Punto que sabe a pouco

O Dépor tivo as mellores ocasións pero non pasou do 0-0 cun Vilarreal que apenas tivo presenza ofensiva. Os de Gaizka Garitano encadean por primeira vez tres xornadas sen perder, cunha vitoria e dous empates. A última cita da primeira volta, o venres nas Palmas.

Por gcdeportes | A Coruña | 15/01/2017 | Actualizada ás 00:25

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Deportivo 0:
Tyton; Laure, Arribas, Sidnei, Navarro; Guilherme, Celso Borges; Marlos Moreno (Borja Valle, 75’), Emre Çolak, Luisinho e Florin Andone (Joselu, 83’).
Vilarreal 0: Asenjo; Mario, Álvaro González, Víctor Ruiz, José Ángel; Jonathan dos Santos, Manu Trigueros, Bruno Soriano, Samu Castillejo; Pato (N'Diaye, 85’) e Santos Borré (Mario González, 68’).
Árbitro: Ocón Arráiz (rioxano). Amarela a Manu Trigueros (79’) do Vilarreal.
Incidencias: partido da 18ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Riazor ante 19.917 espectadores.

Florin Andone tivo ocasións para marcar ao Vilarreal.
Florin Andone tivo ocasións para marcar ao Vilarreal. | Fonte: lfp.es

Dúas de Florin Andone e outra de Joselu. O Dépor tivo as mellores ocasións do partido pero non puido pasar do empate (0-0) e deixou fuxir cun punto ao Vilarreal. “Contento co equipo pero non co resultado”, resumiu Gaizka Garitano. Por primeira vez na tempada, o Dépor encadea tres xornadas sen perder, no que é a mellor xeira do ano: unha vitoria (2-0 a Osasuna) e dous empates (1-1 co Espanol e este 0-0 co Vilarreal).

Trala eliminación de Copa e con varias ausencias, Garitano realizou catro trocos con respecto ao once da visita ao Espanyol: Laure ocupou o lateral do sancionado Juanfran, Arribas no canto de Albentosa e Luisinho e Marlos Moreno entraron polo lesionado Bruno Gama e por Joselu.
Arrincou mellor o Dépor que o rival, e buscou a portaría castellonenca cun disparo de Celso Borges e varios saques de esquina executados por Emre Çolak, o temón do ataque deportivista. Unha asistencia do turco para o disparo de Florin Andone obrigou a Asenjo a despexar a córner cos puños. Co paso dos minutos, os coruñeses perderon o empuxe inicial e o Vilarreal semellaba controlar o ritmo. Na ocasión máis clara dos visitantes, Tyton detivo un disparo de Bruno Soriano no minuto 27. Un remate de Andone ao lateral da rede foi a última da primeira parte, que rematou con posesións longas e pouca profundidade.

A segunda parte comezou como a primeira, con máis posesión do Dépor, que reclamou un penalti por agarrón de José Ángel a Arribas no minuto 50. Cando se cumpría unha hora de partido, o que puido ser o gol da xornada: centro de Borges á área, unha media chilena de Andone e o balón que se foi ao pau con Asenjo facendo a estatua.

O Vilarreal espertou coa ocasión deportivista e avanzou metros para afastar a pelota da súa área, pero apenas tivo presenza ofensiva, tan só un pase de José Ángel que deixou pasar Samu Castillejo pero o disparo de Manu Trigueros foise alto. Garitano tardou en facer os trocos (tan só dous), que non chegaron ata os últimos quince minutos. Entraron Borja Valle e Joselu, que tivo a última ocasión clara do partido: saque de esquina lanzado por Emre Çolak, o de Silleda que peitea coa testa e Asenjo, cunha man a córner, evita a vitoria deportivista. Nos minutos finais, os dous equipos deron por bo o reparto de puntos, e o Dépor suma 18 en 18 xornadas. A visita a As Palmas (venres ás 20.45 horas) será a derradeira cita da primeira volta.

Arribas reclamou un penalti no minuto 50 por agarrón de José Ángel.
Arribas reclamou un penalti no minuto 50 por agarrón de José Ángel. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta