Galicia participa na maior investigación europea sobre infeccións pulmonares mortais

O SERGAS colabora nun proxecto internacional subvencionado con 29 millóns de euros xunto coas universidades de Edimburgo, Oxford e Imperial College de Londres, o Centro Médico Universitario de Utrecht, o Centro Médico Universitario de Groningen, o Instituto Nacional de Saúde Pública dos Países Baixos, a Universidade de Amberes, o Hospital do Suroeste de Finlandia, o Statens Serum Institut en Dinamarca e a Rede Europea de Pediatría para o Tratamento do Sida.

Por Alberto Quian | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2017 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

29 millóns de euros. Ese é o orzamento co que conta un consorcio internacional para avaliar o risco de infeccións pulmonares mortais que afectan especialmente os bebés e as persoas maiores. O proxecto, dirixido polo profesor Harish Nair, da Universidade de Edimburgo (Escocia), coordínase dende o RSV Consortium en Europa (RESCEU) e nel participa o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) canda as universidades de Edimburgo, Oxford e Imperial College de Londres (Reino Unido), o Centro Médico Universitario de Utrecht, o Centro Médico Universitario de Groningen e o Instituto Nacional de Saúde Pública dos Países Baixos, a Universidade de Amberes (Bélxica), o Hospital do Suroeste de Finlandia, o Statens Serum Institut en Dinamarca e a Fundación da Rede Europea de Pediatría para o Tratamento do Sida.

As enfermidades pulmonares sitúanse entre as doenzas que máis mortes causan.
As enfermidades pulmonares sitúanse entre as doenzas que máis mortes causan.

O proxecto ten como obxectivo avanzar na comprensión e xestión do virus sincitial respiratorio humano (VSR), que é a principal causa de infeccións respiratorias durante a infancia. Calcúlase que as enfermidades causadas por este virus afectan cada ano, en todo o mundo, a máis de 30 millóns de nenos e nenas menores de cinco anos. O VSR (RSV, nas súas siglas en inglés) tamén afecta as persoas maiores e aquelas con sistemas inmunolóxicos debilitados, incluíndo pacientes con cancro e persoas con enfermidades pulmonares crónicas como o enfisema.

Actualmente, non existen tratamentos específicos para o RSV nin vacina. As terapias actuais céntranse en aliviar os síntomas da infección.

A infección por VSR causa dificultades respiratorias e sibilancias e pode conducir a enfermidades respiratorias severas como bronquiolite ou pneumonía.

O virus pode ser a razón máis común nos ingresos hospitalarios de cativos durante os meses de inverno. Nos adultos maiores, as infeccións poden causar tantas doenzas graves, hospitalizacións e mortes como a gripe.

AVALIAR O IMPACTO EN EUROPA

Os equipos internacionais que colaboran nesta macroinvestigación traballarán para avaliar a escala completa do problema en Europa, que é actualmente descoñecida. Así, investigadores de 18 universidades, institutos de saúde pública e compañías farmacéuticas reunirán estatísticas robustas sobre o número de casos de RSV en Europa cada ano.

Os investigadores tamén avaliarán o impacto económico da enfermidade e a carga que exerce sobre os sistemas sanitarios.

Armado con esta información, o grupo elaborará guías de boas prácticas para mellorar a forma en que se controla a enfermidade asociada ao VRS en toda Europa e para asesorar en futuros programas de vacinación.

O consorcio ten como obxectivo asegurar que as decisións futuras sobre as políticas de prevención e tratamento do VSR poidan basearse en probas de boa calidade e sen demoras inxustificadas.

TRATAMENTOS

O grupo tamén pretende establecer un marco para levar a cabo ensaios a escala europea de novos medicamentos e vacinas para mellorar o tratamento —e mesmo a prevención— da enfermidade.

Recollerán e analizarán mostras de pacientes para identificar marcadores biolóxicos asociados con infeccións severas por VSR. Estes marcadores poderían axudar a mellorar o diagnóstico e a avaliación da gravidade da enfermidade. Tamén poderían axudar ao desenvolvemento de tratamentos e vacinas.

"É probable que unha vacina contra o VRS estea dispoñible no próximos cinco a sete anos", avanza o coordinador do proxecto.

O coordinador do proxecto, Harish Nair, do Instituto Usher da Universidade de Edimburgo, explica: "Estamos nun momento oportuno para intensificar os esforzos para previr a infección por VRS en nenos e poboacións de idade avanzada. É probable que unha vacina contra o VRS estea dispoñible no próximos cinco a sete anos. Ademais, tamén se está desenvolvendo unha serie de tratamentos para o VRS. Os nosos achados proporcionarán mellores probas para comprender como estas intervencións deben ser introducidas do mellor xeito, non só en Europa senón tamén no resto do mundo".

MEDICAMENTOS INNOVADORES

Os 29 millóns de euros para o proxecto veñen pola vía da Empresa Común para a Iniciativa sobre Medicamentos Innovadores 2, que conta co apoio do programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea e da EFPIA, a Federación Europea de Asociacións da Industria Farmacéutica.

RESCEU naceu dunha colaboración de investigación existente chamada Rede Respiratoria de Virus Sincitial (ReSViNET, nas súas siglas en inglés), cuxo obxectivo é mellorar a comprensión deste virus e desenvolver estratexias de prevención e tratamento preventivo seguras e efectivas.

Ademais das institucións académicas e organismos de saúde pública implicados no proxecto, tamén participan seis empresas —AstraZeneca, Pfizer, GlaxoSmithKline Biologicals, Sanofi Pasteur, Janssen Pharmaceutica e Novavax— xunto con Synapse Research Management Partners. Outras 43 institucións de investigación e de saúde pública, sociedades de pacientes e sociedades clínicas de Europa e resto do mundo tamén están afiliadas ao proxecto, informa a Universidade de Edimburgo a través da American Association for the Advancement of Science.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta