Joselu a dez minutos do remate. O sábado, o Vilarreal en Riazor na Liga.

Por gcdeportes | A Coruña | 11/01/2017 | Actualizada ás 21:52

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Alavés 1:
Ortolá; Vigaray, Pantic, Alexis Ruano, Theo Hernández; Marcos Llorente, Dani Torres, Krsticic (Toquero, 88'), Edgar (Laguardia, 82), Katai (Ikiko Femenía, 56') e Christian Santos.
Deportivo 1: Rubén Martínez; Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho; Pedro Mosquera (Óscar Pinchi, 80'), Celso Borges (Guilherme, 54'); Marlos Moreno (Florin Andone, 60'), Emre Çolak, Borja Valle e Joselu.
Goles: 1-0: Edgar Méndez (45'). 1-1: Arribas (minuto 62).
Árbitro: Estrada Fernández (catalán). Expulsou por dobre cartón (41' e 47') a Theo Hernández no Alavés. Amarelas a Borja Valle (15') e Guilherme (93) no Dépor e a Pantic (28'), Torres (34'), Edgar Méndez (81') e Laguardia (89') no Alavés.
Incidencias: partido de volta dos oitavos de final no estadio Mendizorrotza ante 16.765 espectadores, entre eles 200 espectadores.

Non soubo o Dépor aproveitar corenta minutos en superioridade para vencer o Alavés en Mendizorrotza e caeu eliminado da Copa nos oitavos de final. Edgar Méndez fixo o 1-0 pouco antes do descanso, o equipo local quedou con dez na reanudación pola expulsión de Theo Hernández e Arribas empatou coa testa para o Dépor a media hora do final. En trinta minutos, cun xogador máis, tan só unha ocasión clara de perigo, pero unha man milagreira de Ortolá evitou o 1-2 de Joselu. O Dépor asediou a meta local, pero faltáronlle ideas para marcar. Non queda outra que centrarse na Liga: o sábado, co Vilarreal en Riazor.

De nada lle serviu ao Dépor ter máis posesión no primeiro tempo. Controlou o partido, pero foi o Alavés quen marcou. A primeira ocasión foi para os locais, pero Rubén Martínez evitou o gol no man a man con Christian Santos tras asistencia de Krsticic. A resposta deportivista chegou grazas á calidade de Emre Çolak, que cun disparo provocou un rexeite que Marlos Moreno rematou ao pau dereito de Ortolá. O Dépor facía longas as súas posesións, pero só Çolak buscaba a porta rival. O perigo dos de Pellegrino chegaba pola esquerda, como nunha chegada á área e remate de Theo Hernández preto do pau. O Dépor tivo outra tras unha falta sobre Marlos Moreno ao bordo da área, pero Emre Çolak non atinou cos tres paus.

O Dépor non puido gañar en Mendizorrotza malia xogar contra dez corenta minutos.
O Dépor non puido gañar en Mendizorrotza malia xogar contra dez corenta minutos. | Fonte: lfp.es

A piques de chegar ao 45, o gol do Alavés: erro de marcaxe nun centro e Cristian Santos controlou na área e rematou ao traveseiro, Arribas despexou curto e Edgar Méndez aproveitou o rexeite ante a pasividade defensiva deportivista para facer gol tras un autopase no interior da área. 1-0 ao descanso, e a necesidade de marcar dous para pasar.

O Alavés quedou con dez ao pouco de principiar o segundo tempo ao ver Theo Hernández a segunda amarela por unha dura entrada sobre Juanfran. Garitano moveu ficha e deu entrada a Guilherme por Celso Borges e Florin Andone por Marlos Moreno. No minuto 62, o empate a balón parado: córner preciso de Emre Çolak e remate coa testa de Arribas para poñer o 1-1.

Os coruñeses lanzáronse a polo segundo, pero con máis corazón que cabeza, abusando dos centros á área e sen aproveitar a súa superioridade, e o Alavés que tentaba rachar o ritmo do encontro con faltas e perdas de tempo. Os minutos pasaban sen ocasións claras, tan só os remates coa testa de Joselu. O canteirán Óscar Pinchi entrou por Pedro Mosquera. No minuto 84, unha man de Ortolá evitou o gol tras un novo remate coa testa de Joselu tras centro de Luisinho. Non houbo máis, e o Dépor quedou eliminado polo 2-2 colleitado na ida.

Arredor de 200 deportivistas arrouparon o Dépor en Mendizorrotza.
Arredor de 200 deportivistas arrouparon o Dépor en Mendizorrotza. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta