Unha máis para o Breo

O Cafés Candelas vence 84-78 a Cáceres tras un parcial de 15-0 no último cuarto, acada a cuarta vitoria consecutiva e suma 13 en 19 partidos. Salva Arco, 23 puntos con 5/8 en triplas. O vindeiro venres, exame en Palencia.

Por gcdeportes | Lugo | 14/01/2017 | Actualizada ás 23:14

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CB Breogán 84:
Josep Franch (22), Rafa Huertas (2), Salva Arco (23), Fakuade (13), Matt Stainbrook (2) -cinco inicial- Lobito Fernández (0), Geramipoor (7), Iván Cruz (7, Gilling (3) e Sergi Quintela (5).
Cáceres 78: Corrales (10), Parejo (5), Rakocevic (15), Sergio Pérez (19), Marcius (19) -cinco inicial- Fuller (4), Riauka (6), Toledo (0) e Edu Chacón (0).
Parciais: 22-27, 27-21 (49-48); 16-12 (65-60), 19-18 (84-78).
Árbitros: Jorge Muñoz García e Arnau Padrós Feliu. Eliminaron por cinco faltas persoais a Lobito Fernández.
Incidencias: partido da 20ª xornada da LEB Ouro no Pazo Provincial dos Deportes ante preto de 3.500 espectadores. Homenaxe no descanso a Paco García, técnico do último ascenso do Breo á ACB na tempada 1999/2000.

Homenaxe do Pazo ao técnico Paco García e abrazo con Lisardo Gómez.
Homenaxe do Pazo ao técnico Paco García e abrazo con Lisardo Gómez. | Fonte: CBBreogan

Non xogou un bo partido o Breo, sobre todo en defensa, pero apertou no último cuarto e cun parcial de 15-0 deulle a volta ao marcador e sumou contra Cáceres a cuarta vitoria consecutiva. Gañou 84-78, con 23 puntos de Salva Arco (5/8 en triplas) e 22 de Josep Franch, e suma 13 triunfos en 19 partidos. O vindeiro venres, exame en Palencia.

O acerto dende 6,75, con triplas de Sergio Pérez, Corrales (2) e Rakocevic, deu vantaxe a Cáceres (sempre con defensa en zona) no arrinque. Breogán encaixou 20 puntos nos seis primeiros minutos e perdía 13-20. Natxo Lezcano pediu tempo e cos puntos de Salva Arco e un parcial de 6-0, os lucenses apertaron o marcador: 19-20. Cáceres pediu tempo e recuperou a iniciativa tras unha tripla de Parejo: 22-27.

O ex-breoganista Rakocevic deu aos visitantes a máxima vantaxe: 22-32. Triplas de Gilling e Josep Franch e parcial de 10-0 dos lucenses para empatar o partido (32-32). Apenas existían as defensas, intercambio de triplas e a igualdade mantíñase ao descanso: 49-48, con xa 15 puntos de Rakocevic.

Os puntos de Josep Franch puxeron o Breo por diante (57-51), e Cáceres parou o partido. Achegáronse os visitantes e respostou Arco cunha tripla (60-55). Minutos de moitos erros e sen acerto, e Cáceres empatou o partido, pero Salva Arco pechou o cuarto con 5 puntos (sumaba xa 23) e o Breo mandaba 65-60.

Lobito Fernández, sen acerto ante Cáceres, entra a canastra.
Lobito Fernández, sen acerto ante Cáceres, entra a canastra. | Fonte: @CBBreogan

Arrincou o cuarto decisivo cun parcial de 0-7 para Cáceres e Natxo Lezcano tivo que parar o partido con 65-67. Os lucenses apertaron en defensa, correron en ataque e cos puntos de Franch e Geramipoor acadaron un parcial de 11-0. Cáceres pediu tempo, pero o Breo ampliou o parcial ata 15-0 para poñerse 80-67. Relaxáronse os lucenses e con dúas triplas de Sergio Pérez e un 2+1 de Marcius, Cáceres achegouse, pero sen tempo para máis. Ao final, 84-78.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta