Temas: XUNTA EMPREGO ERE

Traballadores de Política Social da Xunta denuncian o “ERE encuberto” de persoal temporal

Denuncian que o artigo 12 da lei de acompañamento afecta a uns 3.000 empregados que "van rematar na rúa".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2017 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

Un cento de traballadores da área de Política Social da Xunta concentráronse este luns fronte ao Parlamento galego para esixir a retirada do "ERE encuberto" de persoal temporal da administración autonómica.

Traballadores da área de Política Social da Xunta protestan fronte ao Parlamento galego contra o 'ERE encuberto'
Traballadores da área de Política Social da Xunta protestan fronte ao Parlamento galego contra o 'ERE encuberto' | Fonte: Europa Press.

Segundo explicou Marta Arias, unha voceira deste colectivo, o artigo 12 da lei de acompañamento dos orzamentos de 2017, que debate esta xornada o pleno da Cámara, afecta a máis de 3.000 empregados en residencias de servizos sociais que temen "rematar na rúa".

Este precepto, en concreto, refírese ao persoal laboral temporal que desempeña postos de traballo de persoal funcionario, e engade unha disposición transitoria á lei de emprego público para a transformación en postos de natureza funcionarial das vacantes que viñesen desenvolvendo eventuais, a través das correspondentes relacións de postos de traballo.

Precisamente tras unha pancarta que rezaba 'Non funcionarización sen negociación. En defensa do servizo e dos postos de traballo', os traballadores advertiron que este proceso levará a "unha privatización dos servizos" e a "chimpar aos temporais", en palabras da voceira do colectivo.

RECLAMAN NEGOCIACIÓN

Ao respecto, esixiron negociación. "Que nos senten nunha mesa, porque ninguén sabe o que vai pasar, e os que pasen a ser funcionarios poden sufrir recortes na súa base salarial, nos complementos e nas extras", asegurou Marta Arias.

De acordo coas súas cifras, os traballadores afectados son arredor do 70-80% dos que desempeñan os seus labores na área de política social, algo máis de 3.000. "Pedimos unha OPE -oferta pública de emprego-, non a funcionarización", engadiu.

"Levamos dende 2005 sen praza e somos o persoal máis vendido; agora imos rematar na rúa", agregou Carmen, outra traballadora que tamén participou nunha protesta na que se puideron escoitar consignas como "Política Social rouba o noso pan".

Temas: XUNTA EMPREGO ERE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta