Desfeita total do Obra

O equipo compostelán cae 72-91 co Fuenlabrada e suma a quinta derrota consecutiva. Os de Moncho Fernández encaixaron un parcial de 25-48 entre o segundo e terceiro cuarto. Obradoiro, en postos de descenso con tan só catro vitorias na primeira volta.

Por gcdeportes | Compostela | 15/01/2017 | Actualizada ás 22:24

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Obradoiro 72:
Mickey McConnell (2), Dulkys (0), Bendzius (3), Whittington (12) e Pustovyi (16) –cinco inicial- Fran Cárdenas (4), Nacho Llovet (0), Rosco Allen (14), Txemi Urtasun (11), Santi Yusta (6) e Pepe Pozas (4).
Fuenlabrada 91: Hakanson (10), Paco Cruz (10), David Wear (13), Paunic (13) e Diagné (5) –cinco inicial- O’Leary (6), Luka Rupnik (16), Sekulic (5), Rolands Smits (10) e Moreno (3).
Parciais: 21-15, 12-28 (33-43), 13-20 (46-63), 26-28 (72-91).
Árbitros: J.C. García González, Francisco J. Araña e Martín Caballero. Eliminaron por cinco faltas persoais a Nacho Llovet.
Incidencias: partido da 17ª xornada da Liga ACB disputado no Multiusos Fontes do Sar ante unos 4.556 espectadores.

Rolands Smits machaca o aro compostelán.
Rolands Smits machaca o aro compostelán. | Fonte: ACBPhoto

Derrota sen paliativos. Un parcial de 12-28 no segundo cuarto; e de 25-48, sumándolle o terceiro. Ao final, 72-91 ante Fuenlabrada, a derrota máis avultada do curso en Sar, a quinta consecutiva na Liga: Real Madrid, Bilbao, Unicaja, Barcelona e Fuenlabrada). E malas sensacións ante un rival directo: Obradoiro queda con 4 vitorias en 16 xornadas da primeira volta (en postos de descenso por pero basket-average que o Joventut); e Fuenlabrada sumou o sétimo triunfo.

Obradoiro vía no choque con Fuenlabrada unha especia de primeira final na loita pola permanencia. E comezou concentrado, apertando en defensa e buscando a Artem Pustovyi en ataque. Tras unha tripla de Shayne Whittington, 14-9 e tempo de Fuenlabrada. Hakanson e Cruz anotaron dende 6,75, pero Whittington sumou a segunda e o Obra mandaba 21-16.

Rosco Allen anotou 4 puntos e os galegos gañaban 27-22. Aí comezaron os problemas. Ata o descanso, parcial de 6-21. Smits machacou dúas veces o aro compostelán e o Obra foise pouco a pouco do partido. Sen concentración defensiva e sen rumbo en ataque. Tempo de Moncho Fernández con 29-31. Mickey McConell e Dulkys, desaparecidos; Rupnik e Wear, castigando o aro local. No tempo de lecer, 33-43.

Nada mudou tralo paso por vestiarios. Dous minutos sen canastras e tripla de Wear (33-46). Obradoiro non defendía, e Paco Cruz e Diagné levaron a diferenza ata case os 20 puntos (38-57). Os composteláns, aínda que sen moita convicción, loitaban por volver ao partido, pero Cruz pechou o terceiro cuarto cunha tripla para poñer o 46-63.

Ao pouco de principiar o último asalto, Fuenlabrada acadou a máxima vantaxe (48-69) e o partido xa non tivo historia. Rupnik e Paunic anotaban con facilidade e Obradoiro encaixou unha dolorosa derrota por 72-91, con algúns apupos da bancada ao equipo ao remate.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta